Unha década despois de impulsar as unións de Oza con Cesuras e Cerdedo con Cotobade, o 19 de setembro verá a luz o estudo encargado pola Xunta hai tres anos no marco da súa aposta por impulsar outras
Hai agora algo máis dunha década, o Goberno de Alberto Núñez Feijóo converteu as fusións de concellos nunha das súas bandeiras. No debate de política xeral de 2012 sorprendeu anunciando a unión do concello de Oza dos Ríos co de Cesuras, consumado ao ano seguinte, e en 2016 o Goberno galego impulsou a de Cerdedo con Cotobade. Agora manexa un informe que propón ata sete posibles novas fusións municipais.
As devanditas fusións foran presentadas como exemplo da "racionalización" do mapa municipal galego que, entre outros aspectos, debería pasar por concellos de máis habitantes que puidesen aspirar a mellor financiamento e, a través dela, reverter a crise demográfica. O certo é que os resultados dos dous procesos foron discretos nese sentido -ambos concellos fusionados teñen agora menos habitantes que os que tiñan por separado, en liña coas cifras poboacionais xerais- e, en calquera caso, non serviron de exemplo para outros concellos.
Estudar e apostar polas fusións de concellos é a cerna dun estudo impulsado pola Xunta en colaboración coas tres universidades e a Fundación Juana de Vega dende hai tres anos. En 2021, aínda con Alfonso Rueda como vicepresidente, o seu departamento comunicara que reservara 72.600 euros para un convenio coa devandita fundación e, ao ano seguinte, divulgou algunhas das súas primeiras cifras que, indicaban, detectaban "unha predisposición favorable da poboación á fusión voluntaria de concellos", cun apoio do 83%.á
O documento simula os efectos económicos de sete unións, coa de Santiago con Teo como a máis relevante en canto a poboación, seguida dunha proposta para fusionar toda a comarca do Deza
Durante estes anos, mesmo ante peticións ao abeiro da lei de transparencia, a Xunta evitou dar máis detalles dese informe. Agora está a piques de ver a luz. Será o vindeiro 19 de setembro nunha xornada organizada pola actual Consellería de Presidencia baixo o título Reforma do mapa municipal de Galicia que chegou acompañada por certa controversia política ao ter previstas 16 intervencións das que só unha é dunha muller, a directora xeral de Administración local, Natalia Prieto; e ao non figurar entre os convidados o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias, o alcalde socialista de Vilagarcía, Alberto Varela, nin ningún outro representante do PSdeG, que ostenta as alcaldías dos concellos onde reside case a metade da poboación galega.
Segundo puido comprobar Praza.gal, o devandito estudo é un amplo documento de máis de 200 páxinas redactado por unha ducia de persoas expertas baixo o título A planta local galega: impulso dos procesos de fusión municipal. O traballo aborda o contexto histórico dun mapa municipal galego que os autores ven "obsoleto", as formas de cooperación intermunicipal existentes e diversas variables legais, políticas e económicas sobre as fusións. Dende unha "perspectiva económica", precisamente, analizan sete "posibles agrupacións municipais".
Como amosa o mapa que acompaña esta información, as fusións propostas e simuladas dende o punto de vista económico no informe encargado pola Xunta son as de Santiago e Teo; Noia e Lousame, Sanxenxo e Meaño; Alfoz e O Valadouro; O Pereiro de Aguiar e Nogueira de Ramuín e, xunto a eles, dúas propostas que implican a concellos dezaos: unha para toda a comarca (Agolada, Dozón, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces) e outra só para Lalín, Rodeiro e Dozón.
O informe, que ve "obsoleto" o mapa municipal galego, apunta que estas virtuais fusións de concellos terían, fundamentalmente, máis vantaxes para accederen a fondos do Estado e do Goberno galego
A fusión máis relevante dende o punto de vista poboacional sería a de Santiago e Teo, unha posibilidade -lembra o informe- xa apoiada por ambos concellos hai dous mandatos municipal, se ben o plan incluía tamén a Ames. O municipio resultante pasaría a ser a terceira cidade galega por inscricións no padrón municipal (case 120.000 persoas) e, entre os "beneficios económico-financeiros" que implicaría, o estudo destaca o "incremento do financiamento pola cesión da recadación dos tributos do Estado" -fórmula coa que conta Compostela por ser capital autonómica-, máis acceso a fondos europeos ou "melloras en dotacións de carácter social".
O seguinte maior concello en canto a poboación dentro das fusións propostas sería o resultante de unir os seis actuais municipios da comarca do Deza, que xuntos conformarían un único municipio e case 40.000 habitantes dos que case a metade corresponden con Lalín. Seguiríano, con algo máis de 23.000 habitantes, as propostas de unir o concello lalinense con Rodeiro e Dozón e máis a simulación para Sanxenxo e Meaño.
Mesmo coas fusións, continuaría por baixo do limiar dos 20.000 habitantes a entidade municipal resultante de unir Noia e Lousame. A fusión do Pereiro de Aguiar con Nogueira de Ramuín daría lugar a un concello con menos de 10.000 habitantes e Alfoz co Valadouro quedaría en apenas 3.500.
En xeral, as vantaxes apuntadas polo informe para estas virtuais fusións teñen que ver co financiamento do Estado e da Xunta. Segundo indica outro dos capítulos do mesmo informe, o "limiar óptimo" para "acadar economías de escala necesarias para mellorar a eficiencia na xestión" económica local "sitúase nun número mínimo de 5.000 habitantes, sendo desexable aproximarse a cifras por riba dos 8.000".