A marcha que recorreu as rúas de Santiago criticou que o novo centro, apoiado polo PP, non complementa a oferta das universidades públicas, como establece a lei para a súa apertura
Dúas semanas despois de que a maioría absoluta do PP validase no Parlamento, fronte ao rexeitamento de BNG e PSdeG, a tramitación da lei que recoñecerá a primeira universidade privada de Galicia, impulsada por Abanca, este sábado as rúas de Santiago acolleron unha manifestación en defensa das universidades públicas e en contra do “intento do PP de privatizar o sistema universitario galego, permitindo a entrada dunha empresa que vén exclusivamente a lucrarse co mercadeo das titulacións universitarias”.
A denominada Plataforma Galega en Defensa da Universidade Pública, integrada polas principais organizacións sindicais e estudantís, insiste en contra da denominada Universidad Intercontinental de la Empresa en argumentos empregados tamén pola oposición política e polos órganos de goberno das tres universidades públicas representados polos seus reitores e que non están a ser atendidos polos populares, entre eles que a lei establece que as titulacións dos centros privados deben ser complementarias e non reiterativas das xa existentes nos públicos. Fronte a eses argumentos os populares argumentan que o Ministerio de Universidades avala o proxecto amparándose en que así o permite a lei estatal que agora vai ser reformada para restrinxir precisamente a creación de universidades privadas.
Reitores, profesorado, alumnado, sindicatos e partidos da oposición coinciden en sinalar que a nova universidade vai dirixida ás “elites económicas” e que a Xunta debera, pola contra, reforzar as capacidades das universidades públicas. Nesa liña, no manifesto da marcha salientouse que a nova universidade supón un ataque á igualdade de oportunidades ao basearse na capacidade económica do estudantado e as súas familias e non nos méritos.
Desde o BNG Ana Pontón censurou que Abanca impulse o proxecto tras beneficiarse do rescate millonario das antigas caixas de aforros
Na marcha deste sábado tamén participou o BNG encabezado pola súa portavoz nacional, Ana Pontón, quen fronte ao modelo “privado e elistista” de Abanca cualificou como “grande conquista social” a universidade pública. A nacionalista tamén censurou que o banco impulse este proxecto tras beneficiarse do rescate millonario das antigas caixas de aforros.
Pola súa banda, desde o PSdeG, que á mesma hora celebraba o seu Comité Nacional, o secretario xeral, Gonzalo Caballero, amosou o seu rexeitamento á universidade privada e o seu compromiso cos centros públicos.