A dimisión de Alfonso Villares como conselleiro do Mar pola súa imputación por agresión sexual súmase a outros varios cesamentos de conselleiros por todo tipo de escándalos durante catro décadas
A dimisión de Alfonso Villares o mércores como conselleiro do Mar tras unha denuncia por agresión sexual non ten antecedentes na política galega no que se refire ao delito imputado. Pero nas catro décadas e media que van de autonomía xa foron varios os conselleiros que se viron obrigados a deixar o cargo por todo tipo de escándalos ou crises explícitas e patentes, máis alá das habituais remudas de equipos de goberno aínda que nelas influísen conflitos internos. Foron crises ventiladas abertamente nos medios de comunicación que nalgúns casos acabaron supoñendo a caída ou debilitamento final dos presidentes.
1/11/1986 Barreiro Rivas, a crise da dereita que rematou en condena por prevaricación
A maior crise na historia da Xunta ocorreu en 1986, cando o ata daquela vicepresidente José Luis Barreiro Rivas e varios conselleiros afíns foron cesados polo presidente, o popular Xerardo Fernández Albor, no marco dunha división interna na dereita galega tan grande que remataría co primeiro apoiando a moción de censura contra o segundo do socialista Fernando González Laxe. O DOG reflectiu aqueles cesamentos o 1 de novembro de 1986, pero aquela crise tería máis longo recorrido.
Barreiro Rivas sería denunciado polo PP por xestións en materia de xogos de azar realizadas como conselleiro meses antes do seu cesamento. Acabou condenado por prevaricación polo Tribunal Supremo en 1990, con Manuel Fraga xa na presidencia. É ata o momento o único membro de calquera Goberno galego condenado por feitos cometidos no exercicio do cargo de conselleiro.

29/4/1994 Os dous soldos de Juan Fernández
Había xa uns anos que o primeiro conselleiro de Industria de Manuel Fraga, Juan Fernández, estaba no foco tras coñecerse que non fixera a declaración da renda de varios anos consecutivos antes da súa entrada no Goberno galego. Pero cando se soubo que ademais estaba cobrando dous soldos, o de conselleiro e o de capitán de fragata na reserva, a súa anterior profesión, a súa situación foi xa insostible. O seu cesamento "por petición propia" sería oficial o 29 de abril de 1994.
11/1/2001 Cástor Gago e as vacas tolas
A comezos de 2001 a crise das vacas tolas levou por diante o ata daquela conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, Cástor Gago. Foi quen acabou asumindo a máxima responsabilidade política pola xestión do gromo de encefalopatía esponxiforme bovina, transmisible a humanos como enfermidade de Creutzfeldt-Jakob. As imaxes do soterramento de centos de vacas sacrificadas acabaron provocando o anuncio dunha moción de censura contra Fraga que supuxo a fin de Gago á fronte da consellería o 11 de xaneiro de 2001.
17/1/2003 Cuiña e o Prestige como faísca da vitoria de Feijóo e os birretes sobre as boinas
Ata Villares, a última gran caída dun conselleiro foi a de Cuiña en 2003 na crise do Prestige, que propiciou o nomeamento de Feijóo como conselleiro
Tras o afundimento do Prestige unha empresa da familia do conselleiro de Politica Territorial e delfín de Fraga, Xosé Cuiña, vendeu traxes de augas e pas para o dispositivo de recollida do chapapote. A Cadena SER falaba duns 40.000 euros, cifra que bastou para que a guerra interna no PPdeG entre as familias coñecidas como boinas -con Cuiña como máximo representante- e birretes se decantase en favor da segunda, liderada polo daquela ministro Romay Beccaría. O 17 de xaneiro de 2003 o DOG publicaba o cesamento de Cuiña e ao día seguinte era coñecido o nome do seu substituto, Alberto Núñez Feijóo, protexido de Romay e ata daquela presidente de Correos.

A caída de Cuiña foi abertamente presentada como consecuencia do sucedido tras o Prestige, pero unha vez cesado o seu delfín Fraga aproveitou para facer máis cambios no seu último goberno e o luns seguinte tamén prescindiría, entre outros, do conselleiro de Medio Ambiente, Carlos del Álamo, tamén tocado coa crise do petroleiro. No seu lugar entraría José Manuel Barreiro.
Ademais destas caídas de conselleiros por evidentes crises públicas, na historia da Xunta houbo outros cesamentos a medio camiño das crises de goberno habituais, nas que os presidentes deciden cambiar os seus equipos por distintos motivos, entre eles a perda de confianza do presidente co conselleiro, ou á inversa. Ano e medio despois da caída de Cuiña, e en parte derivada dela, tamén deixaba a Xunta, en setembro de 2004, Juan Miguel Diz Guedes, nun momento no que Fraga aproveitou para nomear vicepresidentes a Feijóo e Barreiro.
E moito antes, nas primeiras lexislaturas, houbo conselleiros que deixaron o cargo facendo explícito que o facían por discrepancias co resto do Goberno. Como José González Dopeso, conselleiro de Xustiza e Interior que deixou o cargo en xuño de 1982 por non estar de acordo coa elección de Santiago e non A Coruña como capital autonómica. Ou como Carlos Mella, conselleiro de Economía que deixou o posto en 1984 por discrepancias abertas coa política económica que quería seguir o Goberno galego.

A dimisión máis sonada na historia da Xunta foi a do único presidente que deixou o cargo de xeito voluntario, Feijóo en 2022 para asumir a presidencia do PP estatal
Tras as anteditas crises históricas, durante o goberno de PSdeG e BNG os incendios forestais de 2006 levaron o daquela presidente, Emilio Pérez Touriño, a rexeitar a dimisión do conselleiro de Medio Rural, Alfredo Suárez Canal. Non volvería haber ata agora un cesamento tan traumático como o de Alfonso Villares, e iso que polo medio a Xunta viviu a primeira dimisión dun presidente, a de Feijóo o 29 de abril de 2022, neste caso voluntaria para asumir a presidencia do PP estatal.