A instrutora do caso Villares decide non enviar o ex-conselleiro a xuízo por agresión sexual

Alfonso Villares, intervindo tras un Consello da Xunta o pasado febreiro CC-BY-SA Xunta

Tras concluír as pescudas a xuíza considera que "non ha lugar ao procesamento" por delito contra a liberdade sexual, decisión que agora debe ratificar ou revogar a Audiencia da Coruña

En xaneiro deste ano o daquela conselleiro do Mar, Alfonso Villares, foi denunciado ante o xulgado de violencia sobre a muller de Ferrol por un presunto delito contra a liberdade sexual. Principiaba así un procedemento que, por ser daquela Villares membro do Goberno galego e polo tanto, aforado, pasou ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que o imputou polos feitos en xuño, momento no que dimitiu

Agora, medio ano despois de regresar aos xulgados ferroláns, a instrutora do caso vén de concluír as pescudas. E ditamina que Villares non debe ser procesado e, polo tanto, enviado a xuízo por este caso. Isto é, o arquivo da denuncia.

Alfonso Villares anuncia a súa dimisión o pasado xuño como conselleiro do Mar CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxe: Sinal institucional Xunta

Segundo confirman fontes oficiais do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a maxistrada "deu por concluídas as dilixencias de investigación e acordou que non ha lugar ao procesamento". Por este motivo, "declara concluso o sumario" e dá o seguinte paso, que é o seu envío á Audiencia Provincial da Coruña. Será esta instancia superior a que "deba confirmar ou revogar a decisión" de arquivar a causa.

A xuíza tivo que analizar diversas probas forenses que implicaban análises químicas e mostras biolóxicas de denunciante e denunciado. Fontes xudiciais advertían de que cumprían meses para facelo nun caso complexo por acontecer os feitos denunciados nun espazo privado

Fontes próximas á investigación consultadas por Praza.gal advertían tras o regreso da instrución a Ferrol que cumprirían varios meses para completala. Fundamentalmente, porque os feitos denunciados como agresión sexual aconteceran nun espazo privado, o cal engadía complexidade ao labor da instrutora e, por extensión, importancia ás probas na instrución xudicial cara á posterior decisión de arquivo ou procesamento.

Esas probas, especificaban daquela as mesmas fontes, incluían a intervención de profesionais da medicina forense e implicaban análises químicas e procura de mostras biolóxicas de denunciante e denunciado, segundo puidera confirmar este diario. A investigación tamén puido ter acceso a gravacións audiovisuais tomadas por terceiras persoas en horas posteriores ao que a denunciante sinala como un delito contra a súa liberdade sexual. 

Alfonso Rueda intervén na toma de posesión de Marta Villaverde (esquerda) como conselleira do Mar en presenza de Alfonso Villares (á dereita da imaxe), o pasado xuño CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Esta información estaba chamada a complementar o testemuño da muller, descrito por fontes coñecedoras do seu contido como veraz e especialmente minucioso. Centrárase na convicción de ter sido sometida a prácticas sexuais contra a súa vontade. Mentres, o ex-conselleiro mantivo ao deixar o cargo que se dispuña a defender a convicción de ser  "absolutamente inocente da denuncia que se formula contra min". Nesa inocencia insistiran tamén Xunta e PP, que ao máis alto nivel manifestaran a súa vontade de reincorporar a Villares a cargos políticos no caso de resultar exonerado.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.