Un cento de persoas e apenas dúas horas de traballo foron dabondo para amosar que, en pleno centro da Coruña, o mar segue a ser empregado como vertedoiro. O festival Mar de Mares organizou este domingo a que foi considerada "primeira gran limpeza de fondos mariños da cidade", na contorna da Dársena da Mariña. E do fondo deste emblemático emprazamento saíron toda caste de refugallos ata sumar máis de media tonelada de materiais.
"Retiraron numerosos obxectos de uso cotián como cadeiras, copas, valos, pneumáticos e mesmo patinetes e carros da compra", destacan dende Mar de Mares
Oitenta mergulladores profesionais e voluntariado de entidades como Cruz Vermella, os Bombeiros ou Protección Civil atoparon na Mariña coruñesa multitude de materiais. E a súa orixe non é, nin de lonxe, unicamente a actividade pesqueira ou portuaria. "Retiraron numerosos obxectos de uso cotián como cadeiras, copas, valos, pneumáticos e mesmo patinetes e carros da compra", resumen dende a organización de Mar de Mares, que tamén subliña a "gran cantidade de pequenos plásticos" achadas nas augas coruñesas.

Tamén o Concello admite a magnitude do problema, do que esta limpeza é só unha mostra. "Espero que actuacións coma esta sirvan para que a xente se convenza de que o mar non é un vertedoiro", sinala a edil de Medio Ambiente, Esther Fontán, que nunha visita á Dársena da Mariña durante o desenvolvemento dos traballos lamentou que "os nosos océanos estean a converterse nunha entulleira".
"Seguro que non nos bañaríamos nas nosas piscinas ou nas nosas bañeiras se tivesen o lixo que hoxe atopamos aquí", reflexionou a concelleira, quen asegura que o Concello prevé que "esta actuación teña continuidade". Alén da propia retirada de lixo do fondo do mar, ten tamén "importancia no aspecto divulgativo e educativo" e por iso anima a "responsables doutros municipios costeiros a que leven a cabo iniciativas coma esta.

O festival Mar de Mares encadra esta actividade na súa aposta por "celebrar a riqueza" dos océanos, pero tamén por "alertar dos perigos que axexan o maior ecosistema do planeta. Neste sentido, tras o resultados da recollida de refugallos na Mariña coruñesa animan a reflexionar sobre o feito de que "a metade do aire que respiramos o debemos aos mares". "Por iso é imprescindible adquirir conciencia da súa importancia na vida diaria e é necesario reformular a relación do ser humano co mar".