Cariño: 30 anos da primeira segregación municipal en Galicia

Proclamación da segregación do Concello de Cariño, en 1988 © Jortor Torre

"Ábrese unha etapa na historia deste pobo. Non vai ser un camiño fácil porque partimos de cero, pero seremos nós mesmos os que decidamos o noso futuro". O discurso, pechado coa interpretación do himno galego, puxo o ramo naquel final de xaneiro de 1988 ás celebracións pola independencia de Cariño. Esta localidade do norte do país e as parroquias de Sismundi, A Pedra, Feás e Landoi convertéranse xa nun novo Concello tras separarse de Ortigueira. Só uns días antes, o día 21, o Consello da Xunta que presidía o socialista Fernando González Laxe aprobara o expediente que confirmaba de maneira oficial a primeira segregación municipal de Galicia da época moderna.

O núcleo de Cariño, xunto ás parroquias de Sismundi, A Pedra, Feás e Landoi, segregáronse de Ortigueira hai 30 anos

En tempos nos que a Xunta promove e defende as fusións de concellos, Cariño celebra o 30º aniversario da súa independencia, unha segregación que "poñía fin a unha anomalía histórica, á falta de servizos esenciais e á discriminación" dos seus habitantes, segundo lembra José Luis Armada, primeiro alcalde do municipio e daquela presidente da Asociación de Veciños San Bartolo, que liderou un proceso que levou seis anos e rematou por "satisfacer a demanda unánime da cidadanía". Foi este libreiro de profesión quen se encargou daqueles apaixoados discursos de hai tres décadas. 

"A segregación non era un fin en si mesmo, senón a corrección dunha anomalía", di José Luis Armada, primeiro alcalde e líder do proceso segregador

"Os tempos son chegados, como di o noso himno", aseguraba Armada desde o palco naqueles festexos nos que se aludía á "longa loita" do pobo de Cariño e á "data imborrable da historia" que para a localidade supuxera aquel 21 de xaneiro, ratificada logo co decreto no DOG do 5 de febreiro de 1988. "A segregación non era un fin en si mesmo, senón a corrección dunha anomalía e a satisfacción dunha demanda social que abranguía todas as ideoloxías políticas", lembra agora. Era unha reivindicación antiga, da que hai testemuños hai séculos e hemeroteca cen anos atrás. Mesmo un semanario, El Pueblo de Cariño, xurdira en 1919 como firme defensor da independencia e avogaba por que a crise daqueles tempos non se puidese "resolver doutro xeito que non poida ser a concesión, pura e simple, dun Concello para Cariño". 

José Luis Armada, durante os festexos pola segregación de Cariño de Ortigueira, en 1988 © TVG

A guerra civil e a ditadura afogaron as ansias segregadoras ata que foi reinstaurada a democracia. Aparece a revista Nordeste, que reivindicaba a creación deste novo Concello, e sucédense importanes mobilizacións, como a que demandaba a construción dun instituto de bacharelato. "Cariño era un lugar dinámico, cun importante porto pesqueiro e moitas conserveiras, pero carecía de servizos esenciais que Ortigueira non proporcionaba, o que provocaba cada vez maior malestar entre a poboación", explica Armada, que advirte de que a ampla extensión do municipio -un dos máis grandes de Galicia daquela- teimaba nesa "anomalía histórica". Entre o núcleo urbano cariñés e o ortegano, ben achegados por mar, hai case 20 quilómetros de distancia por estrada. 

"Os de Cariño din que están mellor sen Ortigueira e os de Ortigueira, que tamén están mellor sen Cariño, así que, todos contentos"

Xa en 1982, a asociación de veciños inicia un proceso complexo e de continuo enguedello burocrático que remata naquel Consello da Xunta do 21 de xaneiro de 1988. No balcón da confraría, e tras a pancarta O noso Concello é Cariño, os impulsores da iniciativa convidan a cidadanía a unirse ás celebracións dun "día histórico e de ledicia que culmina un longo proceso segregador". Unha caravana de coches une o núcleo urbano coa parroquia de Landoi e na fin de semana seguinte, tras a volta de moitos mariñeiros embarcados, os cariñés bótanse á rúa entre música e a súa tradicional danza de arcos. 

Anos despois chegaría a separación de Burela de Cervo e da Illa de Vilanova de Arousa, a última polo de agora. Ata que Oza dos Ríos e Cesuras -e despois Cerdedo e Cotobade- inauguraron a vía contraria, a das fusións en Galicia. No Ortegal, nin se contempla que Cariño e Ortigueira volvan unirse. "Os de Cariño din que están mellor sen Ortigueira e os de Ortigueira, que tamén están mellor sen Cariño, así que, todos contentos", di Armada, que foi alcalde polo PSdeG no inicio da súa historia municipal (entre 1988 e 1995) e máis adiante, de 2003 a 2011. Que pixíns -así son coñecidos os habitantes de Cariño- e vilanchos -alcume co que se denomina aos naturais da vila de Ortigueira- vivan sen polémica calquera alusión á segregación é para o ex-rexedor "outra proba máis de que se fixo o que se debía facer". 

Cartel da 'Festa da Segregación', polo primeiro aniversario da independencia de Cariño, en 1989 © TVG

"Ao día seguinte de segregarnos sempre me preguntaban: e agora con Ortigueira, que? E sempre respondía que a traballar e a colaborar man a man como con calquera concello limítrofe", lembra Armada, que di non entender "a teima en negarse ou poñer atrancos a algo que beneficia a todos". Para o ex-alcalde, "nin segregar nin fusionar son, de por si, algo malo". "Hai que estudar cada caso concreto; no noso, estivemos seis anos preparando informes que demostrasen que a segregación era o mellor para a cidadanía e que Cariño tiña capacidade para ser Concello e para prestar os servizos básicos sen prexudicar a outra parte; todo está perfectamente regrado e non hai por que temer nada se responde a unha demanda social e se fai de acordo coa lei", insiste. 

"Nin segregar nin fusionar son, de por si, algo malo; hai que estudar cada caso concreto", reivindica o ex-rexedor cariñés

"Era un problema que había que resolver e así se fixo", engade Armada, que recompila datos que, di, demostran a idoneidade da decisión tomada polos cariñés. "No momento da segregación o orzamento municipal era de 400.000 pesetas e agora é de 3 millóns de euros, creamos todos os servizos que reclamabamos e non tiñamos cubertos e somos un concello dinámico que sofre, por desgraza, o problema de despoboación de toda a comarca", conta. 

Vista panorámica do núcleo de Cariño CC-BY-SA Ramón Piñeiro

Naquel 1988, a poboación do Concello de Ortigueira, con Cariño incluído, roldaba os 16.000 habitantes, aproximadamente un terzo deles no territorio agora segregado. Na actualidade, Cariño supera por pouco os 4.000 e Ortigueira non chega aos 6.000. O envellecemento e a emigración dos máis novos é unha constante nunha comarca que clama ante o seu abandono.

Naquel 1988, Cariño e Ortigueira xuntaban 16.000 habitantes; agora apenas superan os 10.000

Preguntado polas fusións impulsadas en Galicia, un dos grandes líderes da primeira segregación cre que non debe haber unha norma xeral e insiste en que "cada caso e cada zona teñen as súas peculiaridades". "Segregar pode ser bo e fusionar, tamén; Galicia, pola súa orografía, ten unhas peculiaridades que inflúen moito nas decisións a tomar, mesmo á hora de unir parroquias a un determinado concello ou outro", explica quen, en todo caso, advirte da necesidade da colaboración comarcal e intramunicipal como a clave. 

Tamén no Ortegal, onde a súa capital, Ortigueira, ten como emblema e escudo Os Aguillóns, tres farallóns que xorden do mar ao pé do cabo que dá nome á comarca e que pertence, en realidade, ao Concello de Cariño, que tamén o emprega na súa heráldica. Todo un símbolo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.