Abanca merca a rede española do portugués Novo Banco

© Abanca

Abanca vén de pechar con Novo Banco a compravenda do negocio do banco portugués en España, alcanzando así os 100.000 millóns de euros de negocio reforzando a súa posción en dúas áreas prioritarias de actividade: banca persoal e privada e negocio empresarial, segundo detalla a entidade nun comunicado. 

Abanca alcanza os 100.000 millóns de euros de negocio tras a compra do negocio de Novo Banco en España

A compra "presenta un baixo risco de execución e mínimo consumo de capital", explica Abanca, que logo desta operación terá un volume de activos de 71.338 millóns de euros e xestionará 42.368 millóns de crédito á clientela, 46.037 millóns de depósitos e 11.789 millóns en pasivo fóra de balance. Ademais, o seu cadro de persoal situarase nos 6.312 empregados e o número de oficinas chegará ás 745.

Instalacións de Abanca © Abanca

Novo Banco España achega a Abanca un volume de negocio de 4.287 millóns, ademais de de 10 oficinas situadas en contornas urbanas "con especialidade en banca persoal, privada, de empresas, corporativa e institucional". O negocio da entidade lusa no Estado conta cun persoal formado por 172 empregados e unha rede de 102 axentes financeiros especializados.

Abanca destaca o reforzamento do negocio da banca persoal e privada e do seu posicionamento en Madrid

A operación, a expensa da obtención das autorizacións regulatorias correspondentes, suporá un proceso de integración máis en Abanca que, lembra, "acumula unha contrastada experiencia nos últimos anos". A entidade aclara que esta operación "robustece" o seu posicionamento, "moi especialmente en Madrid" e en segmentos de negocio que considera "estratéxicos" como o negocio de banca persoal e privada. 

Neste ámbito, destaca que xa creceu nos últimos anos ao desenvolver o seu Plan Estratéxico e coas compras da rede de Deutsche Bank PCB en Portugal, a de Banco Caixa Geral en España e, máis recentemente coa adquisición de Bankoa. 

Ademais, a entidade ve reforzada coa compra da rede española de Novo Banco o negocio de empresas, especialmente na operatoria fóra de balance e a actividade exterior, así como a actividade aseguradora "un negocio en pleno crecemento en Abanca". 

Abanca suma suma xa seis operacións corporativas desde 2014 

A entidade xurdida dos restos das caixas galegas suma xa seis operacións corporativas desde 2014.  A primeira foi a integración en 2014 do Banco Etcheverría; en 2017 realizouse a compra de Popular Servicios Financieros; en 2018 adquiriu Deutsche Bank PCB, e tamén en 2018 comprou á Caixa Geral de Depósitos o seu banco en España, Banco Caixa Geral. En 2020, produciuse a compra de Bankoa, cuxo proceso de integración finalizará durante o cuarto trimestres de 2021.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.