CESUGA, con sede na Coruña, vén xa ofrecendo estudos universitarios, pero como centro adscrito á Universidad de San Jorge de Zaragoza. Agora persegue converterse nunha universidade independente, que adoptaría o nome de Cesuga International University
O Centro de Estudios Superiores Universitarios de Galicia (Cesuga) vén de rexistrar na Xunta a solicitude para ser recoñecida como universidade privada e independente. Converteríase deste xeito na segunda universidade privada de Galicia, despois da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), impulsada por Abanca, e que aínda se atopa en tramitación, pendente de que Xunta e Parlamento lle dean o seu visto bo.
Na actualidade CESUGA, con sede na Coruña, vén xa ofrecendo estudos universitarios en Galicia, pero como centro adscrito á Universidad de San Jorge de Zaragoza. Agora persegue converterse nunha universidade independente, que adoptaría o nome de Cesuga International University e que nacería "con grande ambición" e o obxectivo de crear dous campus en Galicia "así como en varias capitais de América Latina e África”.
CESUGA, que espera nacer no ano 2022, presume igualmente de que a súa sería "a primeira universidade galega Next Generation" (en referencia a que buscaría "a implantación das máis modernas tecnoloxías dixitais ao servizo da educación e a investigación"). De ser aprobada, ofrecería once graos (algúns deles duais), seis máster e tres programas de doutoramento. Entre os graos aparecen Enfermaría, Xestión Sanitaria, Ciencias Biomédicas, Bioinformática, Enxeñaría Informática, Enxeñaría Matemática, Mercadotecnia e Comunicación Empresarial, Administración e Dirección de Empresas, Business Analytics, Tradución e Comunicación Internacional, e Deseño e Comunicación da Moda conforman os graos.
De ser aprobada, ofrecería once graos (algúns deles duais), seis máster e tres programas de doutoramento en dous campus en Galicia e outros en América e África
No ano 2014 CESUGA adscribiu a súa actividade á universidade privada San Jorge de Aragón, promovida pola arquidiocese de Zaragoza e unha fundación católica. Anteriormente, estaba adscrita á irlandesa University College Dublin. A aterraxe da universidade San Jorge en Galicia foi moi criticada no seu momento polas tres universidades públicas galegas, que denunciaban que mentres ás universidades públicas se lles pide eficiencia, o novo centro impartiría graos xa existentes.
"A defensa cerrada da Xunta ao proxecto de ABANCA provoca un claro efecto chamada para quen queira facerse cunha parte do 'pastel' dun sector, o universitario, no que o capital aínda non entrara", di a CIG
As críticas repetíronse cando a Universidade Intercontinental da Empresa iniciou os trámites para a súa constitución en universidade. Aínda que a súa creación foi aprobada polo Consello Galego de Universidades, fíxoo unicamente cos votos a favor da Xunta e os seus entes dependentes, da representación do PP por designación parlamentaria; tamén dos tres presidentes dos consellos sociais das universidades públicas. Na actualidade, a posta en marcha da primeira universidade privada de Galicia só necesita dos derradeiros trámites, nos que a maioría absoluta do PP será suficiente para aprobalos.
A solicitude de CESUGA foi respondida con críticas por parte da CIG-Ensino, que sinala que "a defensa cerrada da Xunta ao proxecto de ABANCA provoca un claro efecto chamada para quen queira facerse cunha parte do 'pastel' dun sector, o universitario, no que o capital aínda non entrara e que no ámbito estatal está consolidado con case medio cento de empresas en moitos caso pseudo universitarias".

A CIG alerta de que os proxectos privados "non camiñan cara unha oferta diferenciada da xa existente senón coa intención de debilitar o sistema universitario público"
O sindicato manifesta a súa "absoluta oposición" á autorización de universidade privadas en Galicia, "máxime cando os seus propios proxectos non camiñan cara unha oferta diferenciada da xa existente senón coa intención de debilitar o sistema universitario público" e denuncia que a universidade pública galega está "desatendida e abandonada pola Xunta".
Así mesmo, CIG-Ensino reclama ao Ministerio de Universidades "unha nova regulamentación para frear o 'mercadeo' das titulacións no ámbito de universidades privadas e exixir o cumprimento efectivo duns requisitos mínimos" que, afirma, "a día de hoxe non cumpren máis do 90% das empresas privadas que fan negocio cos estudos de Grao e Mestrado".