"Se isto me pasa a min non faría falta que dimitise porque unha parella da Garda Civil iríame buscar á miña casa". Anxo Quintana, ex vicepresidente da Xunta, refírese ás polémicas fotografías nas que Núñez Feijóo sae acompañado do narcotraficante Marcial Dorado, que cumpre condena na cadea.
O ex voceiro do BNG, de quen Feijóo pediu a dimisión na campaña electoral de 2009 por unhas antigas fotos xunto ao empresario Jacinto Rey, cre "moi penoso" que "se faga unha equiparación" entre as imaxes do actual presidente da Xunta cun contrabandista e aquelas nas que el saía xunto ao propietario da construtora San José. "Non ten nada que ver, a difusión daquelas fotos estaba enmarcada dentro dunha campaña sucia que desgraciadamente marcou tendencia", asegurou nunha entrevista na Cadena Ser.
"A difusión das miñas fotos estaba enmarcada dentro dunha campaña sucia que marcou tendencia", lamenta Quintana
"Con esa foto intentouse trasladar a idea de que o empresario e eu estabamos amañando o concurso eólico, pero fora tomada un ano antes de ser eu vicepresidente e cinco anos antes daquel concurso eólico. Nin eu pensaba estar na Xunta nin eu moito menos nun concurso", asegurou Quintana, a quen lle parece "terrible" que a polémica xurdida arredor de Feijóo lle "afecte" agora a el, afastado da política. De feito, censurou con dureza que "este mesmo martes" nun faladoiro de Radio Nacional de España -"que pagamos todos, incluído eu", dixo- dous convidados "asegurasen rotundamente que aquela fotografía era a proba de que eu cometín unha inmensa prevaricación e que estou traballando no Brasil como delegado de San José". "Non estou no Brasil, estou na Coruña traballando como autónomo; nin teño nin tiven relación comercial ningunha con esa empresa", aclarou.
O ex vicepresidente da Xunta lamenta que en RNE "aseguren rotundamente que eu cometín unha inmensa prevaricación"
Ademais, Quintana recoñece que Feijóo queda agora "nunha situación política complicada" e asegura non saber se tería que dimitir, pero si insiste en que se o protagonista das fotos fose el e non o presidente da Xunta "non faría falta que dimitise". "Unha parella da Garda Civil viríame buscar á miña casa", engadiu.
Xa por último, volveuse queixar de que intenten equiparar esta foto con aquela que protagonizou a campaña electoral de hai catro anos, pero asume que "desgraciadamente, esta é a política actual". "Moléstame que se me introduza nela porque estou contentísimo de non estar nesta inmensa lameira", rematou.