Miguel Fernández (Ribeira de Piquín, 1955) será o vindeiro alcalde de Lugo. Así o decidiu o grupo municipal do PSdeG este mércores pola tarde nunha xuntanza que vén de rematar. Fernández, que substitúe á finada Paula Alvarellos, deberá ser elixido nun pleno municipal extraordinario que se celebrará previsiblemente o martes 11 como moi tarde e no que o candidato socialista conta cos votos do seu partido e cos do BNG.
Fernández, concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Rural, fora o número 2 na lista municipal do PSdeG-PSOE das eleccións de hai dous anos, nas que Lara Méndez foi elixida alcaldesa. Cando a rexedora deu o salto ao Parlamento galego e houbo que elixir un substituto, a escollida foi Alvarellos e Fernández evitou o tirapuxa con ela, gañando a cambio peso na Deputación provincial, onde é responsable de Vías e Obras. Con todo, agora si é o escollido para liderar a cidade.

Fernández leva na corporación dende o ano 2015 (entrou na lista de José López Orozco) e dende entón vén desenvolvendo distintas responsabilidades, como os departamentos de Deportes e Medio Ambiente. É un veterano da corporación, con especial predicamento nos barrios e parroquias e amplo coñecemento na cidade tanto polo seu percorrido político como, previamente, o seu labor á fronte do Colexio de Enfermaría, que logrou presidir tras anos nos que a entidade estivera dominada por persoas afíns ao PP do finado Francisco Cacharro Pardo.
Fernández era a opción máis clar. Nos últimos días, non obstante, baralláranse os nomes doutros edís, como Ana González Abelleira, tamén concelleira con experiencia e ademais secretaria local do partido.
Lugo terá así o seu terceiro rexedor neste mandato, despois de Lara Méndez e Paula Alvarellos. O novo alcalde ten ante si un reto maiúsculo: reenfocar cara á política diaria un partido en shock, doente pola perda de Albarellos, e tamén aproveitar dous anos de mandato para asegurar a praza lucense ante un PP á espreita.