No ano 2016 a Xunta puxo en marcha un programa para destinar inmobles deshabitados "ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas". Porén, nos seus dous primeiros anos de aplicación o programa incorporara unicamente 16 pisos e adxudicara 7 deles
En Galicia hai ao redor de 300.000 inmobles baleiros. Unha gran parte deles atópanse en bo estado e poderían ser habitados, no caso de seren alugados, axudando a solucionar as dificultades de acceso á vivenda que sofren -sobre todo- as xeracións máis novas. A Xunta aprobou este xoves unha iniciativa coa que busca "mobilizar" unha parte deste parque de vivenda baleira, a través de incentivos aos seus propietarios para que se decidan a poñelas en alugueiro. En concreto, o Goberno galego considera que nunha primeira fase deste plan poderá conseguir que "entre 250 e 300 inmobles" hoxe desocupados se ofrezan en alugueiro.
Os titulares das vivendas adheridas disporán de seguros gratuítos de impagamento e multirrisco do fogar, recibirán asistencia xurídica en caso necesario e poderán acceder a axudas públicas para acometer as reformas necesarias nos inmobles.
Os titulares das vivendas adheridas disporán de seguros gratuítos de impagamento e multirrisco do fogar, recibirán asistencia xurídica en caso necesario e poderán acceder a axudas públicas para acometer reformas
As vivendas ofreceríanse a uns prezos máis reducidos do que actualmente está demandando o mercado. O importe da renda mensual non poderá superar os 600 euros ao mes na Coruña, Santiago, Vigo, Pontevedra e Ourense; os 500 euros en Ferrol, Lugo, grandes vilas e concellos periurbanos; e os 400 no resto do país.
Para poder beneficiarse do programa, os arrendatarios deberán estar inscritos no Rexistro de Demandantes de Vivenda de Galicia e acreditar uns ingresos anuais que se movan entre un mínimo de 8.106,28 euros e un máximo de 36.478,26 euros. Ademais, os inquilinos poderán acceder a algunha das subvencións ao alugueiro xestionadas pola Xunta: o bono de alugueiro social, as axudas directas ao alugueiro ou o novo bono alugueiro mocidade.
Só 16 pisos incorporados ao anterior plan de vivenda baleira
A renda mensual das vivendas moveríase entre os 400 e os 600 euros
Cómpre lembrar, iso si, que xa no ano 2016 a Xunta puxo en marcha un programa de vivendas baleiras, concibido para destinar inmobles deshabitados "ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas". O plan era resultado dun convenio asinado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Porén, nos seus dous primeiros anos de aplicación o programa de vivendas baleiras incorporara unicamente 16 pisos e adxudicara 7 deles.
Esta nova iniciativa será xestionada directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Así mesmo, administradores de predios e axentes inmobiliarios colaborarán co IGVS, localizando vivendas que reúnan os requisitos para participar, incorporándoas a unha plataforma de xestión común e formalizando os contratos correspondentes.
A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias cifra en 340.500 as vivendas baleiras en Galicia
A creación dun programa de mobilización de vivendas para o alugamento foi unha das medidas incluídas no Pacto social pola vivenda 2021-2025, asinado en xaneiro de 2021 entre Xunta, a Fegamp e diversos axentes e colectivos profesionais do sector.
A Federación Galega de Empresas Inmobiliarias cifra en 340.500 as vivendas baleiras en Galicia. A entidade salienta que só unha pequena parte das vivendas baleiras están "no circuito de comercialización" e unha ampla porcentaxe (o 78%) "necesitan unha rehabilitación ou reforma". "As administracións non están a ser capaces de mobilizar a vivenda baleira nun contexto de axudas económicas á rehabilitación como nunca houbo", denunciaba nese informe a FEGEIN.