A primeira universidade privada de Galicia nace entre críticas de BNG e PSdeG pola "competencia desleal" ao sistema público

Sede do IESIDE na Coruña, que acollería un dos campus da futura universidade © IESIDE

A primeira universidade privada de Galicia xa conta co visto bo do Parlamento, un dos últimos trámites que lle restaba para a súa posta en marcha o vindeiro curso. A maioría absoluta do PP aprobou o proxecto de Lei de recoñecemento da Universidad Intercontinental de la Empresa, que contou co total rexeitamento de BNG e PSdeG-PSOE.

Para Manuel Lourenzo (BNG) o PP pon "unha alfombra vermella para unha universidade privada que non precisa este país, mentres se seguen a poñer paus nas rodas á universidade pública"

No debate, os populares defenderon a través de Ovidio Rodeiro a creación deste centro privado como “unha oportunidade para atraer talento do exterior" e por "crear empregos de calidade". Pola contra, os grupos da oposición denunciaron o prexuízo que a entrada da iniciativa privada no ámbito da universidade en Galicia pode ter para as tres universidades públicas, que tamén se opoñen frontalmente á nova Universidad Intercontinental de la Empresa. Nacionalistas e socialistas fixeron tamén fincapé no "innecesario" da creación da universidade privada, impulsada por Abanca.

BNG e PSdeG denuncian que, ante o gran número de ausencias de deputados do PP, o presidente do Parlamento atrasou a votación ata a súa chegada, asegurando a aprobación da lei 

A pesar de que o PP conta cunha cómoda maioríra absoluta na cámara, que lle permite aprobar en solitario este tipo de leis, deuse a circunstancia de que este martes había un gran número de deputados e deputadas populares ausentes no Parlamento galego, tantos que no momento en que se debía ter votado a norma, os representantes do PP eran minoría ante os de BNG e PSdeG. Nacionalistas e socialistas denuncian que o presidente da cámara atrasou a votación ata que o número de deputados populares foi suficiente, aprobándose a lei, finalmente, por un só voto de diferenza

Manuel Lourenzo (BNG), este martes no debate parlamentario © BNG

Para Manuel Lourenzo (BNG) o PP pon "unha alfombra vermella para unha universidade privada que non precisa este país, mentres se seguen a poñer paus nas rodas á universidade pública, que é o que si necesitamos, unha universidade pública forte e ben financiada”. Lourenzo tamén criticou a “tramitación vergoñenta” na que “Abanca pasou por riba mesmo dos reitores da universidade pública”.

O BNG denunciou que con esta lei o PP introduciu un "debate ideolóxico que coma todos os debates ideolóxicos pretenden vestir pola dereita cun traxe técnico”

O BNG denunciou que con esta lei o PP introduciu un "debate ideolóxico que coma todos os debates ideolóxicos pretenden vestir pola dereita cun traxe técnico”. Así, para Lourenzo, a "liberdade" na que o PP basea a súa defensa da iniciativa privada na educación superior só significa que "se unha familia pode pagar 50.000 euros, o custo dunha matrícula completa, conta con esa liberdade". 

Pola contra, Ovidio Rodeiro respondeu acusando á oposición de opoñerse a esta universidade por "prexuízos ideolóxicos" e afirmou en varias ocasións que a nova universidade privada "non lle vai custar un só euro á universidade pública", aínda que non entrou na cuestión da competencia que exercerá contra elas.

Polo PSdeG-PSOE, Noa Díaz tamén acusou á Xunta de poñerlle a “alfombra vermella a unha universidade privada” que “contravén a norma básica que regula o Sistema Universitario Galego” e ampara a “competencia desleal” coa universidade pública. Díaz denunciou que con esta iniciativa o Goberno galego "lle abre a porta a calquera universidade privada que apareza a partir de agora”.

A socialista incidiu en que a norma “incumpre con total impunidade a Lei do SUG no que se refire á duplicidade de títulos” cando obriga que o catálogo de titulacións “deberá ser complementario e non reiterativo”, unha denuncia na que se apoia nun informe emitido polo Consello Económico e Social de Galicia.

Polo PSdeG-PSOE, Noa Díaz acusou á Xunta de amparar a “competencia desleal” coa universidade pública cunha norma que “incumpre con total impunidade a Lei do SUG no que se refire á duplicidade de títulos” 

Noa Díaz puxo como exemplo que a Universidad Intercontinental de la Empresa ofrece o grao en Administración e Dirección de Empresas, que xa se imparte en Galicia nas tres universidades públicas e en cinco campus, os de Ourense, Vigo, Santiago, Lugo e A Coruña. Unha duplicidade de novas titulacións, dixo, que ás universidades galegas lles é negada. "Non nos opoñemos á iniciativa privada, pero ten que cumprir a legalidade e, sobre todo, ten que ser necesaria", concluíu a voceira socialista.

Noa Díaz (PSdeG), no debate deste martes © PSdeG-PSOE

Ademais, o PSdeG cualificou como “inadmisible” que a nova universidade privada empregue "os recursos e espazos de Afundación", que “non é máis que a obra social das caixas de aforros galegas, patrimonio de tódolos galegos e galegas”. 

Ovidio Rodeiro (PP) respondeu acusando a BNG e PSdeG de opoñerse por "prexuízos ideolóxicos" e dixo que a nova universidade privada "non lle vai custar un só euro á universidade pública" pero non entrou na cuestión da competencia que exercerá contra elas

Pola súa banda, Afundación, impulsora da nova universidade privada, celebrou a aprobación da lei que certifica o nacemento da Universidad Intercontinental de la Empresa (UIE), destacando que o proxecto "vén sumar e diversificar a educación universitaria e postuniversitaria en Galicia", en palabras do presidente de Afundación e da Fundación Universidad Intercontinental de la Empresa, Miguel Ángel Escotet.

Afundación destaca que a UIE "avanzará na internacionalización", a través da "consolidación e ampliación das súas alianzas xa existentes coas outras institucións de educación superior no mundo". Afirma, así mesmo, que o seu modelo curricular combinará os sistemas de educación superior europeo (Boloña) e anglosaxón e defende que a súa é unha iniciativa sen ánimo de lucro, polo que os seus beneficios serán reinvestidos na propia universidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.