A Xunta admite que apañou máis de 12.000 quilos de plásticos distintos aos pellets en menos dun mes, pero sinala a concellos e entidades privadas tanto para a recollida ordinaria como para manexar datos ao respecto
"A Xunta retirou das praias galegas 3.573 quilos de pelles e preto de 12.528 quilos doutros plásticos". Dende o pasado 15 de xaneiro, a Xunta vén emitindo practicamente a diario, a través da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, comunicados con esta formulación. Foi nesa xornada, case mes e medio despois da perda da carga por parte do mercante Toconao, cando o Goberno galego puxo "matrícula de honra" á súa propia xestión da crise, que impactou e plena precampaña das eleccións do 18F.
Con estes comunicados -as cifras citadas corresponden a este pasado xoves- a Xunta pon o foco en que os "outros plásticos asimilables a residuos urbanos" que apaña o "persoal mobilizado polo Executivo galego" teñen un volume moito maior que as controvertidas bólas. Ao tempo, pon o foco en que "o operativo de vixilancia, detección e limpeza nos areais" traballa en máis dunha vintena de concellos.
Ante estes reiterados comunicados, Praza.gal consultou coa área de Medio Ambiente do Goberno galego a respecto de se lle constan "cantos quilos doutros plásticos foron retirados das praias galegas" en 2023 ou anos previos, así como se existe un dispositivo habitual para realizar estes labores. O departamento que dirixe Ángeles Vázquez foi tamén cuestionado por este diario sobre o tempo en que está previsto manter o actual dispositivo de recollida.
O Goberno galego admite que "moitos" concellos "poden carecer dos medios necesarios para atallar" unha crise como a dos 'pellets' na costa
As respostas ofrecidas pola Vicepresidencia Segunda evidencian a ausencia dun dispositivo estable para liberar o litoral galego de plásticos e mesmo de información pública ao respecto na propia Xunta. Non en van, a Consellería sinala que "a recollida de plásticos nas praias é unha cuestión que compete aos concellos", polo que "son eles os que poden dispoñer de datos sobre a retirada de lixo nos areais".
As cifras de plásticos retirados son, daquela, produto do "operativo despregado" para "a recollida dos pellets perdidos polo buque Toconao" e que "dende o 10 de xaneiro supuxo tamén a retirada doutros plásticos". Sempre segundo esta resposta oficial, o dispositivo tamén procura "dar apoio aos concellos" porque "moitos poden carecer dos medios necesarios para atallar as consecuencias dunha situación excepcional coma esta".
Sobre a duración dos traballos, Medio Ambiente limítase a indicar que o operativo "é flexible" e "vaise axustando en función da evolución do episodio" e das condicións meteorolóxicas. Non obstante, o propio xoves xa advertiu que, tras unha xuntanza "dos técnicos do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia", o Camgal, o plan é "iniciar unha desescalada progresiva dos medios de limpeza nas praias" e así o "trasladou" ao Goberno de España.
Campañas de recollida por ONG ou empresas e mais os concellos
Organizacións ecoloxistas realizan limpezas periódicas no litoral e tamén veñen colaborando cos concellos na actual crise
Nesa explicación na que remite a recollida habitual de plásticos aos concellos, a Xunta tamén se refire á actividade privada. "Hai campañas de distintas organizacións, empresas ou entidades, como as do sector marítimo-pesqueiro", que "promoven accións de limpeza nas praias das súas áreas de influencia".
Efectivamente, son habituais as accións de recollida de plásticos e outros refugallos nas praias por parte de asociacións ecoloxistas como Adega, que vén convocando as "limpezas simultáneas de praias". Este programa chegou en 2023 á súa undécima edición e contou coa colaboración de Eroski. Tamén empresas como Abanca organizaron nos últimos anos actividades de voluntariado ambiental centradas na retirada de plásticos e outros refugallos tanto en praias como en fondos mariños próximos á costa. Así, por exemplo, o proxecto Plancton de Afundación recolleu 52 toneladas de refugallos dende 2021, segundo o balance feito público esta semana.

As organizacións ambientalistas tamén adoitan colaborar cos concellos de maneira ordinaria e igualmente ante crises coma o dos pellets. É o que vén facendo Adega e é tamén o que fixo, por exemplo, Greenpeace co Concello de Ribeira a mediados deste mes de xaneiro. Da man do goberno local, o colectivo ecoloxista coordinou un cento de persoas para colaborar nos labores de limpeza da contorna de Corrubedo, "onde chegaron os primeiros sacos de pellets o 13 de decembro".
"Ante a inacción do resto das administracións decidimos buscar nós unha solución", sintetiza a alcaldesa de Muros
Dende o propio concello ribeirense a súa edil de Medio Ambiente, Antía Alberte (BNG), ambientóloga de carreira, evidenciaba en declaracións a Praza.gal os problemas que causa a carencia dun dispositivo formal e estable, así como a "falta de coordinación e directrices dende organismos superiores" aos concellos. "Provoca que a xente se alarme e impulse iniciativas propias porque non confía nas administracións e iso é perigoso", sinalaba.
O goberno doutro dos concellos máis afectados polos pellets, o de Muros, pon tamén o foco no labor das organzacións non gobernamentais en ausencia dunha presenza máis efectiva da Xunta. "O traballo de organizacións como Adega, que está a dar incluso formacións a voluntarios, é o que debera estar facendo a Xunta", resumía a súa alcaldesa, María Lago (BNG), en declaracións a este xornal.
Non en van, o protocolo de recollida dos pellets en Muros foi elaborado a partir das recomendacións da organización ecoloxista e da empresa contratada pola aseguradora da empresa armadora do Toconao. Porque o concello muradán despregou tamén un operativo de recollida xunto a esta compañía xa nos primeiros días de xaneiro. "Ante a inacción do resto das administracións decidimos buscar nós unha solución", sintetiza a rexedora da vila.