Desaparecidos no mar: a figura xurídica que entra en xogo cando se deixa de buscar os mariñeiros

O pesqueiro Villa de Pitanxo, con base en Marín, nunha imaxe de arquivo © VesselFinder.com

Os labores de busca dos 12 mariñeiros desaparecidos do arrastreiro Villa de Pitanxo nas augas de Terranova seguen suspendidos, pero o Goberno de España traslada a "boa disposición" de Canadá para retomalos cando mellore o tempo. De non aparecer os corpos, comezará o proceso para a declaración xudicial de falecemento

As primeiras 36 horas desde que se produciu o naufraxio do Villa de Pitanxo foron de intensa busca por parte dos efectivos de salvamento de Canadá, que despregou un dispositivo marítimo e aéreo formado por un avión de rescate, un barco e dous helicópteros. Cinco pesqueiros, entre eles barcos galegos e portugueses, que tamén estaban no caladoiro de Terranova, participaron na operación que logrou rescatar con vida a tres dos 24 tripulantes do arrastreiro con base en Marín.

Esas 36 horas vivíronse coa mesma intensidade en Galicia ata que as autoridades canadenses informaron das suspensión do dispositivo de busca dos –ata o momento– 12 mariñeiros desaparecidos. Aínda co temporal enriba, e unha temperatura da auga entre 1º e 2º, desde a illa de Terranova chegaba a noticia de que comezaba o proceso para declaralos desaparecidos no mar.

Corenta e oito horas despois, e coas familias reclamando que non se abandonase o rescate tan rápido, o presidente Pedro Sánchez trasladou a ″boa disposición″ por parte de Canadá para seguir intentando localizar os corpos sen vida dos tripulantes do Villa de Pitanxo ″cando as condicións meteorolóxicas o permitan″.

Os servizos de rescate canadenses, no mar de Terranova á procura dos tripulantes do Villa de Pitanxo tras o naufraxio © JRCC Halifax

Pedro Sánchez mantivo na tarde do venres unha conversa telefónica co primeiro ministro de Canadá, Justin Trudeau, e confirmou que España se está a coordinar cos gobernos de Terranova e Labrador para acelerar a repatriación dos sobreviventes e mais das nove vítimas mortais achadas ata esta data. Un avión A-400 do Exército do Aire sairá este domingo con destino ao aeroporto de Saint John's de Terranova para traelos de volta.

A armadora do Villa de Pitanxo, Pesquerías Nores Marín, tamén informou de que contratou unha empresa especializada na xestión da repatriación para ″axilizar″ os trámites e ″traelos canto antes″. Así mesmo, explicou nun comunicado que a súa mutua, Fremap, está a coordinar a prestación de asistencia psicosocial ás familias das vítimas.

Ao longo desta fin de semana, un equipo forense canadense emitirá os certificados de defunción e terá que identificar os corpos dos nove mariñeiros que se recuperaron do mar, para comunicarllo aos seus familiares. Pola súa banda, desde Pesquerías Nores inciden en que están a realizar ″todas as averiguacións posibles para coñecer as causas deste desgraciado accidente″.

De non atoparen os corpos, entra en xogo a vía xurídica para a declaración xudicial de falecemento, que é, de facto, a presunción da morte dunha persoa, e produce os mesmos efectos xurídicos que se houbese unha morte comprobada, é dicir, un cadáver. A partir dese momento pódense iniciar trámites esenciais, como a apertura das sucesións.

Hoxe, os desaparecidos nun naufraxio poden ser considerados como falecidos nun prazo de oito días ou un mes desde o afundimento do barco, en función das circunstancias do suceso

Nun inicio, o Código Civil español diferenciaba entre a ′declaración de ausencia′ e a 'declaración de falecemento′. A primeira estaba pensada para unha situación transitoria na que unha persoa marcha e non se sabe ben o que vai pasar con ela, e se empregaba como paso previo á segunda, que funciona como unha presunción de que alguén morreu e non se pode demostrar ao non ter un cadáver, pero ten en conta unha serie de circunstancias que levan a crer, racionalmente, que esa persoa pode estar falecida. En casos como o naufraxio do Villa de Pitanxo podían pasar mesmo anos en chegar a ter formalmente unha declaración de defunción.

No ano 2000, da man da lei de modificación da regulación da declaración de falecemento dos desaparecidos con ocasión de naufraxios e sinistros, logrouse unha redución dos tempos de espera para os familiares nestes casos. Na exposición de motivos desta lei xa se menciona a ″pesca extractiva″ como unha ″actividade laboral de elevado risco″ na que ″desgraciadamente se producen con maior frecuencia que a desexada, perdas de vidas humanas, tanto de carácter colectivo con ocasión do naufraxio de buques, como individuais por caídas o mar e a inmersión na agua da persoa, coa súa posterior desaparición física″. 

Na Seguridade Social xa se estableceran mecanismos protectores para o acceso a pensións de viuvez ou orfandade, pero non existía unha regulación axeitada no Código Civil. Así, modificouse o seu artigo 194 para que xa non haxa que agardar varios anos ata lograr esta declaración xudicial de falecemento tan necesaria para as familias que quedan en terra.

En 2015 reducíronse aínda máis os prazos e simplificouse o procedemento. Desta maneira, o Código Civil dita hoxe no terceiro punto do seu artigo 194 que nos casos nos que non haxa noticias de persoas que ían a bordo dunha nave que desaparece no mar, aínda que se atopen outros sobreviventes ou restos humanos que non poden chegar a identificarse, poden ser declaradas como falecidas nun prazo de oito días. O mesmo artigo tamén permite a declaración de falecemento das persoas que "se atopen a bordo dunha nave que se presuma naufragada ou desaparecida por inmersión no mar" e con "evidencias racionas de ausencia de superviventes" no prazo dun mes "dende as últimas noticias recibidas" ou, en ausencia destas, "dende a data de saída da nave do porto inicial".

Imaxes dos traballos de rastrexo tras o naufraxio do Villa de Pitanxo, tomadas polos servizos de rescate canadenses

As familias non poden facer nada para lograr a declaración de falecemento dos desaparecidos, depende só da Fiscalía

Nestes casos, quen ten a potestade para instar a que se realice esa declaración de falecemento non son os familiares senón que é o Ministerio Fiscal, que pode actuar de oficio. Ademais, como o naufraxio do Villa de Pitanxo sucedeu no estranxeiro, as competencias correspóndenlle ao xulgado do lugar onde se iniciou a viaxe. Polo tanto, desde os xulgados de Marín terán que comprobar que está acreditada a solicitude de declaración xudicial de falecemento. A norma establece un período de días para estes trámites, non de meses nin anos.

Para rematar o proceso, desde os xulgados de Marín teñen que emitir un decreto que considera falecidos a todos os desaparecidos nese naufraxio. A efectos xurídicos, a súa data de falecemento será a do afundimento do barco, independentemente de que sigan abertas as investigacións sobre as causas do sinistro. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.