Dende grupos ecoloxistas advírtese da necesidade de seguir unha serie de recomendacións á hora de recoller os pellets nas praias, para evitar causar un prexuízo maior ao ecosistema
Nos últimos días centos de persoas están achegándose ás praias para participas na recollida dos pellets de plástico que están a chegar ao litoral galego. Fano en grupos autoorganizados ou en iniciativas coordinadas con concellos ou entidades ecoloxistas e veciñais, como Sachos á Rúa en Ribeira, Noia Limpa, Plademar (Plataforma para a defensa do mar de Muros e Noia) ou a Plataforma de Defensa da Ría de Arousa. E, de igual xeito, Adega está preparando actividades de voluntariado en colaboración con concellos da zona. Estas accións chegan, ademais, nun contexto de críticas ao Goberno galego pola falta de iniciativa
Nos grupos de Whatsapp e Telegram de Limpeza de Praias estase informando de actividades de limpeza en toda a costa, achegando tamén datos sobre os pellets e como recollelos, así como a actualización dun Mapa de lugares con presenza destes residuos plásticos e dun Mapa actualizado de lugares e horas onde se están realizando as intervencións de limpeza.
Adega está preparando actividades de voluntariado en colaboración con concellos da zona.
Con todo, dende grupos ecoloxistas advírtese da necesidade de seguir unha serie de recomendacións á hora de recoller os pellets nas praias, para evitar causar un prexuízo maior ao ecosistema. "O dano provocado ás especies animais e vexetais dos areais pode ser maior que o que xeran os pellets", advirten algúns expertos.
A Federación Ecoloxista Galega recomenda "actuar na medida do posíbel dentro das accións de entidades organizadas con disponibilidade de material de traballo e de recollida de pellets e o seu tratamento"
Dende a Federación Ecoloxista Galega recomendan "actuar na medida do posíbel dentro das accións de entidades organizadas con disponibilidade de material de traballo e de recollida de pellets e o seu tratamento", con todo, din ser conscientes de que moita xente o está a facer "de maneira voluntaria e autónoma", polo que recomendan ter en conta as indicacións e suxestións que están a realizar grupos ambientalistas como Greenpeace, que elaborou un decálogo de consellos.
A Federación Ecoloxista Galega destaca que o gran número de persoas que nas últimas horas se están a interesar por participar nos traballos de limpeza "demostra de novo, como no caso do Prestige, a conciencia ambiental e a preocupación ante o desastre e a necesidade de actuar persoalmente ante a incompetencia da Xunta".
Recomendacións de Greenpeace para as persoas voluntarias
- Acude nun grupo coordinado e informa ao concello
- Non masificar as praias e acceder só polos lugares sinalados. Planificar a zona de limpeza para optimizala. Mellor concentrarse nunha zona que dispersarse
- Máximo coidado coa vexetación dunar. Non pisala nin achegarse a ela en ningún caso.
- Manter a distancia coas aves que se alimentan na liña de marea para non estresalas. Informa ao 112 ou a axentes ambientais se atopas algunhas ave mariña morta. Non manipulala en ningún caso
- Evitar levar cans.
- Non extraer da praia elementos naturais (algas, cunchas...), só pellets e outros refugallos.
- Nos escavar na area, só limpar a capa superficial de pellets e outros refugallos
- Protexer as mans con luvas.
- Avisar ao 112 ou falar co concello para depositar os pellets recollidos, non van en ningún contedor de reciclaxe. Son residuos industriais, non domésticos
- Se ves un saco de pellets, chama ao 112 para que o recollan, pode rachar ao manipulalo.
Como se recollen os pellets
Recoméndase recollelos cos raños (con coidado de só limpar a superficie) e depositalo nun capacho con agua. Posteriormente, debe ser retirado do capacho cun coador ou coa peneira, con coidado de deixar na praia todos os elementos naturais (algas, cunchas...)
As boliñas de plástico están a aparecer en todas as superficies do litoral, pero acumúlanse sobre todo nas praias e, especialmente, nas liñas marcadas pola marea, onde adoitan misturarse con algas e outros materiais.
Ao ser un material plástico flota, pero unha vez en terra, fica depositado na area. Recoméndase recollelo cos raños (con coidado de só limpar a superficie) e depositalo nun capacho con agua. Posteriormente, debe ser retirado do capacho cun coador ou coa peneira, con coidado de deixar na praia todos os elementos naturais (algas, cunchas...). Tamén se pode peneirar directamente a area.
O mellor momento para levar a cabo os traballos é cando a marea está a baixar ou na propia baixamar, pois os pellets quedan así na area e non son arrastrados de novo para o mar. Non se recomenda actuar cando a marea está alta ou subindo.