O histórico carballo compostelán suma xa máis de 120.000 votos que o sitúan en segunda posición, a uns 20.000 votos da opción que ata agora reúne máis apoios, o Carballo Dunin de Polonia
O Carballo do Bosque do Banquete de Conxo está ás portas de converterse na árbore europea do ano. Nas votacións que se están levando a cabo ao longo do mes de febreiro o histórico carballo compostelán (alcumado "O avó") suma xa máis de 120.000 votos que o sitúan en segunda posición, a uns 20.000 votos da opción que ata agora reúne máis apoios, o Carballo Dunin, situado na localidade polaca de Przybudki.
As votacións rematarán o vindeiro 28 de febreiro e nesta derradeira semana non se comunica a actualización do número de votos, polo que a intriga se manterá ata o último día. Dende o Concello de Santiago e o resto de institucións e entidades que veñen apoiando a candidatura do Carballo de Conxo faise un chamamento a votar pola opción compostelá, que nos últimos meses xa foi elixida como árbore española do ano.
Nestas últimas semanas está a haber unha mobilización importante por parte dos centros de ensino
Nestas últimas semanas está a haber unha mobilización importante por parte dos centros de ensino, que mesmo se animaron a gravar vídeos de apoio como o publicado polo alumnado do CEIP Cardeal Quiroga Palacios de Compostela. Hai unhas semanas anunciouse que aqueles colexios e institutos que reunisen máis de mil votos terían o honor de darlle nome a un bosque de nova creación, dentro da iniciativa da plantación de máis de cen mil árbores autóctonas (unha por cada voto) que se prevé levar a cabo ata o ano 2030, das que 19.000 se plantarán no ano 2022.
Ata o momento, 27 centros educativos aceptaron o reto de votar de forma colectiva polo Carballo do Banquete de Conxo. O Concello de Santiago iniciou xa estes traballos de plantación, sumando de momento máis de 5.000 novos exemplares de especies autóctonas en distintos lugares do termo municipal, coma o Polígono do Tambre.
Ademais son varios os persoeiros do mundo da cultura e outros sectores que solicitaron publicamente o apoio para o Carballo de Conxo
Ademais dos centros de ensino, son varios os persoeiros do mundo da cultura e outros sectores que solicitaron publicamente o apoio para o Carballo de Conxo. É o caso dos actores Luís Zahera ou Luís Tosar, da actriz Susana Sampedro tamén da Banda da Loba ou de De Vacas. Ou tamén de Isma Suárez, que se implicou de forma moi intensa nas últimas semanas no obxectivo de converter o carballo de Conxo na árbore do ano, chegando a solicitar publicamente o apoio de Ibai Llanos. Un chamamento que tamén chegou ao programa de La Sexta Zapeando ou aos cadriños de Davila.
A árbore
'O avó' ten máis de 250 anos de historia
No Bosque do Banquete de Conxo, aberto ao público no 2018, hai un carballo (chamado "O Avó") con 250 anos de historia, un tempo no que foi testemuña daquel histórico irmanamento entes estudantes, obreiros e artesáns organizado o 2 de marzo de 1856, coincidindo co décimo aniversario dos mártires de Carral.
O Avó ten 30 metros de altura e 4 de circunferencia no seu tronco. Resistiu ás tallas indiscriminadas e incendios múltiples que arrasaron os bosques galegos durante os séculos XIX e XX, e que foron acabando con espazos como este, un bosque que en orixe chegou a albergar ata mil carballos. Na actualidade só quedan 40 carballos nos 15.000 metros cadrados do bosque.
O Concello de Santiago prevé a plantación de máis de cen mil árbores autóctonas (unha por cada voto) que se prevé levar a cabo ata o ano 2030, das que 19.000 se plantarán no ano 2022
A árbore está ao pé da entrada en Santiago do Camiño Portugués de peregrinación e sobre el (e o resto de carballos desta contorna) hai múltiples referencias literarias, realizadas por varios autores e autoras, entre elas Rosalía de Castro. Aínda que de momento non figura na listaxe de árbores senlleiras de Galicia, a súa inclusión nesta categoría están en proceso e podería ser completada nos vindeiros meses.
O Bosque do Banquete de Conxo, aberto ao público no 2018, acolleu celebracións multitudinarias no marco da "Festa do Banquete", que lembraba o histórico encontro con representacións teatrais, música, poesía, degustacións gastronómicas e, por suposto, un xantar popular.