O camiño para a aprobación da primeira universidade privada de Galicia deu este mércores un paso máis coa aprobación por parte da Comisión Delegada da Conferencia Xeral de Política Universitaria do informe favorable elaborado polo Ministerio de Universidades. O procedemento regresa agora a Galicia, onde Xunta e Parlamento deben agora dar o seu visto bo á creación da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE), impulsada por Abanca. A institución terá a súa sede administrativa en Santiago, aínda que impartirá os seus estudos na Coruña e Vigo, nos actuais centros do Instituto de Educación Superior Internacional de Empresa (Ieside).
O procedemento regresa agora a Galicia, onde Xunta e Parlamento deben agora dar o seu visto bo á creación da Universidade Intercontinental da Empresa (UIE)
O informe elaborado polo Ministerio de Universidades, que constatou que a proposta de creación desta universidade cumpre coas condicións establecidas pola actual legalidade, foi aprobado por 13 comunidades autónomas (entre elas Galicia), mentres que outras catro (Navarra, Cataluña, Euskadi e Aragón) abstivéronse. Dende o Ministerio sinalouse que se limitou a cumprir a súa "obriga legal" de comprobar se o proxecto cumpre "coas condicións fixadas" no Decreto de creación de universidades. E subliñou que é competencia de cada comunidade autónoma decidir "se finalmente esa universidade se crea ou non" e que "todas as valoracións sobre a pertinencia da implantación dunha universidade nun territorio corresponde ao Goberno dese territorio".
Estes trámites non deberían supor grandes obstáculos para o proxecto, que conta co apoio do Goberno galego e da maioría absoluta do PP no Parlamento
Agora o proxecto volve a Galicia, onde a Secretaría Xeral de Igualdade e o Consello Económico e Social deben aprobar senllos informes favorables. Posteriormente, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade debe levar un anteproxecto de lei de creación desta universidade ao Consello da Xunta para a súa aprobación. Nese momento o anteproxecto iniciará a súa tramitación parlamentaria, ata a súa aprobación definitiva. Finalmente, será necesaria a aprobación dun decreto da Xunta para autorizar o inicio de actividades da nova institución, unha vez comprobado que cumpre coa legalidade estatal e autonómica.
Estes trámites non deberían supor grandes obstáculos para o proxecto de creación da Universidade Intercontinental da Empresa, que conta co apoio do Goberno galego e da maioría absoluta do PP no Parlamento. O pasado mes de decembro o Consello Galego de Universidades aprobou un ditame favorable á súa creación cos votos dos representantes do PP, da Xunta e dos seus entes dependentes, cos votos contrarios das tres universidades públicas, de En Marea e do PSdeG.
A primeira universidade privada de Galicia deberá axustar as súas estruturas e funcionamento ao novo decreto que prepara o Ministerio e que endurece os requisitos que deben cumprir este tipo de institucións
A primeira universidade privada de Galicia si que deberá axustar as súas estruturas e funcionamento ao novo decreto que prepara o Ministerio de Universidades e que actualizará os requisitos que deben cumprir este tipo de institucións, pero que ten a vista posta, sobre todo, nas universidades privadas. Entre outros aspectos, como adiantou eldiario.es este mércores, esixirase aos centros unha ampla oferta académica (un mínimo de 10 graos en tres áreas de coñecemento), que centren a docencia nos graos e non nos másters, máis rendibles; e, igualmente, demandarase un investimento mínimo do 5% en investigación.
As universidades que se creen a partir da publicación de decreto terán un máximo de cinco anos para cumprir os requisitos endurecidos que inclúe o decreto. O Ministerio de Universidades lembrou este mércores a través das redes sociais que a universidade privada proposta terá que cumprir con estas novas normas, que establecen “criterios estritos de calidade" para poder aprobar unha nova institución.
A Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública subliña que “en Galicia non é necesaria unha universidade privada”
Pola súa banda, a Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública criticou o informe favorable aprobado polo Ministerio e reiterou a súa “crítica” ao proceso iniciado polo goberno Galego “en contra das tres universidade públicas que conxuntamente se pronunciaron na defensa do carácter público dos estudos superiores”. A Plataforma conclúe que “en Galicia non é necesaria unha universidade privada”, subliñando que a actual ampla oferta académica existente, cunha “importante especialización nos diferentes campus”, responde “perfectamente” á demanda existente “e onde non chega é simplemente polas limitacións fixadas pola Xunta”.
“A educación, e especialmente nos estudos superiores, é un nicho de mercado, un negocio, para as empresas que nas últimas décadas se foron instalando por todo o Estado, aproveitando as limitacións e os recortes nas universidades públicas impostos por diferentes gobernos”, denuncia a Plataforma.