O PSdeG prevé celebrar Congreso Nacional no inicio de 2025 co reto de artellar o seu proxecto galego

José Ramón Gómez Besteiro, secretario xeral do PSdeG, nunha comparecencia de prensa no Parlamento en abril de 2024 CC-BY-NC-SA PSdeG

Os socialistas procuran encarreirarse de vez pola vía ordinaria tras década e media de interinidades e présas electorais nun congreso marcado polo conclave federal do vindeiro outono e no que Besteiro procurará asentar un liderado cara ao medio prazo

A interinidade, a provisionalidade e as présas electorais levan marcando a vida interno do PSdeG dende, cando menos, o 1 de marzo de 2009. A maioría absoluta do PP de Alberto Núñez Feijóo que desbancou da presidencia da Xunta a Emilio Pérez Touriño sumiu o partido nunha prolongadísima travesía do deserto que, por motivos dispares, provocou a rotación dunha decena de liderados entre responsables orgánicos, voceiros no Parlamento e candidatos.

O pasado abril o PSdeG outorgou a José Ramón Gómez Besteiro plenos poderes como secretario xeral no seu Congreso Nacional extraordinario. O conclave celebrouse en plena resaca das eleccións galegas de febreiro, nas que a formación asinou o seu peor resultado histórico -9 escanos- cun Besteiro investido como candidato escasos meses antes e tras 7 anos de ausencia forzosa da vida pública.

Julio Torrado, voceiro da Executiva Nacional do PSdeG, en conferencia de prensa este martes CC-BY-NC-SA PSdeG

Xa daquela Besteiro bosquexou a súa intención de "reactivar o partido" e a súa "identidade propia" tecendo o ansiado proxecto galego, "un partido de Galicia e para Galicia do que "ningún galego ou galega dubide de cal é a nosa posición" a respecto de cada asunto. Dáse a circunstancia de que eses obxectivos de ollada a medio prazo foron formulados nun contexto outra volta provisional, o dun congreso extraordinario para culminar a remuda na secretaría xeral. Será agora, nos vindeiros meses, cando o PSdeG procure encarreirarse pola vía ordinaria e deixar de vez a excepcionalidade.

"No Congreso galego corresponderá perfilar as políticas que nos permitan presentar un proxecto político á cidadanía", sinala o voceiro da Executiva do PSdeG, Julio Torrado

A vindeira fin de semana a dirección federal do PSOE prevé deixar convocado o seu congreso, que se celebrará do 29 de novembro ao 1 de decembro en Sevilla. Ese proceso abre a porta aos congresos territoriais, no caso do PSdeG, ao Congreso Nacional Galego. E a actual Executiva Nacional xa traballa coa expectativa de celebralo "no primeiro trimestre de 2025", confirma o seu voceiro, Julio Torrado.

Os socialistas galegos, explica Torrado, "terán unha participación importante" no Congreso Federal de finais de novembro, "especialmente en cuestións coma o financiamento singular que precisa Galicia" . E "despois, no Congreso galego, corresponderá perfilar as políticas que nos permitirán presentar un proxecto político para a cidadanía". Na dirección socialista dáse por seguro que Besteiro optara á reelección na secretaría xeral. Resta saber se con ou sen rivais, máis aínda tendo en conta os movementos nos últimos meses de Gonzalo Caballero, secretario xeral de 2017 a 2021.

Besteiro, con Pedro Sánchez nun mitin previo ás eleccións galegas en Lugo CC-BY-SA PSdeG

As datas dos procesos internos, previsiblemente, obrigarán a Besteiro a mudar a súa intención de celebrar unha conferencia política no outono para dotar de contido ideolóxico os seus propósitos orgánicos. Pero, avanza Torrado, o que si celebrarán será un "ciclo de xornadas abertas á cidadanía" en varios puntos do país nos que dar voz a "expertos e á sociedade civil, recoller as súas propostas" sobre "os temas importantes; dende a vivenda e o despoboamento ata a economía e a sanidade, o emprego, a industria ou a educación".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.