O Ministerio de Consumo envía á Xunta datos de 9.647 pisos turísticos que incumpren a normativa galega

Cartel dunha vivenda de uso turístico ©

Dos 15.740 pisos turísticos galegos con anuncios en plataformas como Airbnb, máis do 60% con cumpren coa súa obriga legal de incluír o seu número de inscrición no rexistro da Xunta, o que fai sospeitar que poden carecer del

Cantos pisos turísticos hai en Galicia? O Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas de Galicia (REAT), xestionado pola Xunta, recolle a existencia de 26.885 vivendas de uso turístico na súa última información publicada, o pasado 1 de maio. Porén, dende hai tempo distintas institucións e entidades veñen advertindo de que hai un número significativo destes establecementos que operan de forma ilegal, sen pasar polo imprescindible rexistro ante a Xunta de Galicia e, alí onde é esixible, sen contar con autorización municipal.

O Ministerio de Consumo remitiu este luns á Xunta un arquivo con información sobre 9.647 vivendas de uso turístico que estarían a incumprir a normativa autonómica, ao non incluír nos seus anuncios en plataformas online de contratación (como Airbnb, Booking e outras) o seu número de inscrición no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas (REAT) ou, cando menos, o código acreditativo da presentación da declaración responsable de inicio de actividade.

Por provincias, Pontevedra é o territorio con máis pisos turísticos incumpridores, 4.560 de 7.138 (o 63%)

O departamento analizou os anuncios publicados nos últimos meses nestes portais, nos que atopou un total de 15.740 pisos turísticos en funcionamento en Galicia. Deles, ao redor do 60% (o 61,3%) non publicaba o seu número de rexistro, como é obrigatorio. 

Por provincias, Pontevedra é o territorio con máis pisos turísticos incumpridores, 4.560 de 7.138 (o 63%). A porcentaxe rolda o 60% na Coruña (3.538 de 5.921) e é algo menor en Lugo (1.135 de 1.941, o 58,5%) e Ourense (414 de 740, o 56%). Isto non quere dicir, en todo caso, que os preto de dez mil vivendas de uso turístico que non presentan esa identificación carezan dela, pero si incumpren a obriga de facela visible. 

A información remitida á Xunta debería servir para que o Goberno galego, que conta coa competencia nesta materia, puidese abrir procedementos para retirar estes anuncios, para solicitar o cesamento da actividade destes pisos turísticos e mesmo para abrir posibles expedientes sancionadores

O Ministerio de Consumo elaborou a listaxe remitida á Xunta, realizada pola Unidade de Análise de Consumo, unicamente tendo en conta a presenza ou non do imprescindible número de rexistro autonómico. Porén, advirte de que algún dos establecementos podería incorrer noutro tipo de irregularidades, "dada a obriga de que as vivendas de uso turístico e a súa publicidade cumpran tamén o estipulado nas normativas municipais". Por exemplo, o rexistro de pisos turísticos da Xunta mantén máis de 600 en Santiago sen licenza municipal, entre eles moitos na zona vella compostelá, onde están prohibidos sen excepción.

O ministro Bustinduy, coa alcaldesa Goretti Sanmartín e os concelleiros María Rozas e Iago Lestegás, a finais de abril en Compostela CC-BY-SA Concello de Santiago

O departamento que dirixe Pablo Bustinduy acompañou o envío deste arquivo dunha carta dirixida ao Goberno Galego na que se ofrece "toda a colaboración" do Ministerio de Consumo nesta materia e na que pide que esta cooperación exista tamén por parte da Xunta

A información remitida á Xunta debería servir para que o Goberno galego, que conta coa competencia nesta materia, puidese abrir procedementos para retirar estes anuncios, para solicitar o cesamento da actividade destes pisos turísticos e mesmo para abrir posibles expedientes sancionadores.  O envío desta información ao Goberno galego súmase a accións semellantes realizadas nos últimos meses noutras comunidades autónomas como Madrid, Andalucía ou Baleares.

O departamento que dirixe Pablo Bustinduy acompañou o envío deste arquivo dunha carta dirixida ao Goberno Galego na que se ofrece "toda a colaboración" do Ministerio de Consumo nesta materia e na que pide que esta cooperación exista tamén por parte da Xunta.

O pasado 25 de abril o ofrecemento de colaboración do Ministerio de Consumo foi recibido con críticas por parte do Goberno galego, que lle recriminou ter feito pública a información antes de remitila á Xunta

O pasado 25 de abril Bustinduy visitou Santiago, onde se reuniu coa alcaldesa Goretti Sanmartín e os concelleiros María Rozas e Iago Lestegás, a quen entregou un arquivo semellante ao remitido á Xunta, neste caso cos datos de 221 vivendas de uso turístico ilegais existentes no concello compostelán. Ese día o ministro ofreceu a súa colaboración e a do Ministerio á Xunta para "poñer couto a esta situación descontrolada".

O ofrecemento foi recibido con críticas por parte do Goberno galego, que lle recriminou ter feito pública a información antes de remitila á Xunta. As críticas foron máis duras por parte das entidades que agrupan os propietarios de pisos turísticos, que subliñaron a "legalidade" da súa actividade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.