Oza ratifica a primacía sobre Cesuras no primeiro plan de urbanismo conxunto tras a fusión dos concellos hai unha década

Escenificación da fusión de Oza dos Ríos e Cesuras hai agora unha década CC-BY-SA Xunta de Galicia

A unión municipal impulsada por Feijóo no remate do seu primeiro mandato xa establecera a capitalidade en Oza e agora ese será o “único núcleo urbano do concello en detrimento do núcleo de Cesuras”

O 13 de marzo de 2012, hai agora dez anos, o presidente Feijóo anunciaba no último debate de política xeral do seu primeiro mandato á fronte da Xunta o seu desexo de impulsar a fusión de dous concellos coruñeses que non citou e que resultaron ser Oza dos Ríos e Cesuras. Un ano máis tarde o decreto do Goberno galego que aprobou a fusión dos dous municipios estableceu que o novo concello chamaríase Oza-Cesuras e que “a capitalidade do novo municipio radicará no núcleo de Oza”. Tamén quen viña sendo alcalde de Oza dos Ríos, José Pablo González Cacheiro, foi quen o seguiu sendo do concello fusionado.

Unha década despois daquela unión, seguida uns anos máis tarde pola de Cerdedo e Cotobade, Oza-Cesuras está a tramitar aínda agora o seu primeiro plan de urbanismo conxunto. E nel ratifícase a primacía de Oza tamén cara ao futuro, establecéndose que ese “como único núcleo urbano do concello en detrimento do núcleo de Cesuras”. 

Obxectivos do primeiro plan de urbanismo conxunto que terá Oza-Cesuras unha década despois da súa fusión CC-BY-SA Praza Pública

O Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Oza-Cesuras vén de ser sometido a exposición pública para a súa avaliación ambiental. Nel reflíctese como Oza xa contaba cun PXOM aprobado en 2001 mentres Cesuras dispuña só de normas subsidiarias de carácter inferior e aprobadas en 1997. Pero é agora, unha década despois da fusión, cando o novo plan agora en tramitación di que “se converte nunha necesidade a unificación da normativa en todo o concello”. A día de hoxe, o mencionado planeamento e as normas subsidiarias están a demostrar certa ineficacia”, engade o documento, que di que iso “motiva a súa necesaria revisión”.

O novo e primeiro plan conxunto di que “o modelo de desenvolvemento elixido responde á nova situación que está a vivir o concello trala súa fusión, cunha evidente concentración da poboación na zona norte, pola súa proximidade a Betanzos, polo que se potencia a centralidade de Oza”. E fixa unha serie de obxectivos a acadar entre os que, tras o primeiro de unificar a normativa, figura como segundo o “fomento da forza da fusión do concello, potenciando o crecemento do concello cara o norte, dada a súa proximidade ao nodo Betanzos-Coruña, a menos de 20 minutos en coche”. E como terceiro obxectivo o plan sinala que como consecuencia do anterior “poténciase o núcleo urbano de Oza como único núcleo urbano do concello en detrimento do núcleo de Cesuras, en busca da mencionada centralidade”. 

É no sexto punto dos obxectivos a acadar co plan no que se apunta ao “equilibrio territorial no nivel de equipamentos dotacionais e estándares, mellorando as dotacións no ámbito correspondente ao antigo concello de Cesuras”. 

O concello estivo a piques de baixar dos 5.000 habitantes, obxectivo da fusión para obter máis cartos, e malia que a poboación remontou lixeiramente coincidindo coa pandemia, o PXOM prevé un estancamento poboacional

O plan de urbanismo agora a tramitación para Oza-Cesuras reflicte o carácter máis rural do municipio canto máis ao sur, no antigo territorio de Cesuras, a medida que se afasta das zonas máis poboadas da Coruña e Betanzos. Aínda así, todo o concello fusionado suma pouco máis de 5.000 habitantes, cifra que foi posta como obxectivo da fusión hai unha década xa que a partir dese punto os concellos reciben máis fondos.

Durante os últimos anos a poboación seguiu caendo no concello xa fusionado, como vén facendo na gran maioría dos municipios rurais do país. A 1 de xaneiro de 2020 chegou a só 5.096 habitantes, pero a poboación remontou lixeiramente no ano seguinte, coincidindo coa pandemia do coronavirus e as restricións asociadas que en moitos lugares freou o éxodo ás cidades e volveu poñer en valor a vida no rural. Malia a isto, o PXOM prevé un estancamento poboacional.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.