Besteiro aposta por "mobilizar o poder local socialista" nun contexto marcado por decisións como a suba do canon de Sogama e de forte malestar entre dirixentes locais do partido polas formas da Xunta para lanzar os seus plans de posibles fusións municipais
O informe sobre posibles fusións de concellos encargado pola Xunta hai tres anos e que o Goberno galego vai presentar este xoves na xornada Reforma do mapa municipal de Galicia, convocada pola Consellería de Presidencia, está a xerar un notable balbordo político. Especialmente dende que, o pasado domingo, Praza.gal adiantou en exclusiva que ese documento, elaborado pola Fundación Juana de Vega, propón ata sete novas unións municipais.
As formas elixidas polo departamento que dirixe Diego Calvo para presentar o traballo tampouco caeron ben nalgúns ámbitos. A comezar polo feito de que no evento estivesen previstas 16 intervencións das que só unha era dunha muller. No programa definitivo son finalmente dúas de 14.
No caso concreto do PSdeG, ao rexeitamento dese panel case integramente masculino engádese o que os socialistas consideran un aberto ninguneo ao partido que ostenta as alcaldías dos concellos onde reside case a metade da poboación galega. Non foi convidado a intervir o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias e alcalde socialista de Vilagarcía, Alberto Varela, nin ningún outro rexedor ou rexedora da formación.
"Rueda especializouse en transferir responsabilidades aos municipios sen o financiamento adecuado", di o PSeG, que avanza "accións de protesta" polo 'tarifazo' do lixo
Con este pano de fondo conxuntural, pero tamén por mor da axitación que nas arcas municipais está xerando a inminente suba do canon de Sogama -o que a empresa da Xunta e Naturgy cobra aos concellos pola recollida e xestión dos refugallos-, sumada a outros asuntos máis estruturais coma o infrafinanciamento ou a xestión de competencias que corresponderían ao Goberno galego, o secretario xeral do PSdeG vén de decidir "mobilizar o poder local socialista". Xuntar alcaldes e alcaldesas para facer fronte "ao menosprezo da Xunta".
Nun primeiro encontro en Santiago, no que compartiu primeiro plano cos titulares das principais alcaldías do partido -Vigo, A Coruña e Lugo-, os presidentes das deputacións da Coruña e Lugo e o máximo responsable da Fegamp, José Ramón Gómez Besteiro contrapuxo o labor destes gobernos locais co da Xunta encabezado por un "soldado de Feijóo". "Rueda -din- especializouse en transferir responsabilidades aos municipios sen o financiamento adecuado", caso do servizo de axuda no fogar (SAF)
Alén desta crítica xeral, Besteiro avanza que un dos primeiros resultados desta "mobilización" do poder local do PSdeG serán "accións de protesta" contra a suba do canon de Sogama. Este foro de alcaldes e alcaldesas, avanza, reunirase "de maneira periódica" para "avaliar a situación e seguir reclamando solucións aos problemas dos municipios galegos" que son, resaltan, os que "se ocupan das preocupacións reais" da veciñanza" e non "dos debates teatrillo destinados a facer ruído e nada máis".