A Xunta descarta elevar a nivel 2 o nivel de emerxencia por contaminación mariña polo vertido de pellets na costa galega, o que permitiría o reforzo estatal, entre críticas ao Goberno central. Mentres desde a Delegación do Goberno en Galicia advirten que os medios estatais están "listos" para actuar e que o farán así que a Xunta "prema o botón e eleve o nivel", o Executivo galego sinala o Estado por "falta de datos", pídelle "responsabilidades" e advirte do uso electoralista do problema medioambiental por parte da esquerda.
"Non podemos entrar nunha casa se non nos abren as portas", di o delegado do Goberno ante a negativa da Xunta a elevar o nivel de alerta
"Non podemos entrar nunha casa se non nos abren as portas", dixo o delegado do Goberno central en Galicia, Pedro Blanco ante a posible actuación estatal sobre un vertido que a Xunta insiste en minimizar. Así o fixo a vicepresidenta segunda da Xunta e conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, que aclarou que as bóliñas de plástico que se espallan polo litoral son "pets" pero un material que "non é tóxico nin perigoso". Con todo, aclarou que "si é plástico e, ao igual que o resto dos plásticos, temos que facer o esforzo necesario para facer a recollida", dixo desde a Illa de Sálvora. "É plástico e hai que quitalo dos areais", dixera pouco antes na Coruña.
A conselleira de Medio Ambiente asegura que os 'pellets' "non son tóxicos nin perigosos" pero "é plástico e hai que quitalo dos areais"
Vázquez fixo referencia á "certificación" da composición dos pellets por parte do laboratorio do CETIM (Centro Tecnolóxico de Investigación Multisectorial) e cifrou "nunhas 30 praias" as afectadas, asegurando que "en moitas delas" a presenza destes plásticos "é testemuñal". No entanto, segundo os datos dos mapas públicos compartidos nas redes e da información de particulares e grupos ecoloxistas, serían máis de 70 os areais afectados.
Ao igual que nos últimos días, a conselleira insistiu en cargar contra o Goberno central: "Hanos de dicir dunha vez por todas o número de toneladas que verteu este barco". "Por que ten que ser o Goberno central? Pois porque ao igual que nunha autovía autonómica a responsabilidade é da Xunta, no transporte por mar correspóndelle ao Executivo central", asegurou sobre unhas cifras que xa aclarou o ministro de Transportes, Óscar Puente, ao falar das arredor de 28 toneladas que cargaba o contedor de pellets que caeu ao mar do buque Tocanao.
Logo, a Delegación do Goberno detallou algo máis para advertir de 1.050 sacos de pellets duns 25 quilos cada un. Un total de 26.250 quilos de pequenas bólas de plástico. Calcúlase que máis de 1 millón desas bóliñas collen en cada un dos sacos. Ademais dese contedor, o buque perdeu outros catro cargados con pneumáticos, barras de aluminio e papel film.
O contedor que caeu ao mar contiña máis de mil sacos e 26,3 toneladas de 'pellets'
Precisamente, a conselleira de Medio Ambiente acusou o ministro Puente de "enlamar" e pediu "ser transparentes e dar toda a información". "Se alguén ten que pedir responsabilidades somos nós ao Goberno central", chegou a manifestar.
Ademais, tanto Vázquez, como o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e mais o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, volveron asegurar hoxe que a primeira comunicación oficial do Goberno central sobre o vertido foi do pasado 3 de xaneiro. "Non é certo", dixo o xefe do Executivo galego, ao ser preguntado polas datas achegadas polo Estado que sitúan as comunicacións moito antes.
"Lamentamos que nos tivesen informado, parece ser, moito despois de que o Goberno central tivese a confirmación deste feito, que non habilitasen o sistema de continxencia contra a contaminación marítima e que agora nos estean exixindo un traballo que nós xa realizamos desde que tivemos información por parte do Executivo", insistiu Vázquez.
"Se alguén ten que pedir responsabilidades somos nós ao Goberno central", di a Xunta; Goberno central, BNG e PSdeG acusan o Executivo de Rueda de "mentir"
Pero o Goberno central insiste en que o 13 de decembro o servizo de emerxencias 112 da Xunta alertou ao Salvamento Marítimo estatal da aparición dun primeiro saco de pellets plásticos e que o día 20 Salvamento Marítimo informa a Gardacostas de Galicia das investigacións sobre a orixe do vertido.
Neste mesmo luns, o ministro de Transporte, Óscar Puente, acusou o PP de Galicia e a Xunta de "mentir" e, nas redes sociais, achegou o rexistro de chamadas procedentes do 112 en Salvamento Marítimo o día 13. Nel aclárase como o Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra comunica que recibiu unha chamada no que o 112 alertaba dos avisos dun particular sobre a aparición de sacos, de que tamén o Cemma enviara fotos e de que persoal do Concello de Ribeira xa estivera limpando.
No entanto, nun almorzo informativo, Alfonso Rueda negou que a Xunta tivese coñecemento de nada antes do 3 de xaneiro. "O que queira axudar que axude e que non estorbe como están facendo os partidos en Galicia", asegurou, acusando a oposición de "facer campaña descarada" e difundir "disparates".
Desde o BNG, a súa portavoz nacional e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, criticou o PP por repetir a "marea de mentiras, manipulación e incompetencia" do Prestige. “Están demostrando unha vez máis a súa incompetencia para poñerse á fronte e liderar unha resposta ante un problema medioambiental tan grave como o que estamos vivindo”, dixo. Ademais, instou o Goberno galego e o estatal a "deixar as loitas partidistas e poñerse a traballar na limpeza das praias galegas".
Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, pediu á Xunta que deixe de "mentir" e faga "o seu traballo" para retirar os pellets da costa. "Perdemos vinte días", advertiu, tras insistir en que o Goberno galego "está mentindo" cando asegura que non foi avisado a tempo dos vertidos.
Ao tempo, a Unidade Especializada en Medio Ambiente da Fiscalía Xeral do Estado abriu dilixencias de investigación sobre o vertido logo da apertura dun expediente de seguimento xa o pasado día 4.
Os concellos reclaman medios á Xunta
Mentres, voluntarios, concellos e operarios da Xunta e Tragsa traballan na recollida dos plásticos do litoral. A conselleira Ánxeles Vázquez pediu que se leve a cabo de maneira "protocolizada, controlada, consensuada e con sentidiño" e lembrou que en zonas de Rede Natura ou parques naturais aquel que queira colaborar terá que facelo co permiso necesario. Pola súa banda, o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, pediu "calma" e advertiu de que demasiada xente nas praias "pode facer máis mal que ben".
Pero os concellos seguen reclamando máis medios. Desde A Coruña, a onde tamén chegaron pellets, a súa alcaldesa, Inés Rey, exixiu á Xunta que achegue os medios "precisos" para a limpeza, mentres que a concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, lembrou ao Goberno da Xunta que "ao activar o plan de emerxencia, son eles os que teñen as competencias". Na mesma liña, o Concello de Sada denunciou falta de información e pediu á Administración autonómica "que asuma as súas competencias".
Así, o presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, reclamou medios para os concellos, máis información sobre a composición dos pellets e un protocolo claro de actuación que non recaia só nos municipios, xa que se tema que "poida ter efectos negativos nos recursos mariños e no medio ambiente".