A ordenanza da Coruña deixa aberta á declaración de zonas saturadas de VUT, o que permitirá impedir a implantación de novos pisos turísticos en distritos afectados pola súa excesiva proliferación mesmo se cumpren o resto de requisitos. O límite que se apunta é o de 0,5 VUT por cada 100 habitantes
O pasado 6 de febreiro o pleno municipal da Coruña aprobou -cos votos favorables de PSdeG e BNG e a abstención do PP- a ordenanza de Vivendas de Uso Turístico (VUT), que tras o período de exposición pública, regresará ao pleno para a súa aprobación definitiva. A ordenanza busca limitar a proliferación de pisos turísticos na cidade, debido a que o seu elevado número está a provocar unha importante redución dos inmobles dispoñibles para alugueiro estable, dificultando o acceso de moitas familias a unha vivenda digna. Ademais, en determinados barrios os pisos turísticos provocan situacións de saturación e, en moitos edificios, problemas de convivencia coas persoas que alí residen de forma permanente.
Unha vez aprobada a ordenanza, as VUT non poderán estar situadas nunha planta inmediata superior a unha vivenda e só se permitirá o seu emprazamento en primeiros andares ou baixos. Tamén se permitirá implantar as VUT en edificios destinados a este tipo de usos en exclusiva. Pero, ademais, a ordenanza deixa aberta á declaración de zonas saturadas de VUT, o que permitirá impedir a implantación de novos pisos turísticos en distritos afectados pola súa excesiva proliferación, mesmo se cumpren o resto de requisitos. O límite que se apunta para esta posible declaración de zona saturada é o de 0,5 vivendas de uso turístico por cada 100 habitantes nun determinado distrito.
Na Coruña o primeiro distrito, que abrangue a Cidade Vella e a Pescaría, supera amplamente o límite, con 1,78 VUT por cada 100 habitantes. O segundo distrito (Monte Alto e Durmideiras) está a piques de facelo, con 0,49 VUT por cada 100 residentes
A Coruña conta neste momento con 1.357 vivendas de uso turístico rexistradas pola Xunta. A cifra disparouse nos últimos tempos, cun aumento do 15% no último ano e do 135% dende o 2022, en tan só tres anos. Tan só en Vigo se produciu unha suba tan importante nos últimos anos entre as grandes cidades do Estado. Cos novos criterios de implantación desta actividade económica, unha parte importante dos actuais pisos turísticos deixarán de ser legais.
Hai algún distrito na Coruña que neste momento estea a superar o limiar das 0,5 VUT por cada 100 habitantes? Sucede isto no resto das cidades galegas? O Ministerio de Vivenda publica periodicamente datos sobre o número de pisos turísticos existentes en cada sección e distrito censual e a última entrega desta estatística corresponde a novembro de 2024.
Se cruzamos eses datos cos do número de habitantes da cada distrito, segundo o Censo do INE correspondente ao 1 de xaneiro de 2024, observamos que na Coruña o primeiro distrito, que abrangue a Cidade Vella e a Pescaría e o Orzán, supera amplamente o límite, con 1,78 VUT por cada 100 habitantes. O segundo distrito (Monte Alto e Durmideiras) está a piques de facelo, con 0,49 VUT por cada 100 residentes.
As sete urbes galegas contan con cando menos un distrito por riba do límite e que na maior parte son varios os distritos potencialmente saturados
Cómpre ter en conta, ademais, que a cifra total de pisos turísticos achegada polo Ministerio de Vivenda é moi inferior á contabilizada pola Xunta no seu rexistro. Así, por exemplo, para A Coruña apunta a existencia de 800 VUT, fronte ás 1.357 do rexistro do Goberno galego. As diferenzas reprodúcense de igual xeito no resto das cidades, como Vigo (1.493 para o Ministerio, 2.175 para a Xunta), Santiago (495 fronte a 752), Ourense (331 fronte a 422), Lugo (229 fronte a 317), Pontevedra (362 fronte a 478). Ferrol é a excepción, pois o Ministerio apunta unha cifra meirande (280) que a achegada pola Xunta (258).
A figura das zonas saturadas con ese limiar de 0,5 VUT por cada 100 habitantes non existe de momento nas restantes cidades, pero podemos facer o cálculo de cantos barrios superarían neste momento ese nivel. Atopamos que as sete urbes galegas contan con cando menos un distrito por riba do límite e que na maior parte son varios os distritos potencialmente saturados.
O distrito 1 de Lugo, que corresponde ao casco histórico no interior da muralla, sería o máis saturado seguindo este criterio, con 60 pisos turísticos nun barrio moi pouco poboado (menos de tres mil habitantes)
Encabeza a lista o distrito 1 de Lugo, que corresponde ao casco histórico no interior da muralla, con 60 pisos turísticos nun barrio moi pouco poboado (menos de tres mil habitantes), o que eleva a ratio por riba de dous sobre cen. En Lugo tamén o distrito 7, xa no extrarradio rural da cidade, supera o nivel, aínda que o número de VUT é só de once.
O distrito 1 de Vigo -que abrangue o casco vello, Berbés, Areal...- rolda tamén as dúas vivendas por cada cen habitantes, aínda que neste caso o número de VUT é moi superior, con máis de 400. Na cidade olívica outros dous distritos (o céntrico distrito 2 e o 9, que corresponde a Navia ou Alcabre) superan o limiar de 0,5 e outro máis achégase a ese nivel.
O distrito 1 de Vigo -que abrangue o Casco Vello, Berbés, Areal...- rolda tamén as dúas vivendas por cada cen habitantes, aínda que neste caso o número de VUT é moi superior, con máis de 400
No centro de Pontevedra o distrito 1 supera amplamente o límite, con 150 VUT para unha poboación duns 15 mil habitantes no casco histórico da cidade. Tamén o distrito 7, de carácter rural, pasa das 0,5 VUT por cada 100 residentes debido á súa escasa poboación.
Ferrol é a cidade galega cun maior número de distritos que superan o limiar e un máis a piques de facelo. Trátase do distrito 2 (que abrangue os Ensanches A e B e unha parte do barrio da Madalena), dos distritos 3 e 4 (que corresponden a outras zonas da Madalena e mais do barrio de Canido) e do distrito 8, moi amplo e de tipo rural.
En Santiago tres distritos superan o límite e dous máis están a piques de facelo
En Santiago tres distritos superan o límite e dous máis están a piques de facelo. Por riba das 0,5 VUT están o distrito 1 (que abrangue unha parte da zona vella e mais Galeras, o distrito 2 (con outra parte da zona vella e máis a parte norte da cidade, con Vite ou Vista Alegre) e o distrito 5 (cos barrios do Ensanche, Santa Marta ou Conxo).
Finalmente, en Ourense tan só o distrito 1 (que abrangue unha parte do centro histórico) superaría neste momento o límite descrito.
4 pisos turísticos por cada vivenda dispoñible para alugar nas cidades galegas
En 2021 había nas sete cidades 2.910 vivendas dispoñibles para alugueiro e 2.311 pisos turísticos. Catro anos despois hai tan só 1.418 vivendas dispoñibles para alugar fronte a 5.788 pisos turísticos, catro veces máis
A proliferación de vivendas de uso turísticos nas cidades galegas está a provocar unha diminución do parque dispoñible para o seu alugueiro estable. Fronte aos argumentos lanzados pola Asociación de Viviendas Turísticas de Galicia (AVITURGA), que agrupa a propietarios dos inmobles explotados economicamente deste xeito, a medida que nos últimos anos aumentaban os pisos turísticos, diminuían as opcións para alugueiro tradicional.
En 2021, segundo datos da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN), había nas sete cidades 2.910 vivendas dispoñibles para alugueiro e 2.311 pisos turísticos rexistrados legalmente na Xunta. De feito, agás en Santiago e Pontevedra, en todas as urbes había máis opcións de alugueiro estable que de alugueiro turístico.
En Vigo a proporción é de máis de 5 a 1 e en Pontevedra achégase a esa ratio
Catro anos despois hai tan só 1.418 vivendas dispoñibles para alugar fronte a 5.788 pisos turísticos, catro veces máis. En Vigo a proporción é de máis de 5 a 1 e en Pontevedra achégase a esa ratio.