BNG e PSdeG coinciden en que non queda acreditada a necesidade dunha universidade privada en Galicia
O Parlamento de Galicia rexeitou este martes ás emendas a totalidade ao Proxecto de lei de recoñecemento da universidade privada ′Universidad Intercontinental de la Empresa′ formuladas polos grupos da oposición, BNG e PSdeG, que coinciden en que a proposta da universidade de Abanca incumpre a lei do Sistema Universitario de Galicia, na que se establece que as titulacións deben ter carácter complementario e non reiterativo. ″Administración e dirección de empresas na universidade privada e Administración e dirección de empresas na universidade pública, se non é reiterativo, paréceselle bastante″, sostivo o deputado nacionalista Manuel Lourenzo.
O proxecto de lei, aprobado en marzo polo Consello da Xunta, seguirá agora o seu curso parlamentario como estaba previsto polo apoio inicial do PP. ″Estamos ante un cambio de modelo na universidade galega, tornando criterios como os de igualdade, mérito e capacidade por criterios económicos″, criticou o representante do BNG. ″Con isto ábrese a espita para calquera proxecto que apareza e vostedes saben que hai varios á cola″, advertiu a deputada do PSdeG Noa Díaz dirixíndose á bancada ′popular′.
"Non terá incidencia algunha no investimento público", defendeu o conselleiro de Educación
O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, que expuxo na Cámara o proxecto de lei para a creación desta primeira universidade privada, sostivo que será ″complementaria″ aos centros do Sistema Universitario de Galicia e aseverou que noutros puntos do Estado os centros de ensino superior privados son ″normais″. Así mesmo, afirmou que ″non terá incidencia algunha″ no investimento previsto pola Xunta nos centros públicos porque contará cun ″autofinanciamento″ do eido privado. ″Ten a vocación de ser útil e mellorar a oferta da educación superior de Galicia″, incidiu.
″Estamos a falar dunha inmoralidade obscena, que a mesma entidade que foi rescatada con máis de 8.000 millóns de euros públicos das galegas e dos galegos, agora o PP pretenda agasallala tamén coa universidade galega. Esa é a gran contribución de Escotet [presidente de Abanca] á universidade galega, poñer prezos de 10.000 euros de matrícula para acceder á súa universidade privada″, defendeu Manuel Lourenzo.
"A gran contribución de Escotet á universidade galega, poñer prezos de 10.000 euros de matrícula", sinala Manuel Lourenzo
Na mesma liña, a deputada socialista Noa Díaz insistiu en que ″da etérea redacción do proxecto″ non é posible ″desbotar″ que vaia existir unha ″achega de recursos″ por parte do Goberno galego a través de partidas distintas do plan galego de financiamento universitario. ″Preocúpanos que a Xunta non emendase o que a empresa promotora aduce, sen ningún tipo de reparo na memoria presentada, onde di que a nova universidade será beneficiosa para Galicia polo seu impacto económico xa que supón un aforro no gasto público en educación, o que suporía en efecto o inicio do desmantelamento da educación superior pública en Galicia″, salientou.
Tanto BNG como PSdeG lembraron na Cámara o informe contrario a este proxecto emitido polo Consello Económico e Social, a negativa expresamente manifestada polos reitores das tres universidades públicas de Galicia, así como o posicionamento en contra da creación dunha universidade privada de sindicatos e organizacións estudantís. No argumentario a favor esgrimido polo PP está o visto e prace do Ministerio de Universidades, dirixido por Manuel Castells, en referencia ao trámite no que o departamento estatal constatou que o proxecto de Abanca cumpría coa lexislación estatal na materia, a piques de ser reformada. ″Conta co aval positivo do actual Goberno de España″, repetiu o conselleiro de Educación no pleno do Parlamento.
Tamén a favor se mostrou o informe da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta, que foi criticada polo deputado nacionalista por aparecer ″convertida en axencia de marketing de Abanca″ nun texto que para a representante socialista ″por momentos semella un panfleto en lugar dun informe obxectivo″. En concreto, Noa Díaz pediu explicacións sobre as afirmacións de que esta universidade privada ″aumentará a taxa de actividade emprendedora″ no país.
"As universidades públicas xa cobren a demanda con estándares de calidade debidamente avaliados e certificados", di Noa Díaz
Os grupos da oposición reclamaron ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo unha ″aposta decidida polo público″ e centraron as súas demandas no aumento do financiamento estrutural que están a demandar desde as universidades de Santiago, A Coruña e Vigo para o vindeiro curso académico. ″A universidade privada non trae absolutamente nada novo, as públicas xa cobren a demanda con estándares de calidade debidamente avaliados e certificados″, razoou Noa Díaz, quen considerou primordial ″rexuvenecer″ os cadros de persoal dos centros de ensino superior galegos, "mellorar e estabilizar" as condicións do persoal investigador e aumentar as bolsas.