Hai 1.480 vivendas que se poden alugar para estadías de longa duración fronte a 5.382 vivendas de uso turístico rexistradas legalmente
A falta de vivenda dispoñible para o alugueiro de longa duración é un grave problema que afecta a cidades e vilas de toda Galicia. O mercado de alugueiro atópase en mínimos debido á proliferación das vivendas de uso turístico e á negativa de moitos multipropietarios a arrendar os seus inmobles, o que -entre outros motivos- converte a Galicia no territorio do Estado con máis vivendas baleiras: medio millón en toda a comunidade autónoma e máis de 90 mil nas sete cidades, especialmente nos barrios céntricos.
Periodicamente, os informes da Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) dan conta do número de inmobles dispoñibles para o alugueiro tradicional en Galicia, unha cifra que dende hai un tempo descende ano a ano, chegando na actualidade a niveis historicamente baixos. Esta realidade eleva os prezos do alugueiro e dificulta sobremaneira o acceso a unha vivenda para moitas persoas que non poden ou non queren adquirir un inmoble en propiedade, especialmente a clase media e baixa e a mocidade.
As maiores desproporcións danse en Vigo e Pontevedra, seguidas de Santiago, A Coruña e Lugo
Os últimos indicadores, deste verán, amosan unha foto fixa nas sete cidades galegas na que xa hai case catro pisos turísticos por cada vivenda dispoñible para o seu alugueiro para a cidadanía local. En concreto, hai 1.480 vivendas que se poden alugar para estadías de longa duración fronte a 5.382 vivendas de uso turístico rexistradas legalmente.
As maiores desproporcións danse en Vigo e Pontevedra, seguidas de Santiago, A Coruña e Lugo. Ourense e Ferrol son as cidades cun parque de alugueiro máis importante en relación co mercado de pisos turísticos e aínda así hai o dobre de pisos turísticos que de vivendas dispoñibles para o seu alugueiro pola poboación local.
O número de vivendas dispoñibles é de 410 en Vigo e 375 na Coruña, cando hai dous anos a cifra era de 750 a 700
O número de vivendas dispoñibles para o seu alugueiro é de tan só 410 en Vigo e 375 na Coruña, cando hai dous anos a cifra nas dúas maiores cidades de Galicia era de 750 a 700, respectivamente. En Santiago son 220, unha cifra que se mantén estable nos dous últimos anos.
Nestes dous últimos anos o número de pisos turísticos aumentou un 168% en Vigo, un 130% na Coruña e un 111% en Ferrol
Ourense (160), Ferrol (118) e Pontevedra (105) presentan cifras menores e en descenso, especialmente na cidade das Burgas, que hai dous anos contaba con 350 vivendas dispoñibles para alugueiro. Chama a atención especialmente o caso de Lugo, con menos de cen vivendas que están dispoñibles para ser alugadas.
Nestes dous últimos anos o número de pisos turísticos aumentou un 168% en Vigo, un 130% na Coruña e un 111% en Ferrol. En Ourense e Lugo o aumento foi tamén próximo ao 100%, é dicir, a cifra duplicouse.
Os contratos de alugueiro asinados neste 2024 na Coruña achéganse de media aos 700 euros mensuais e superan os 600 euros de media en Vigo e Pontevedra, rozando esa cifra en Compostela
En paralelo, o prezo dos novos alugueiros seguiu disparándose nas sete urbes galegas. Segundo os datos da Xunta, os contratos de alugueiro asinados neste 2024 na Coruña achéganse de media aos 700 euros mensuais e superan os 600 euros de media en Vigo e Pontevedra, rozando esa cifra en Compostela. Lugo, Ourense e Ferrol presentan valores máis baixos, pero cun aumento moi importante, especialmente en Ferrol, ata agora a cidade máis barata de Galicia.
Dende o 2021 os prezos dos novos alugueiros medraron un 25% en Ferrol, un 23% na Coruña e un 22% en Santiago
Nos últimos tres anos, dende o 2021, o prezo medio dos novos alugueiros aumentou un 18,4% no conxunto de Galicia, na Coruña medrou un 23,4% e en Santiago un 22,4%. Ferrol mesmo supera ese encarecemento, cun 24,8%. O crecemento rolda o 20% en Pontevedra e Lugo e sitúase no 17% en Vigo. Tan só Ourense amosa un encarecemento máis contido, un 14%.