As universidades públicas galegas veñen de principiar o chamamento para as primeiras matrículas do curso 24-25. Paralelamente, son moitos os estudantes inmersos na procura de aloxamento para o vindeiro período académico, quer nunha das -escasas- prazas públicas de residencia, quer nun piso compartido.
As ringleiras de mozas e mozos á procura de piso regresan nun contexto no que o dereito á vivenda vai gañando espazo no debate público
As ringleiras de mozas e mozos que buscan alugueiro para o curso universitario ante algunhas inmobiliarias regresaron nos últimos días, especialmente en Santiago. Trátase de escenas que non son novas, pero que agora se producen nun contexto no que o dereito á vivenda vai gañando espazo no debate público por factores diversos, dende a suba sostida dos prezos ás vivendas baleiras, a práctica desaparición da vivenda protexida en Galicia durante máis dunha década ou pisos turísticos.
Con este pano de fondo vén de chegar unha nova alerta do Colexio Oficial de Administradores de Inmobles de Galicia (Colegio Oficial de Administradores de Fincas -COAFGA-, no seu nome corporativo) sobre o estado no que se atopan "moitos pisos que se alugan a estudantes". Son ofertados e arrendados, advirten, sen cumpriren "condicións mínimas de habitabilidade".
O Colexio Oficial de Administradores de Inmobles de Galicia evidencia que "moitos pisos que se alugan a estudantes" non teñen as "condicións mínimas de habitabilidade"
Na liña doutras alertas previas, pero agravada polo devandito contexto, a entidade profesional que non son "aptos para ser habitados pisos que teñan graves danos ou humidades insalubres", exemplifican. E esa é "a situación na que se atopan algúns inmobles que están no mercado de alugueiro".
"Os pisos deben estar aptos para o seu uso, podendo negociar coa parte arrendataria a execución das obras" xa que "así o permite a actual lexislación". Pero "en todo caso -subliñan- deben ter unhas condicións mínimas de habitabilidade", a comezar por "instalacións seguras e actualizadas de gas, electricidade e auga".
Neste contexto, o Colexio subliñan que as fianzas que os caseiros piden ao alugar os pisos "son precisamente para reparar os danos que se puidesen producir durante o tempo que o inmoble este alugado". Ademais, tamén adoitan reclamar "outras garantías" para a renda ou posibles desperfectos, caso do "aval dos pais", cuxa compaña aconsellan como dose extra de "confianza" para os propietarios.
A entidade recomenda pedir "sempre" copia do contrato e do depósito da fianza no IGVS e lembra que o estudantado ten os "mesmos dereitos que calquera arrendatario", así como obrigas como as referentes aos ruídos nocturnos
O estudantado, agregan, é un colectivo "cos mesmos dereitos que calquera arrendatario", máis aínda "se o prezo é elevado, como acontece con frecuencia". A entidade sinala, asemade, que os estudantes deben ter en conta aspectos xerais como non celebrar "festas nocturnas que poidan molestar o resto da veciñanza".
Non "aceptar pagar por ver unha vivenda", non alugar sen visitar previamente o piso, pedir "sempre unha copia do contrato" e acreditar que o caseiro deposita a fianza no Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) mediante o xustificante oficial son algúns dos consellos que agrega o COAFGA. Mentres, estudantes inmersos na procura de vivenda para o curso veñen subliñando que a escaseza de oferta e a gran demanda leva, en diversas ocasións, á aceptación de pisos e condicións que deberan ser inaceptables.