Canadá suspende a busca dos desaparecidos do Villa de Pitanxo con doce tripulantes desaparecidos

Área na que os servizos de rescate e varios pesqueiros traballaron no rastrexo tras o naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova © JRCC Halifax

Fin da operación de rescate dos 12 tripulantes do Villa de Pitanxo que aínda seguen desaparecidos. Contra as dez da noite do pasado mércores, 16 de febreiro -hora galega, cinco horas menos no Canadá-, o Joint Rescue Coordination Center (JRCC) de Halifax, con base en Nova Escocia, facía público que ás catro da tarde da mesma xornada "foi suspendida a busca dos doce mariñeiros desaparecidos do Villa de Pitanxo".

As autoridades canadenses conclúen que xa non hai posibilidade ningunha de atopar con vida máis tripulantes do barco naufragado tras 36 horas de procura

Defenden os servizos de rescate canadenses que, "desafortunadamente", deron en tomar esta decisión tras coordinar labores de busca durante algo máis de día e medio nunha superficie dunhas 900 millas náuticas cadradas. "Os nosos pensamentos e sinceras condolencias para as familias, amizades e comunidade" destas persoas, sinalaron, antes de indicar que o naufraxio do Villa de Pitanxo pasa a ser abordado agora como "un caso de persoas desaparecidas no mar" por parte das "forzas da orde".

Os servizos de rescate canadenses, no mar de Terranova á procura dos tripulantes do Villa de Pitanxo tras o naufraxio © JRCC Halifax

Segundo fontes das autoridades canadenses recollidas polo Faro de Vigo, que cita á Axencia EFE, a suspensión do rastrexo chegou porque os servizos de rescate consideran xa "nulas" as posibilidades de atopar máis sobreviventes do naufraxio. As malas condicións meteorolóxicas e, sobre todo, as baixísimas temperaturas das augas -arredor dos cero graos centígrados- son as principais causas destas escasas posibilidades. A Xunta reclamara, por boca do presidente Feijóo, que o rastrexo durase cando menos un día máis e o Goberno de España, a través do seu delegado en Galicia, José Miñones, detallou que Canadá xa estendeu o rescate 13 horas máis do previsto por defecto nos seus protocolos.

Os tres barcos que trasladan os tres sobreviventes e os 9 corpos que si foron atopados chegan este xoves ao porto de Saint John, na illa de Terranova

O anuncio da suspensión do rescate chegaba despois de que, a través do Salvamento Marítimo español -entidade dependente do Ministerio de Transportes-, Canadá corrixise á baixa o número de corpos da tripulación que foran achados no mar. Non foran dez, senón nove, aclararon, no que semella un erro provocado polo gran número de barcos implicados nos labores de rastrexo, entre pesqueiros galegos e portugueses e mais os propios servizos de rescate e outros barcos canadenses. Tamén participaron aeronaves do país americano.

A primeiras horas este xoves, Salvamento concretaba que, unha vez suspendidos os labores de rescate, "os barcos que rescataron os tres sobreviventes e recuperado a 9 persoas falecidas" xa estaban a dirixirse ao porto de Saint  John, na illa de Terranova, cunha previsión de chegada arredor das 11 da mañá, "hora peninsular española". O pesqueiro Playa Menduíña Dos, que como o Villa de Pitanxo ten tamén base en Marín, traslada a porto aos 3 tripulantes que puideron ser rescatados e mais a 6 dos falecidos. O portugués Franca Morte traslada un corpo e o Nexus canadense, a outros dous dos falecidos.

Labores de busca dos desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo en Terranova, en imaxes tomadas polos servizos de rescate canadenses © JRCC Halifax

Comeza agora o proceso diplomático e legal para a volta a Galicia dos sobreviventes e a repatriación dos corpos que puideron ser recuperados. Tamén continuarán as pescudas para coñecer as causas exactas do naufraxio, toda vez que aínda non se recuperaron tampouco os restos do barco.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.