Oza-Cesuras está a piques de baixar dos 5.000 habitantes, obxectivo da fusión de 2013 para obter máis cartos

Escenificación da fusión de Oza dos Ríos e Cesuras e evolución da súa poboación CC-BY-NC-SA Praza Pública

Tamén Cerdedo-Cotobade perde poboación desde as unións impulsadas pola Xunta, pero está algo máis lonxe de baixar do nivel que reduce o financiamento estatal

Foi o gran anuncio do último debate de política xeral do primeiro mandato de Feijóo á fronte da Xunta, en marzo de 2012, e un ano máis tarde consumábase. A fusión dos concellos de Oza dos Ríos e Cesuras era presentada polos populares como un exemplo pioneiro a nivel estatal da ao seu ver necesaria reforma da planta municipal, mentres que a nivel local se publicitou, entre as vantaxes da unión, que a suma dos dous municipios permitiría superar os 5.000 habitantes, nivel a partir do cal os concellos reciben máis cartos da facenda estatal. Porén, segundo as últimas cifras de poboación, que veñen de facerse oficiais a través do Boletín Oficial do Estado (BOE), en 2019 Oza-Cesuras caeu ata os 5.101 habitantes. 

Só 42 concellos gañaron poboación na última década, pero no caso dos fusionados a perda pode devolvelos en poucos anos canto aos ingresos que perciben á situación previa ás súas unións 

Tamén segue a perder poboación a outra fusión de concellos impulsada nestes anos, a de Cerdedo-Cotobade, pero nese caso algo máis lonxe de perder o nivel dos 5.000 habitantes, en concreto 5.699 segundo as últimas cifras oficiais. Unha tendencia, a da perda de poboación, que é a dominante na maior parte de Galicia, de xeito que só 42 dos 313 concellos gañaron poboación na última década. Porén, no caso de Oza-Cesuras e Cerdedo-Cotobade a perda de habitantes pode ter o efecto de devolver en poucos anos os dous municipios á situación previa ás súas fusións canto aos ingresos que perciben do Estado.

Os concellos participan dos impostos recadados polo Estado en función da súa poboación, aplicándoselles un coeficiente multiplicador en función do nivel no que se atopan. Así, ese coeficiente é 1,00 para os concellos con menos de 5.000 habitantes, pero aumenta a 1,17 para os que superan esa cifra, a 1,30 para os de máis de 20.000 habitantes e a 1,40 para os de máis de 50.000. Ese feito, o de que a suma dos habitantes de Oza dos Ríos e Cesuras puidese superar as 5.000 persoas e así recibir máis fondos estatais, foi un dos argumentos empregados para impulsar a fusión en 2013, ao igual que a de Cerdedo e Cotobade en 2016.

Desde as fusións, Oza-Cesuras perdeu o 4,4% da poboación e Cerdedo-Cotobade o 6,1%

A fusión non puido impedir a tendencia de perda de poboación dese tipo de concellos rurais do interior de Galicia. No caso de Oza-Cesuras, a un ritmo de medio cento de habitantes cada ano que podería facelo baixar do nivel dos 5.000 habitantes en apenas un par de anos máis. A tendencia é similar, e mesmo máis acelerada, no caso de Cerdedo-Cotobade, pero cunhas cifras aínda afastadas dese nivel dos 5.000 habitantes. Se no caso de Oza-Cesuras a perda de poboación desde a fusión é dun 4,4%, no de Cerdedo-Cotobade aumenta ata o 6,1%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.