“Pedimos que compareza de inmediato para explicar o seu silencio cómplice, por encubrir un presunto agresor sexual, promover a impunidade e desprotexer a vítima", subliña Ana Pontón
Tanto BNG como PSdeG puxeron o foco este sábado en pedir explicacións ao presidente da Xunta por ter "encuberto un presunto agresor sexual" durante meses, desde que tivo lugar a denuncia sobre o xa ex conselleiro do Mar, Alfonso Villares.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón esixiu a comparecencia no Parlamento do Presidente da Xunta, Alfonso Rueda, para “explicarlles ás mulleres deste país por que calou e encubriu un presunto agresor sexual durante meses”. Fíxoo despois da reunión do Consello Nacional este sábado en Santiago, nunha semana marcada pola noticia da dimisión do Conselleiro Mar, Afonso Villares, tras ser denunciado por agresión sexual en febreiro deste ano.
“Pedimos que compareza de inmediato para explicar o seu silencio cómplice, por encubrir un presunto agresor sexual, promover a impunidade e desprotexer a vítima. Ten que dar a cara, explicarse e pedir desculpas”, reclamou a líder nacionalista, que cualificou a imaxe “do seu efusivo abrazo cun presunto agresor sexual de “esperpento” e un “insulto” para todas as vítimas de violencia machista e para todas as mulleres deste país. “Mulleres ás que lles manda unha mensaxe demoledora: ante unha denuncia por agresión sexual, o presidente da Xunta ponse do lado do presunto agresor e ignora a vítima”, criticou.
“Non contento co seu silencio cómplice, Rueda e o seu goberno pechou filas co presunto agresor, ao que despediron con todos os honores, entre abrazos e aplausos, mentres ignoraban e desprezaban a vítima, cuestionando a veracidade da súa denuncia”, criticou.
Pontón quixo comezar a súa intervención ante os medios manifestando a súa solidariedade, respecto e apoio ás mulleres vítimas de violencia de xénero que non calan diante dunha agresión machista, moi especialmente á muller que denunciou o xa exconselleiro. “Sabemos que non é fácil, e menos cando a quen se denuncia é membro do Goberno e amigo persoal do Presidente”, indicou.
A líder do BNG alegou que a violencia machista “non é unha cuestión privada” senón “un problema social que nos interpela a todos e a todas, e non imos permitir que se cuestione o dereito das mulleres a denunciar nin a que se impoñan os discursos negacionistas”.
Pontón pediu que a Xustiza actúe “ata as últimas consecuencias” e que “respecto” para que non se produza unha revitimización.“Onde hai que poñer o foco é no presunto agresor”, puntualizou.
Amosou o seu “respecto máximo” á presunción de inocencia e asegurou que “o amigo do señor Rueda ten todo o dereito a defenderse”, pero que “ao que non ten dereito é a usar a sede do Goberno galego para facelo, ao que non ten dereito é a ser despedido entre aplausos polo mesmo Goberno que ten a obriga legal e moral de protexer as mulleres contra a violencia machista”, recalcou.
Julio Torrado cualificou de “indigno, inmoral e que pode ser constitutivo de delito” que logo de cinco meses despois de coñecer a denuncia, o PP tardara apenas 15 minutos en contarlle aos medios o nome da vítima”
Tamén este sábado o portavoz da executiva do PSdeG, Julio Torrado, esixiulle a Rueda que explique por que tivo “agochado” no goberno a un presunto agresor sexual denunciado durante cinco meses nos que “ninguén dixo nada” ata que quedou “sen outra alternativa” que dimitir. A súa única preocupación, insistiu, foi “aplaudir e abrazar” ao presunto agresor, que “non dimitiu por dignidade”, senón que utilizou o seu aforamento dende que coñeceu a denuncia en decembro “para retrasar o caso e agardar por un arquivo que non chegou”.
Torrado criticou o “espectáculo bochornoso” do PP e do goberno galego ao deseñar unha “estratexia de moi baixa moralidade” para “intenta frear o impacto político” da denuncia por agresión sexual contra o xa exconselleiro do Mar e “poñer o foco na denunciante”. Cualificou de “indigno, inmoral e que pode ser constitutivo de delito” que logo de 5 meses despois de coñecer a denuncia, o PP tardara apenas 15 minutos en contarlle aos medios o nome da vítima”.
O dirixente socialista lamentou que disfracen de “heroísmo” o que é “unha indignidade máis” do conselleiro ao que “aplaudiron e homenaxearon coma se fora a vítima” nunha estratexia “insoportable” de sinalar á vítima. Torrado acusou o PP de “pensar en todo momento en clave de impacto político e electoral, e nunca na gravidade do caso”.