O pasado abril, a Xunta divulgou a través dun comunicado que as "enquisas do estudo de reforma do mapa municipal galego" indican "unha predisposición favorable da poboación á fusión voluntaria de concellos", cun apoio do 83%. En maio, o Goberno avanzaba que, noutra parte do mesmo estudo, persoal técnico e político dos municipios, así como persoas expertas na materia, vían "preciso actuar e acometer reformas na planta municipal"
En ambas comunicacións a daquela Vicepresidencia primeira da Xunta, encabezada polo actual presidente, Alfonso Rueda, referíase ao resultado dos inquéritos cuxa realización o Goberno galego viña impulsando a través dun convenio coa Fundación Juana de Vega. Reservara 72.600 euros para sufragar o traballo, segundo comunicara en 2021.
Tras o segundo avance, Praza.gal solicitou, ao abeiro da lei galega de transparencia, coñecer "os datos obtidos como resultado" desas enquisas "realizadas no marco do estudo de reforma do mapa municipal galego" que, segundo publicara o propio Executivo, era impulsado pola Dirección Xeral de Administración Local coa devandita fundación e as universidades. Inicialmente, a Xunta optou polo silencio administrativo, o que motivou un primeiro recurso ante a Comisión de Transparencia, dependente da Valedora do Pobo.
Praza.gal solicitou ao abeiro da Lei de Transparencia os datos da enquisa sobre fusións municipais da que a Xunta publicitara algunha das súas conclusións. Tras dous recursos, a Xunta asegura que só dispón de parte das cifras mentres a Fundación á que encomendou o inquérito completa un traballo máis amplo
A principios de xullo, a propia área de Administración Local deu en resolver a petición concedendo acceso unicamente a "parte da información solicitada". Para facelo amparábase nunha das excepcións contempladas na lei estatatal de transparencia, a que permite aos gobernos non conceder acceso a "información en proceso de elaboración ou publicación xeral". O razoamento, agregaba, é que a enquisa é "unha das partes do traballo" encomendado á Fundación Juana de Vega, "o estudo da planta local galega e impulso de novos procesos de fusión municipal", aínda "en proceso de elaboración". Malia apoiarse nun suposto de inadmisión, daba en conceder un acceso parcial.
Diante desa resolución, este xornal deu en recorrer por segunda vez, toda vez que o solicitado non fora o estudo íntegro, senón os datos da enquisa cidadá sobre as fusións municipais que o propio Goberno galego aseguraba manexar xa. Ese segundo recurso foi resolto neste mes de outubro e a Comisión de Transparencia apoia, en última instancia, a resposta do Goberno. A razón, indica o expediente, é que Vicepresidencia sinala, nun "informe complementario" transmitido a Transparencia, que "os datos que se proporcionaron (...) son dos que dispón a Administración, sen que estean no seu poder os datos en bruto", que "forman parte do estudo global, que está en elaboración e maquetación pola Fundación". Un argumento distinto ao que a Xunta ofrecera na súa primeira resposta oficial.
O contido da resposta: máis apoio ás fusións se non son do propio concello
A resposta parcial que a Xunta deu en conceder consiste nun documento de dúas páxinas nas que resume os obxectivos da enquisa, tales como "coñecer a valoración" cidadá a respecto dunha posible "remodelación do mapa municipal" e "pulsar a sensación da poboación" ao respecto. Tamén "detectar o sentimento identitario con respecto ás entidades territoriais" ou "coñecer" como valoran "a situación dos concellos e a que se dedican".
A Xunta limítase a sinalar as "principais conclusións" da enquisa, que tivo unha mostra de 1.000 persoas, como que o apoio ás fusións cae ao 56% se implican ao propio concello e ao 37% se son obrigatorias
A continuación, Vicepresidencia ofrece o que denomina "principais conclusións" da enquisa, da que di que tivo unha mostra de 1.000 persoas, pero da que non amosa nesta resposta os seus datos completos. Nesas conclusións menciona, por exemplo, que "a cidadanía ten unha predisposición favorable á fusión voluntaria dos concellos", que cifra nun 83%.
Sempre segundo esa mención aos datos non publicados, a Xunta indica que "as porcentaxes diminúen" cando "a pregunta se fai sobre o propio concello", aínda que o apoio seguiría por riba da metade da poboación e un 56% estaría "a favor da fusión". No entanto, agrega, "só un 37% da poboación sería partidaria de realizar fusións obrigatorias".
Outra das conclusións da enquisa, indica, é que o 67% das persoas consultadas "pensa que a redución do número de concellos melloraría a súa capacidade de prestación de servizos á cidadanía". Mentres, "o 16,7% considera que isto non afecta para nada á capacidade de prestar servizos".
Desta resposta parcial do Goberno galego á devandita petición ao abeiro da lei de transparencia cabe deducir tamén que a enquisa cruza as respostas en función de diversas variables demográficas, como a idade, a clase social autopercibida ou nivel de formación. Así, sinala que "a crenza nos beneficios de reducir concellos é máis alta nas persoas con estudos universitarios, maiores de 45 anos e de clases medio altas", mentres que "a poboación sen estudos, do ámbito rural e con baixos ingresos ten unha menor crenza" neste sentido. "Os habitantes dos concellos de entre 5.000 e 10.000 habitantes", agrega, "son os que máis predisposición manifestan polas fusións".
Identificación con Galicia en primeiro lugar e "sobresaínte" aos concellos
"A poboación identifícase primeiro con Galicia, seguida da aldea ou vila de residencia e o barrio"
O mesmo documento menciona o que semella outra parte significativa do traballo, a relativa á "identificación coas entidades territoriais". A Xunta sinala que, segundo as respostas, "a poboación identifícase primeiramente con Galicia", "seguida da aldea ou vila de residencia e o barrio", "aparecendo España en cuarto lugar, a provincia en sexto lugar e Europa, no oitavo e último posto". Non especifica que entidades territoriais figuran no quinto e sétimo lugar.
Segundo a resposta, a enquisa tamén conclúe que "a Administración local é a que se percibe como máis próxima e é a mellor valorada pola cidadanía". De feito, "case un de cada tres cidadáns outorga á Administración local unha valoración de sobresaínte". Por último, indica que, para "mellorar a calidade dos servizos", a poboación aposta por "incrementar as transferencias de fondos doutras Administracións" e "mellorar a xestión dos concellos" antes que "remodelar o mapa municipal", que figuraría en terceiro lugar.