A conselleira de Medio Ambiente anima a veciñanza a informarse das subvencións do seu departamento para “dinamizar o mercado residencial e a actividade construtiva nesta comarca”
Con cargo aos fondos europeos de recuperación NextGenerationEU, e co argumento da mellora da eficiencia enerxética, a Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, vén de abrir a convocatoria de varias subvencións para diversos tipos de reformas de edificios. O Goberno galego está a desenvolver unha campaña para informar das axudas á cidadanía, pero este luns foi a propia conselleira, Ángeles Vázquez, a que se implicou na mesma e celebrou un acto en Sanxenxo, no Real Club Náutico, para publicitalas. Alí, segundo divulgou o seu propio departamento nun comunicado, a conselleira salientou que as subvencións “tamén se poden solicitar para segundas residencias”.
Vázquez, sempre segundo a propia Xunta, “animou os asistentes a informarse sobre o amplo abano de incentivos á vivenda ao que poderán optar en 2022 e contribuír deste xeito a dinamizar o mercado residencial e a actividade construtiva nesta comarca pontevedresa”. Unha comarca caracterizada pola construción en moitas ocasións de forma ilegal de segundas residencias de tipo turístico baleiras durante boa parte do ano.
De entre as diversas subvencións en materia de vivenda que xestiona a Xunta, a conselleira salientou este luns xusto en Sanxenxo o programa de axudas “a nivel de edificio”, que se pode solicitar desde o 17 de maio e que, incide, “está aberto a subvencionar actuacións tanto en vivendas oficiais e permanentes como en segundas residencias”. Segundo a nota de prensa divulgada pola propia Xunta, a conselleira puxo o foco nestas axudas no acto de Sanxenxo “xa que, lembrou, no Salnés existe un parque de segundas residencias moi numeroso”.
A Xunta dá voz ao alcalde de Sanxenxo, o popular Telmo Martín, que salienta que das máis de 16.000 vivendas censadas no seu concello “só están ocupadas 5.500, que son onde vivimos os 18.000 veciños” e amosa a súa esperanza en que as subvencións sexan aproveitadas
Malia que habitualmente as notas de prensa do Goberno galego non adoitan incorporar declaracións máis que dos seus cargos institucionais, no comunicado deste luns da Xunta recóllense palabras do alcalde de Sanxenxo, o popular Telmo Martín, do que mesmo se distribuíu unha gravación de voz. O propio rexedor subliño que o seu concello conta “con máis de 16.000 vivendas censadas” das que “só están ocupadas aproximadamente 5.500, que son onde vivimos os 18.000 veciños que ten Sanxenxo”. “Polo tanto, espero que os veciños de Sanxenxo se poidan aproveitar destas axudas que está promovendo a Xunta de Galicia”, declarou Martín.
Telmo Martín era socio da inmobiliaria Construcuatro cando esta cobrou sobreprezos a compradores de vivendas de protección autonómica en Vigo, feitos polos que a empresa foi condenada polo Tribunal Supremo. A mesma construtora de Martín foi tamén multada con tres millóns de euros por invadir dominio público cun edificio de seis plantas en Sanxenxo, pero o Goberno de Feijóo perdooulle a sanción en 2011.
No seu comunicado a Consellería de medio Ambiente detalla que “propietarios e comunidades disporán de axudas de ata 38.750 euros para renovar fachadas e cubertas ou para cambiar equipos de calefacción e auga quente en vivendas e edificios cun aforro enerxético mínimo do 30%”, unha subvencións que poden ir destinadas tanto a vivendas unifamiliares como a edificios colectivos.
Segundo a Xunta, "en todo caso" a consellería "seguirá ofrecendo axudas para facilitar o acceso a un fogar a quen lle resulta máis difícil"
Sempre segundo o comunicado da propia Xunta, “tras incidir na aposta realizada pola Xunta nos últimos anos en materia de rehabilitación de vivendas, Ángeles Vázquez explicou que, en todo caso, o seu departamento seguirá ofrecendo tamén axudas directas para facilitar o acceso a un fogar a aqueles colectivos aos que lles resulta máis difícil dar este paso”.