Sebastián Freire pasou 30 anos pescando nos caladoiros de Terranova. Este mariñeiro de Marín describe como se vive no interior dos arrastreiros que van ao fletán no mesmo sitio que naufragou o Villa de Pitanxo, un sinistro que sorprendeu a toda a xente do mar
″Cando había mal tempo non durmía pensando en que nos fallase o motor e perdésemos a gobernanza do barco″, conta Sebastián Freire Moreira, mariñeiro e xefe de máquinas –agora xubilado– que pasou 30 anos indo pescar aos caladoiros da illa de Terranova, en Canadá. Aínda que asegura que ″mal non o pasaba″, lembra ben os días de temporal nos que a situación era ″impredecible″ por momentos. ″Todo pode pasar moi rápido nesas circunstancias, podes non ter tempo de nada, como lle puido pasar aos do Villa de Pitanxo″, salienta desde Marín.
A Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo confirmou este xoves, con información da armadora do barco Playa Menduíña Dos, que xa se atopaba a 150 millas do porto de St. John′s de Terranova, cara ao que navega ao ritmo que lle permite o mal tempo. Nese buque, tamén galego, van os tres sobreviventes do naufraxio do arrastreiro Villa de Pitanxo e mais os corpos sen vida de varios dos seus compañeiros. Hai 12 desaparecidos.
"Antes podías meter mil e pico toneladas de peixe no barco e agora coas cotas ao mellor traes cen toneladas", di Sebastián Freire
A tripulación do Villa de Pitanxo estaba formada por 24 persoas, que saíron do Porto de Marín o pasado 26 de xaneiro cara ás augas da NAFO, como lle chama a xente de mar, polas siglas en inglés da Organización de Pesca do Atlántico Noroeste, que xestiona a pesca nesa zona do océano. Esa xestión é importante para entender as diferenzas das últimas décadas entre a situación dos mariñeiros que van pescar a Terranova. As cotas de pesca mudárono todo. Antes botaban cinco ou seis meses no mar, ata encher as bodegas do barco. Primeiro foi de bacallau, despois de fletán, e no medio de patuxa.
″Ao principio de ir a Terranova (hai trinta anos) pasaba na casa 20 días en todo o ano″, lembra Sebastián Freire, ″pero agora as mareas son máis curtas, normalmente non pasan dos dous meses, e repártense ao longo do ano". "Xa ninguén volve coas bodegas cheas porque non se pode, antes podías meter mil e pico toneladas de peixe no barco e agora coas cotas ao mellor traes cen toneladas. Mais tamén subiron os prezos do peixe con respecto a aqueles anos″, apunta este mariñeiro xubilado, que comezou aos 28 anos como mariñeiro raso nun barco de pesca que botou medio ano en Chile e, á volta, decidiu formarse para traballar na sala de máquinas dos buques, onde chegou a ser o xefe.
"Sempre se capea o temporal. Para entrar a porto hai que ter permisos e non é tan doado"
″Nós non podemos ir a porto, faga o tempo que faga″, destaca sobre a situación dos barcos que van ao fletán Sebastián Freire, que leva escoitado estes días moitas versións sobre por que o Villa de Pitanxo permaneceu no medio do mar co temporal. ″Capéase o temporal, sempre″, asevera, ″para entrar a porto hai que ter permisos e non é tan doado. Normalmente, o porto de St. John′s é o máis próximo, pero supón entrar en augas canadenses, por iso é máis doado atracar no de St. Pierre, nunha illa controlada por Francia, pero que queda máis lonxe e se poden tardar ata tres días de viaxe desde os caladoiros″.
Cando estás –literalmente– no medio do mar, ficas a mercé do vento. ″A situación alá é moi mala, sobre todo no inverno, que é cando máis peixe hai. Debe ser que este peixe, como é de fondo, non nota o temporal que ten enriba. Podes ter que baixar 400 ou 700 metros para atopalo, e incluso temos chegado aos 1.200 metros de profundidade. Canto máis abaixo os peixes son máis grandes, pero hai menos cantidade″, explica o mariñeiro desde a súa casa en Marín.
Juan Taboada (Meteogalicia): "En Terranova as borrascas collen forza, pero en mar aberto o perigoso é o vento, que sumado á enerxía das ondas é complicado de manexar"
Sebastián Freire describe como a auga do mar está tan fría que, ao romper as ondas contra os barcos, arrefríase ao momento e convértese en xeo. Isto incrementa o peso da embarcación e dificulta a súa estabilidade, sobre todo se ten moita carga na bodega que se despraza cara a un dos lados. ″Temos saído moitas veces á cuberta para romper ese xeo e que non afectase no rumbo do barco. Vai tanto frío que os peixes que quedan ás veces na superficie do barco, conxélanse en menos de tres horas á intemperie″, exemplifica.
A temperatura da auga na contorna de Terranova é significativamente máis baixa que en Galicia, e a diferenza térmica con outros caladoiros tradicionais para os barcos galegos tamén é importante. Juan Taboada, meteorólogo de MeteoGalicia, observa que nestes días as augas galegas se atopan entre os 13º e os 14º graos de temperatura. Porén, en Terranova están a 1º ou 2º. E non é unha cuestión de latitude, pois nos caladoiros do Gran Sol a auga está a uns 10º. No continente europeo beneficiámonos das augas cálidas que chegan da corrente do golfo de México, pero ás augas canadenses chega unha corrente con augas moi frías dende o golfo do Labrador.
Terranova encóntrase no camiño das borrascas que chegan a Galicia. ″As borrascas que nos afectan a nós collen a súa enerxía na interfase entre o aire frío polar e o aire un pouquiño máis cálido que quedaría no sur. Nesta época do ano, o ′camiño das borrascas′ está situado nunha liña imaxinaria entre Terranova e Irlanda, porque se fas unha media de moitos anos atrás ves como este é o lugar onde se acostuman a formar as borrascas. Non é que as borrascas nazan alí, pois poden vir do continente americano; como ocorreu neste caso, no que en Terranova a borrasca colleu máis forza″, debulla Juan Taboada.
″Pero en mar aberto o que é perigoso é o vento″, advirte o meteorólogo. Estes días, o vento sopra con moita forza en Terranova e iso, sumado á enerxía das ondas, fai que o mar sexa complicado de manexar. Juan Taboada di que, para imaxinar a situación, sería como estar nun batedor azoutado polo vento. Esta sensación tamén a lembra Sebastián Freire, dos invernos que ten pasado nas augas da NAFO: ″Amarrade ben as cousas na máquina que vén mal tempo, dicíannos″.
Os barcos de agora, como o Villa de Pitanxo, que se construíu en 2004, están informatizados e moitas veces poden prever os temporais. ″O aparello avísache de que se está formando un temporal, entón adiántaste e navegas 12 ou 15 horas (normalmente cara ao sur) para escapar desa zona″, conta o mariñeiro de Marín. Con todo, moitas veces os avisos non se cumpren e outras moitas o mal tempo chega sen avisar.
Ademais, os primeiros barcos nos que Sebastián Freire foi a Terranova tiñan 1.200 cabalos de potencia e case non eran quen de arrastrar o saco co peixe. Hoxe hai barcos con motores de 3.000 cabalos. Aínda así, a viraxe do rumbo segue a ser un momento crítico. "As ondas poden tumbarche o barco", asegura Freire, ″a forza dun golpe de mar pode dobrar as varandas do barco e romper as zodiacs que van no exterior. Se o vento te colle de costado, tómbate en menos de nada, e como se che corra un pouco a carga de dentro xa estás perdido″.
″Vas porque non tes outra cousa onde ir e porque tes unha familia. E xa de ter que ir o mar, polo menos ir onde poidas gañar cartos, non? Volves, cobras e onde te metes? Tes que volver ao mar"
″Cando vai mal tempo o barco non pode ir en arrastre, tes que parar. Nós perdemos un home unha vez que iamos ao arrastre e empezamos a virar. Tes ata 2.000 metros de cable no mar, leva tempo. Mentres, o mar enterrou a proa e comezou entrar moita auga. Así que paramos todo. Cando parecía que amainaba, os mariñeiros volveron saír para intentar meter o saco dentro, pero houbo un golpe de mar e tiveron que escapar de novo. Un deles, seguido do contramestre, intentou escapar por unha escaleira cara a parte de popa máis alta. Rebentou unha porta de arrastre que tiña no costado e partiulle a perna en dous. O contramestre saíu arrastrado e apareceu ao cabo dun ano e medio intacto, recoñecible e todo, mesma roupa e mesma cara″, rememora Freire. Naquela ocasión, o helicóptero de salvamento non puido saír na súa axuda ata o día seguinte debido ao mal tempo.
"Mariñeiros que van dar a volta ao mundo teñen unhas medidas de seguridade que non son as dos mariñeiros para traballar. Na pesca non poden traballar cos traxes de supervivencia postos porque con eles non te podes mover″
Sebastián Freire Moreira traslada que a primeira vez en Terranova sempre é moi mala. A pregunta, entón, é de onde se sacan as forzas para volver: ″Vas porque non tes outra cousa onde ir e porque tes unha familia. E xa de ter que ir o mar, polo menos ir onde poidas gañar cartos, non? Duro é, pero despois acostúmaste. Tampouco tes mal tempo todos os días. Logo volves, cobras e onde te metes? Tes que volver o mar″. El estivo uns catro anos pescando en Angola. Alí o mar é totalmente distinto, é un mar en calma. Pero na sala de máquinas trabállase a 47º e non se gana o mesmo, pois a pescada tampouco ten o mesmo prezo. No seu caso, preferiu volver ao fletán.
O naufraxio do buque arrastreiro Villa de Pitanxo sorprendeu a toda a xente do mar esta semana. No Morrazo e en Marín é onde hai máis preguntas sen resposta. ″É o primeiro naufraxio dun barco galego que hai nesa zona. Ten habido temporais inmensos e perdas dalgúns homes, compañeiros; pero así como isto é a primeira vez″, destaca Xabier Aboi, responsable de Mar na CIG e veciño de Marín. ″Por desgraza, o mar é moi traizoeiro. Ao mar hai que terlle medo, sempre; non respecto″, engade.
O sindicalista da CIG agarda que se poidan extraer conclusións do sinistro para aprender delas e, sobre todo, reclama melloras na formación en salvamento, algo que considera que é unha responsabilidade dos Gobernos. Así mesmo, pon o foco en que teñen avanzado moito máis as medidas de seguridade na náutica deportiva que na pesca: ″Hoxe os mariñeiros que van dar a volta ao mundo en barco teñen unhas medidas de seguridade que non son as que teñen os mariñeiros para traballar. Na pesca, os mariñeiros non poden traballar cos traxes de supervivencia postos porque con eles non te podes mover″.