O principal emblema da revista multinacional Forbes é a súa publicación periódica da lista de persoas máis ricas do mundo e as correspondentes derivadas en cada Estado onde se edita. A edición española da revista vén de divulgar a listaxe do 2021, que volve estar encabezada polo fundador de Inditex, Amancio Ortega (67.000 millóns de euros) seguido pola súa filla maior, a empresaria Sandra Ortega (6.300 millóns).
Os presidentes de Ferrovial e Mercadona figuran na terceira e cuarta posición dunha lista na que se estrea Juan Carlos Escotet, presidente de Abanca. Segundo Forbes, a fortuna persoal do banqueiro hispano-venezolano ascende a 2.700 millóns de euros.
A revista destaca sobre Escotet a súa traxectoria profesional en diversos bancos de Sudamérica ata a fundación, en 1991, do Banesco. Foi con ese grupo bancario co que Escotet desembarcou en Galicia, primeiro coa compra do histórico Banco Etcheverría (2012) e apenas un ano despois, a finais de 2013, coa compra de Novagalicia Banco ao Estado nunha poxa na que ofreceu 1.000 millóns de euros.
Escotet desembarcou en Galicia a través do venezolano Banesco; primeiro coa compra do Etcheverría e despois ao gañar a poxa por Novagalicia Banco, entidade resultante do rescate público de Novacaixagalicia
Aquela Novagalicia Banco non era outra que a entidade resultante do rescate público de Novacaixagalicia, a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova. A caixa única acabou precisando unha inxección superior aos 10.000 millóns de euros. Dentro dese montante atopábanse os arredor de 9.000 millóns de euros que o Banco de España xa deu por perdidos na operación.
Aos poucos meses daquela compra nacía Abanca. Tres anos despois, ao presentar os resultados do ano 2016 -333 millóns de euros de beneficios-, Escotet aseguraba que o que recibiu dos restos da antigas grandes caixas galegas fora un banco "escarallado", "un paciente en terapia intensiva que agora pode correr o maratón de Nova York", ilustraba. Ao ano seguinte, en 2017, deixaba saldada a factura da compra das caixas. Dende ese mesmo ano, Escotet preside a entidade, da que é máximo accionista.
Os beneficios de Abanca continuaron mesmo coa pandemia (160 millóns de euros en 2020) e o mesmo segue sucedendo en 2021 (210 millóns no terceiro trimestre, cun crecemento interanual do 46%). Paralelamente, o banco foi abandonando boa parte da carteira empresarial das antigas caixas mentres se expande mediante compras como a da rede de Deutsche Bank en Portugal, as de Caixa Geral e Novo Banco en España ou a vasca Bankoa.
Os beneficios e expansión de Abanca cadran no tempo coas protestas pola redución de servizos da entidade nalgúns lugares e tamén co incremento da influencia de Escotet na economía e na actividade sociopolítica e empresarial de Galicia
No entanto, esta expansión cadra no tempo coa redución de servizos e peche de sucursais por parte de Abanca en diversos concellos galegos, o que xa suscitou mobilizacións en varias localidades. Con este pano de fondo, o pasado setembro a Xunta confirmaba que será a propia Abanca a que reciba a súa subvención para instalar caixeiros onde xa non hai sucursais; operación que segundo a entidade non resulta "rendible", pero que acomete por "compromiso social", asegura.
Ao tempo, a influencia de Escotet na economía e na actividade sociopolítica e empresarial de Galicia non deixou de aumentar. Xa sexa a través da creación da primeira universidade privada do país -que Forbes tamén destaca entre os seus logros-, mediante a súa incorporación á fundación do editor do xornal La Voz de Galicia, co rescate e control do Deportivo da Coruña -club no que o empresario non desbota aumentar a súa implicación no futuro- ou a través da sociedade público-privada impulsada pola Xunta para captar fondos europeos de recuperación tras a COVID.