Das caixas a Abanca en tres fotos

Presentación de Abanca, anuncio da fusión das caixas e promoción de NCG en México CC-BY-SA Ana Varela / Xunta

Santiago, 26 de xuño de 2014. Dous homes de traxe e gravata camiñan apresuradamente pola contorna da zona histórica da cidade. Piden indicacións para chegar á rúa do Preguntoiro, onde se ubica o que hai menos de tres anos foi inaugurado como auditorio Novacaixagalicia, mercado en 2008 pola antiga Caixanova a 100 metros do seu outro centro social na cidade, creado no antigo edificio do Banco Gallego. Os homes levan nas mans unha carta co logotipo de Abanca. É o convite que recibiron para o acto de presentación da marca que o venezolano Banesco lle vén de poñer a Novagalicia Banco tras converterse oficialmente en propietario dos restos das antigas caixas galegas. No comezo dese evento foi tomada unha fotografía que, xunto con outras, dúas, pode servir para resumir case cinco anos de avatares políticos e financeiros, pero tamén sociais.

Ás portas do edificio, que antes albergou os grandes almacéns El Pilar, agardaban o máximo responsable de Banesco e vicepresidente do novo banco, Juan Carlos Escotet, o seu presidente, Javier Etcheverría, e o conselleiro delegado, Francisco Botas. Todos esperaban por Alberto Núñez Feijóo, convidado ao evento como presidente dun Goberno que, como advertiu o Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), se tivo que limitar a "opinar" na privatización da entidade. Feijóo, conta Faro de Vigo, resistiuse inicialmente a participar na clásica imaxe do apertón múltiple de mans cos novos directivos. "Dá mala sorte", ironizou, antes de acceder a posar. Se cadra, porque non era a primeira fotografía deste tipo que protagonizaba co que queda do sistema financeiro galego como protagonista.

A Xunta asegurou que a desaparecida Novacaixagalicia tería "rendibilidade e eficiencia altas"

A outra imaxe destas características está datada no 11 de maio de 2010 e tiña como escenario a residencia oficial de Monte Pío. Nela Feijóo, o anfitrión, está flanqueado por José Luis Méndez, Julio Fernández Gayoso, Mauro Varela e José Luis Pego. Era a escenificación do proceso iniciado uns meses antes cunha xuntanza no Parlamento na que o presidente, sentado con Méndez e Gayoso, anunciaba a intención da Xunta de impulsar a fusión de Caixanova e Caixa Galicia. Facíao "como consecuencia do estudo concienzudo" da situación de ambas entidades, aseguraba. Pouco despois, en xaneiro, a daquela conselleira de Facenda e hoxe secretaria de Estado de Orzamentos, Marta Fernández Currás, presentaba en rolda de prensa a "auditoría externa encargada pola Xunta de Galicia a KPMG", un estudo "independente" que, previo pago dun millón de euros, avalaba a "solvencia da fusión das caixas galegas", que producirían unha "rendibilidade e eficiencia altas".

Nin solvencia nin galeguidade

"Solvencia e galeguidade", repetíase dende a Xunta para resumir o contido daquel informe, que resultou non ser auditoría e que non avalaba a fusión "paritaria". En tal caso, recomendaba que Caixanova absorbese Caixa Galicia pero só a xeito de "diagnóstico acelerado". "Que a fusión era viable díxoo a Xunta, non o inventei eu", resumía en 2013 no Parlamento un dos antigos directivos, Javier García de Paredes, quen xunto con Pego e Gayoso se puxo á fronte do artefacto que resultou da fusión, Novacaixagalicia, nada co visto e prace dun Banco de España que, catro meses despois de aprobala, xa a consideraba inviable mentres as reformas financeiras consensuadas entre o Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero e o PP de Mariano Rajoy avocaban a caixa resultante á súa bancarización.

O informe encargado pola Xunta a KPMG resultou non ser un auditoría e non avalaba a fusión de Caixa Galicia e Caixanova

Malia á treboada político-financeira dende San Caetano seguíase apadriñando o proxecto e reiterando que seguiría existindo unha entidade co seu "centro de decisión en Galicia". Neste contexto foi no que se produciu a terceira imaxe que ilustra o periplo, a de Feijóo situado por tras dun atril co logotipo de Novacaixagalicia ao carón doutro moble idéntico no que se situaba José María Castellano, experimentado empresario escollido para ser presidente executivo do que xa pasaba a ser NCG Banco, Novagalicia Banco a efectos comerciais. Eses atrís colocáronse para un encontro empresarial en México D.F. no que o titular da Xunta eloxiou o "gran proxecto bancario" no que a Xunta "non debe permanecer á marxe".

Neste punto chegou o novo Goberno de España coa súa reforma financeira. Novacaixagalicia ficaba reducida a unha fundación sen arte nin parte no negocio bancario e Novagalicia entraba en perdas mentres na rúa recruaba o conflito pola estafa das preferentes. O banco que herdara o froito do aforro galego ía ser vendido por pezas por parte do FROB e a máis substanciosa foi adquirida por Banesco, un banco de menor dimensión pero máis saneado que puxo sobre a mesa 1.003 millóns de euros, cifra importante pero moito menor aos 9.000 millóns públicos cos que fora rescatada a entidade.

Feijóo deslígase, Escotet dirixe

Tras coñecerse o resultado da poxa, a finais de 2013, un pouco entusiasmado Feijóo chamaba a "felicitarse" polo resultado da operación. Tentando deixar no esquecemento aquel documento no que o propio Executivo forzara a inserción da sinatura da conselleira de Facenda entre as de Méndez e Gayoso para situarse como peza esencial da fusión o presidente asegurou non "poder aceptar, de ningún xeito", que "a creba do sistema financeiro galego tivese que ver co Goberno que presido". "Tentar mesturar isto coa política é confundir, e eu non estou aquí para confundir", sentenciou, mentres reducía a "calumnias" as críticas da oposición por vinculalo a el mesmo con todo o acontecido.

Escotet presenta a nova entidade como un banco "aliñado cos intereses da sociedade"

Este foi o contexto no que se celebraron os actos deste xoves. Descoñécese onde foi parar a estilográfica Mont Blanc que, gravada coa lenda Fusión das caixas galegas. Santiago, 29/11/2010, Feijóo mandou gardar nun lugar preferente de San Caetano. O presidente, de anfitrión a convidado, asegurou crer nun "galeguismo de feitos" e díxolles aos directivos que "Galicia espera moito de vostedes" como terra "esixente e tamén agradecida". Escotet, pola súa banda, presentou a entidade como unha "banca aliñada cos intereses da sociedade". Acto seguido, a comitiva trasladouse á praza de San Martiño Pinario, nas inmediacións da catedral, onde Abanca ubicara unha orquestra sinfónica que os paseantes, se desexaban, podían dirixir. Para demostralo, o xefe de Banesco colleu a batuta e, distendido, dirixiu os músicos. Feijóo, como o resto de dirixentes da Xunta sorriu e aplaudiu o inicio dunha nova andaina na que, agora si, pouco ten que ver.

Presentación de Abanca en Santiago © Ana Varela
Acto organizado polo banco en Compostela © Abanca

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.