Os datos oficiais do Poder Xudicial volven acreditar que os novos casos de ocupacións ilegais en Galicia seguen a ser un fenómeno minoritario, con 1,15 novos casos por cada cen mil habitantes (a sétima proporción máis baixa do Estado e catro décimas por baixo da media). E certifican, outra volta, que son unha circunstancia residual en comparación cos desafiuzamentos: no segundo trimestre deste ano 2022, os desaloxos seguiron multiplicando practicamente por 15 os novos casos de ocupacións.
Os desafiuzamentos seguen multiplicando practicamente por 15 os novos casos de ocupacións en Galicia, segundo o Poder Xudicial
Sempre segundo o poder xudicial, entre marzo e xuño de 2022 Galicia rexistrou 458 lanzamentos, isto é, desafiuzamentos. A maioría foron en vivendas alugadas, un total de 376, o que supón 25 máis que no trimestre anterior e 36 máis que no mesmo período de 2021. Cómpre ter en conta, en todo caso, que as comparacións interanuais seguen condicionadas pola suspensión da actividade xudicial en 2020 pola pandemia e a súa posterior recuperación.
Os lanzamentos en vivendas alugadas son 25 máis que no trimestre anterior. Os novos casos de ocupacións, dous máis
No que atinxe aos desafiuzamentos derivados de execucións hipotecarias, foron un total de 74 nese segundo trimestre do ano, dez menos que nos tres meses previos e 15 menos que un ano antes. Outros 8, ata completar os 458, figuran no epígrafe "outras causas".
Só os lanzamentos derivados de hipotecas xa duplicaron amplamente a devandita trintena de novos casos de ocupacións ilegais "en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social". Os 31 dese trimestre supoñen apenas dous máis que no anterior e oito máis que neses tres meses durante o ano 2021. Hai apenas unha semana, a conselleira con competencias en materia de Vivenda afirmou, no marco dunha xuntanza co delegado do Goberno de España en Galicia, que abordar as ocupacións é a "principal demanda" da Xunta ao Estado neste eido.
Rueda axita a pantasma da ocupación en resposta ao BNG
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia difundiu estes datos a primeiras horas deste mércores, 5 de outubro. Practicamente ao mesmo tempo, o Parlamento acollía a sesión de control ao presidente da Xunta, na que unha das preguntas a Alfonso Rueda, a formulada pola portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, versaba precisamente sobre os problemas de acceso á vivenda.
"Que están facendo?" neste eido, preguntou Pontón, tras lamentar que nos últimos anos o Goberno galego prometese "870 vivendas de promoción pública e construíse 40" ou anunciase a rehabilitación de "1.500 vivendas no plan Rexurbe e só fosen quen de rehabilitar 9". Ademais, lamentou, o plan de vivenda baleira apenas conseguiu poñer en alugueiro "30 en 4 anos". Na súa resposta, Rueda defendeu a política do Goberno galego na materia, pero tamén apostou por axitar a pantasma da ocupación.
Rueda esgrime axudas ao alugueiro -cofinanciadas con fondos europeos-, bonificacións fiscais para a compra de pisos e casas ou o seu plan para impulsar "1.200 novas vivendas públicas" como mostra de que "queremos facer políticas reais en materia de vivenda, axudas á xente que alugue" ou merque en función dos seus desexos. Pero tamén, defendeu, a Xunta se ocupa de "todo o que ten que ver con todas esas persoas que teñen unha vivenda, que non a están usando e non se atreven a poñela en aluguer" por se llela ocupan, asegurou sen achegar dato ningún.
En resposta á demanda de máis investimento en "políticas sociais de vivenda" formulada por Pontón, Rueda defende medidas como a previsión de 1.200 novas vivendas protexidas e asegura sen datos que moitas persoas "teñen unha vivenda que non usan e non se atreven a poñela en aluguer" por se llela ocupan. "Todo o mundo está preocupado" por isto, mantén o presidente da Xunta
"A moitísima xente de esquerdas e dereitas este tema lle preocupa", mantén o presidente da Xunta, dende cuxo punto de vista a poboación está "moi preocupada". Porque, defende sen citar o texto, a lei de vivenda estatal "pretende que a ocupación ilegal sexa un xeito preferente para acceder á vivenda pública" e a esquerda, acusa, "tenta que non se saiba".
"Todo o mundo -acrecentou Rueda na súa segunda intervención- está preocupado pola ocupación" pero a Pontón "lle dá exactamente igual", afirmou mentres o Poder Xudicial acreditaba as devanditas cifras. Porque a vivenda, agregou, "preocupa moitísimo á Xunta", que aborda esta política "sen facer demagoxia nin manipular", dixo tras reprochar a Pontón que inclúa "garaxes" ou outros terreos nas súas cifras de vivendas baleiras.
Pontón, pola súa banda, coida que a política de vivenda do Goberno galego debera comezar por "duplicar o investimento" para poder realizar unha "verdadeira política social de vivenda" que implique, entre outros aspectos, "complementar" con fondos propios o bono de alugueiro social do Estado ou "reformular" esta axuda para "evitar desafiuzamentos". Tamén, advertiu, impulsar un parque de vivenda pública en alugueiro como noutros Estados europeos. "Menos pelotazos fiscais para os ricos", concluíu en referencia á nova rebaixa no imposto de patrimonio anunciada por Rueda, e máis política de vivenda.