Pontón comparte o rexeitamento á universidade de Abanca cos tres reitores das públicas, que esixen "cumprimento estrito da lei"

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, cos reitores da USC (esquerda) e da UVigo, este 10 de maio de 2021 no Parlamento CC-BY-NC-SA BNG

O pasado marzo, o Consello da Xunta remitiu para o seu trámite parlamentario o texto legal que dará soporte á creación da universidade promovida por Abanca. Será a primeira privada que abrirá en Galicia, neste caso sobre a estrutura do actual Instituto de Educación Superior Internacional de Empresa (Ieside), a antiga Escuela de Negocios Caixanova, dependente de Afundación.

A líder do BNG asegura manter "dúbidas sobre a legalidade do proxecto" de universidade privada porque "duplica titulacións xa existentes" nas públicas

A creación desta universidade privada, que pasou o trámite no Consello Galego de Universidades grazas aos votos da Xunta, depende do visto e prace do Parlamento, onde ten garantidos os votos favorables do PP. Non terá o "si" dos grupos da oposición, BNG e PSdeG, que nas últimas semanas recolleron de primeira man o rexeitamento ao proxecto por parte dos tres reitores das universidades públicas galegas.

Así o fixo este luns a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, nun encontro cos máximos dirixentes das universidades da Coruña, Santiago e Vigo -os reitores compostelán e vigués acudiron presencialmente ao Parlamento e o coruñés participou no encontro por videoconferencia-. "O BNG non vai apoiar que se faga da educación un negocio máis", ratificou Pontón aos reitores, aos que tamén trasladou "dúbidas sobre a legalidade do proxecto", xa que a oferta académica "anunciada polos promotores, duplica graos e titulacións xa existentes" e "a lei recolle expresamente" que a oferta dunha eventual universidade privada "ten que ser complementaria, non redundante".

Sede do IESIDE na Coruña, que acollería un dos campus da futura universidade privada promovida por Abanca © IESIDE

A necesidade que a creación da universidade promovida por Abanca se axuste a un "cumprimento estrito da lei" foi, precisamente, a petición que os reitores compartiron con Pontón. Antonio López (USC), Manuel Reigosa (UVigo) e Julio Abalde (UDC) aseguran estar "preocupados" por esa eventual duplicación de titulacións, "algo que non permite a lei galega de universidades", senón tamén por unha "posible perda de calidade e desvalorización do concepto de ensino universitario" no caso de que este proxecto saia adiante. Máis aínda porque, defenden, as tres universidades públicas teñen "capacidade para dar solución á demanda tanto do alumnado como do tecido profesional e empresarial".

Os reitores amósanse "preocupados" pola posible duplicación de titulacións e por que se "desvalorice o concepto de ensino universitario"

Defende o reitor vigués que "neste momento, as tres universidades galegas públicas, ás que poden acceder todos os galegos e galegas", teñen "un nivel de calidade moi alto e unha gran fortaleza malia pasar por feblezas económicas". O reitor da USC, pola súa banda, sinala que a preocupación das institucións académicas non vai "tanto" por "competir cunha iniciativa privada" como "por que se desvalorice o concepto de ensino universitario" se "se presta nunhas condicións que non son equiparables ás da universidade pública". "Agora, que tanto se escoita que hai que apostar pola ciencia e o coñecemento, é hora de apostar máis que nunca polo sistema universitario público", conclúe.

En resposta aos reitores, Pontón lamentou que a política da Xunta consista, ao seu xuízo, en "poñerlle a alfombra vermella á universidade privada despois de levar doce anos racaneándolle recursos ao sistema público". "Tras permitirlle a Abanca o pelotazo coas caixas, agora Feijóo apadriña unha universidade para ricos, que segrega por nivel de renda", lamenta.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG, o pasado 21 de abril co reitor da USC, Antonio López CC-BY-NC-SA PSdeG

Emenda á totalidade do PSdeG

Caballero ve "contraditorio que a Xunta non permita ás universidade públicas ofertar máis prazas en titulacións con demanda e, ao tempo, habilite proxectos de universidades privadas"

O proxecto universitario de Abanca tamén terá o "non" do PSdeG, cuxo secretario xeral, Gonzalo Caballero, xa confirmou a presentación dunha emenda á totalidade do proxecto no seu trámite parlamentario. Caballero, que está a manter unha rolda de encontros individuais cos reitores, considera "unha contradición que o Goberno da Xunta non permita ás universidades públicas ofertar máis prazas nas titulacións nas que hai demanda" e "ao tempo, estea disposto a habilitar proxectos de universidades privadas, con títulos duplicados".

Neste sentido, o líder socialista asegura que o PSdeG se sitúa "ao carón dos tres reitores para defender o público". Ao seu xuízo, "o modelo pode ter espazo para iniciativas privadas, pero sempre sen duplicar títulos, para fortalecer o sistema e coa aquiescencia do sistema universitario galego e dos tres reitores". "Neste momento -subliña Caballero- a prioridade é a universidade pública e reforzar o seu financiamento no Plan de Financiamento 2022-2026.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.