Besteiro reivindica o PSdeG como "a verdadeira esquerda que aspira a gobernar" e presenta unha nova imaxe do partido

Presentación do novo logo do PSdeG este xoves en Santiago CC-BY-SA Praza.gal

"Imos ampliar a nosa mensaxe a persoas que non son do partido", defendeu Besteiro sobre a nova imaxe do PSdeG, que vai acompañada do lema 'Socialistas con raíz'

Socialistas con raíz é o lema que acompaña ao novo logo que representa o que o PSdeG vai facer nos vindeiros meses. En palabras de José Ramón Gómez Besteiro, “cunha maior presenza da flor” e “sen perder a cor vermella, que representa as políticas de esquerdas e progresistas”, “incorporando o azul que nos leva á idea da raíz, de Galicia, que está tamén moi presente nos concellos”, e sumando “o morado, que é un dos selos distintivos do PSOE, o feminismo”.

Este sábado en Celanova, os socialistas galegos inician unha serie de encontros que chaman Diálogos con raíz que servirán para “fornecer o relatorio político” que a Secretaría Xeral do PSdeG defenderá no vindeiro congreso nacional da formación, que “se celebrará no primeiro tramo do ano 2025”. O reto demográfico centrará esta primeira xornada no auditorio municipal de Celanova, a partir das dez da mañá, na que participarán expertos como a catedrática de Historia e Economía da Universidade de Santiago de Compostela María Xosé Rodríguez Galdo, o secretario xeral para o Reto Demográfico do Ministerio, Francesc Boya, ou o presidente da Câmara Municipal de Melgaço, Manoel Batista Calçada Pombal.

Besteiro durante o almorzo informativo coa prensa CC-BY-SA Praza.gal

O congreso federal do PSOE en novembro obriga os socialistas galegos a adaptar o seu calendario neste reinicio da actividade despois do verán, que no seu caso comezou coa mirada posta nos concellos gobernados polo PSdeG centrados no financiamento local, pero indo “máis alá”, segundo detallou Besteiro no almorzo informativo celebrado este xoves en Santiago, pois o municipalismo “ofrece unha faciana moi real do que somos”, dixo o líder socialista para salientar que “a proximidade que se vive nos concellos” é a súa maneira de actuar como partido.

Os socialistas galegos inician este sábado os 'Diálogos con raíz', que servirán para "fornecer o relatorio político" que a Secretaría Xeral do PSdeG defenderá no vindeiro congreso nacional da formación

Besteiro incidiu en que esta nova imaxe do PSdeG vainos acompañar “durante moito tempo” e sinalou que marcará unha apertura da formación: “Imos ampliar a nosa mensaxe a persoas que non son do partido”. Por este motivo, nos Diálogos de raíz suman voces expertas e de fóra das filas socialistas para debater “en toda Galicia”. “Pedimos e ofrecemos unha forma distinta de facer política”, resumiu o líder socialista, que ratificou a súa intención de permanecer no cargo como secretario xeral e pedirá o apoio da militancia no vindeiro congreso, para o que non descarta que haxa outras listas coas que competir.

Neste sentido, Besteiro sostivo que “cando falamos de que en Galicia se perden oportunidades é porque queremos ir a mellor, non se pode ir co non a todas partes” e fixo fincapé na “perspectiva de esquerda” do seu partido, ao que definiu como “a verdadeira esquerda que aspira a gobernar”. A mesma esquerda, sinalou, que “sobe o salario mínimo interprofesional”, “aumenta o poder económico dos pensionistas” ou “vai de fronte coa transición enerxética”. En definitiva, o líder socialista trasladou que o seu obxectivo é “ser útiles” para a cidadanía, “fomentar a participación e o debate sobre as cousas que de verdade importan, sen perderse en debates estériles”.

Reunión de alcaldes e alcaldesas do PSdeG este martes CC-BY-SA PSdeG

"Se hai condonación da débeda, eu tamén quero. Negarse é ser antigalego", avanza Besteiro sobre a reunión entre Rueda e Sánchez

A respecto da inminente reunión entre o presidente da Xunta e o do Goberno de España, Besteiro destacou a “man tendida” de Sánchez e a súa apertura a debater o financiamento autonómico, pero considerou que o importante era que actitude mostraría Rueda e se faría “seguidismo” das “ordes de Feijóo”. “Se hai condonación da débeda, eu tamén quero. Negarse é ser antigalego”, asegurou o socialista, para engadir que “Rueda vai demostrar se defende os intereses de Galicia ou o que lle manda Feijóo desde Génova”.

“Galicia ten que decidir que quere ser de maior. Nós queremos máis competencias e para iso precísase dun maior financiamento”, apuntou Besteiro, sen esquecer que Feijóo “non trouxo ningunha competencia”. Ademais, afondou en que o financiamento singular, os mecanismos de solidariedade e a corresponsabilidade fiscal que defenden os socialistas no Estado son compatibles co acordo asinado co BNG para a investidura de Sánchez. Unha corresponsabilidade que o líder socialista considera “necesaria” tamén a nivel municipal, en referencia á relación económica entre a Xunta e os concellos galegos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.