Vigo e A Coruña lideran o incremento do número de pisos turísticos no Estado

Cidades nas que máis se incrementou o número de vivendas de uso turístico entre 2020 e 2024, encabezadas por Vigo ©

Vigo é cidade na que máis aumentou o seu número dende o 2020 (+113%) entre as 23 analizadas e A Coruña é a cuarta (+84%)

A proliferación de vivendas de uso turístico (VUT) está a expulsar familias residentes dos barrios máis turistificados en cidades de todo o Estado debido ao incremento dos prezos dos alugueiros provocado pola saturación destes pisos turísticos. Así o destaca un informe realizado por Ecoloxistas en Acción os datos estatísticos da concentración de vivendas de uso turístico e do prezo medio do metro cadrado da vivenda de alugueiro nunha vintena de localidades, entre elas Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela.

A organización ecoloxista alerta de que "se non se adoptan medidas de calado", a proliferación de VUT "seguiría expulsando a familias residentes destes barrios máis tensionados por mor da subida do prezo da vivenda e a merma de calidade de vida". Ademais, engade, "está a facer inaccesible a vivenda para as capas sociais con menos ingresos e para a mocidade que se quere emancipar".

Un informe de Ecoloxistas en Acción alerta de que a proliferación de vivendas de uso turístico está a expulsar familias residentes dos barrios máis saturados. "Está a facer inaccesible a vivenda para as capas sociais con menos ingresos e para a mocidade que se quere emancipar", denuncia

En canto aos datos que ofrece para Galicia, Vigo, A Coruña e Santiago están lonxe dos valores máximos de saturación de pisos turísticos -que marcan Málaga, Valencia ou Alacante- e tamén dos prezos máximos do alugueiro -que rexistran Barcelona, Madrid ou Donostia- pero si figuran nos primeiros lugares en canto á evolución recente dos indicadores.

De feito, Vigo é entre as urbes analizadas a cidade na que máis se incrementou dende o 2020 o número de vivendas de uso turístico (+113%), por diante de Xixón, Santander e A Coruña (+84%). Nesta listaxe destaca tamén Santiago, no extremo inverso, pois foi despois de Barcelona a segunda localidade na que máis descendeu o número de pisos turístico (-12%) grazas ás medidas de control postas en marcha polos últimos gobernos municipales. Analizando unicamente o incremento producido nos últimos meses (entre agosto de 2023 e agosto de 2024), Vigo é igualmente a terceira cidade cun maior incremento dos número de VUT (+37%).

Santiago e A Coruña tamén figuran entre as urbes que máis incrementaron os prezos dos alugueiros dende o 2020, un 30% e un 33%

Santiago e A Coruña tamén figuran entre as urbes que máis incrementaron os prezos dos alugueiros dende o 2020, un 30% e un 33% respectivamente. Vigo, en cambio é a cidade na que os prezos subiron menos, segundo os datos de Idealista recollidos por Ecoloxistas en Acción.

O informe destaca, finalmente, que hai unha alta concentración de VUT nos centros das cidades e nos centros históricos. Así, por exemplo, nun só distrito de Madrid, distrito Centro, concéntrase o 42,6 % das VUT. Sucede o mesmo en Barcelona, os distritos de Ciutat Vella e L'Eixample concentran o 57,7 % das VUT do municipio.

O informe destaca, finalmente, que hai unha alta concentración de VUT nos centros das cidades e nos centros históricos

Así mesmo, os datos de cidades como Málaga, Valencia, Alacante, Santander ou Donostia, que rexistran unha saturación de vivendas de uso turístico superior á que sofren Madrid ou Barcelona, amosa a relación que este fenómeno establece co prezos dos alugueiros, que tamén están nestas urbes entre os maiores de todo o Estado. De feito, Valencia, Alacante e Málaga son as tres cidades nas que máis encareceron os alugueiros dende o ano 2020.

"A utilización destas para alugueiros temporais asociados ao turismo provocan unha enorme escaseza de vivenda destinada ao uso residencial e de longa tempada", alerta o informe

A entidade salienta que a proliferación de pisos turístico "unido á falta de regulación e previsión por parte das institucións" xerou "unha problemática social que non fai máis que agravarse: a falta de vivenda alcanzable". "A utilización destas para alugueiros temporais asociados ao turismo provocan unha enorme escaseza de vivenda destinada ao uso residencial e de longa tempada, polo que a poboación residente ve minguado o seu dereito constitucional de acceso á vivenda", explica o documento.

Ecoloxistas en Acción denuncia que o encarecemento da vivenda e a diminución de calidade de vida "está a xentrificar os barrios máis turistificados"

Ecoloxistas en Acción denuncia que o encarecemento da vivenda e a diminución de calidade de vida "está a xentrificar os barrios máis turistificados". "A poboación residente é desprazada dos seus barrios cara a outras zonas residenciais segundo as súas capacidades económicas. Isto rompe relacións sociais e xera desarraigamento na poboación desprazada, pero tamén nas familias que resisten no seu barrio, pois perden relacións de amizade ou familiares de proximidade coa xentrificación", explica a entidade. 

Así mesmo, a organización ecoloxista alerta de que o desprazamento da poboación residente e o aumento drástico da poboación flotante "tamén afecta directamente o comercio local destes barrios".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.