Mesía, vinte anos despois: a desfeita das vacas tolas que bateu na política local e fixo tremer o fraguismo

Vacas soterradas entre cal, en Mesía en 2001, nunhas imaxes da TVG © CRTVG

O 20 de xaneiro de 2001, hai hoxe vinte anos, arredor dun milleiro de gandeiros manifestábanse en Lugo en plena crise das vacas tolas ante a "incerteza" polo seu futuro. Centos de bovinos foran sacrificados xa en Galicia --comunidade con máis gando deste tipo no Estado-- ante o temor á expansión do mal da encefalopatía esponxiforme bovina (EEB), unha doenza que confirmara o seu primeiro caso en España dous meses antes, nunha explotación do concello lucense de Carballedo. 

Hai dúas décadas, o mal das vacas tolas provocaba a incerteza na sociedade e, sobre todo, nun sector gandeiro que vía como se sacrificaban centos de vacas

 O consumo de carne de vacún caeu en picado e o medo á enfermidade de Creutzfeldt-Jakob, produto da transmisión da EEB aos seres humanos polo consumo de alimentos derivados de vacas infectadas, incrementou o temor. Máis nun sector que amosaba ante as cámaras a súa desesperación, coas bágoas dos gandeiros que vían cargar o gando camiño do matadoiro. A Xunta ordenara sacrificar todas as reses das explotacións onde se detectasen casos, que superaron os 300 en todo o país.  

Vaca con encefalopatía esponxiforme bovina (EEB) Dominio Público Aphis

Pero houbo outras impactantes imaxes que foron claves naquela sensación de alarma e que non só aumentaron o temor, senón que provocaron a primeira gran crise nun goberno de Manuel Fraga e un cambio social no municipio afectado, que nunca volveu ser o mesmo. "Foi unha labazada que nos espertou, que nos fixo decatarnos a moitos de moitas cousas", lembra un veciño. 

Centos de vacas mortas e milleiros de quilos de fariñas animais foron ciscadas nos restos dunha antiga canteira sen previo aviso á veciñanza en Mesía

Centos de vacas --máis de 300-- e milleiros de quilos de fariñas animais foron ciscadas a eito nos restos dunha vella canteira na parroquia de Lanzá, no municipio de Mesía. A Xunta decidiu aquel emprazamento para soterrar o gando sacrificado, descartando a alternativa do enterramento individual en cada predio que se levaba a cabo noutros territorios. Sen notificación previa, a veciñanza descubriu de súpeto a maquinaria traballando tras detectar o cheirume e, logo, os vermes e o regueiro de sangue dos animais. 

Veciños e veciñas de Mesía fóronse concentrando na zona para impedir os soterramentos, dos que ninguén os avisara. Fixeron garda durante unha semana, ao frío do mes de Nadal, cunha xornada no medio como punto de inflexión. No último día daquel ano 2000, a Garda Civil, que custodiaba a zona, enviou a xente para as súas casas asegurando que non ía haber máis soterramentos. Pero as luces e o ruído da maquinaria alertounos de novo en plena Noitevella 

"Fíxoseme moi grande todo aquilo: lidar coa prensa, coas administracións e manter a unidade", lembra José Lino, que exerceu de portavoz da veciñanza

O alcalde da localidade dera orde de paralizar a entrada de camións e a xente fiouse. Hora e media despois, tras comer as uvas, descubriron que máis vehículos seguían entrando para botar cal por riba dos animais naquela explotación de Erimsa, empresa de Villar Mir, e ante a mirada de axentes da Benemérita e da policía autonómica. 

"Foi negativa para todos, pero a min moralmente deixoume moi tocado", di José Lino Bermúdez, que aqueles días acabou converténdose no portavoz da veciñanza. "Fíxoseme moi grande todo aquilo, lidar coa prensa, coas administracións e manter a unidade de todos os veciños. Foi moi duro", di agora quen di que o obxectivo foi sempre "manter a mobilización da xente para parar aquilo",  unha desfeita, lembra, feita "ás agachadas". 

Vacas nunha explotación gandeira © Xunta

Miles de reses sacrificáronse en Galicia e centos delas foron parar a Mesía. A Xunta asegurara que as vacas alí depositadas non eran sospeitosas de padecer a enfermidade e que o soterramento non supoñía "risco ningún" e era realizado "en estrito cumprimento da legalidade vixente". 

"Non tiñamos demasiado medo das vacas tolas, o que nos molestou foi o engano, que nos tirasen aquela morea da merda á porta da casa sen avisar"

"Enganáronnos os gobernantes e mesmo a Garda Civil, que na Noitevella mandounos para as casas asegurando que aquilo estaba parado e que non ía haber máis traballos... Ao pouco tempo, volvemos sentir as máquinas", explica José Lino, que asegura que non era o temor pola doenza das vacas tolas o que máis moveu a cidadanía. "A dicir verdade, non tiñamos demasiado medo daquilo, o que nos molestou foi o engano, que nos tirasen aquela morea da merda á porta da casa sen advertirnos de nada", di. 

Coincide Fernando García Lesta, veciño que daquela participou tamén nas mobilizacións e actual concelleiro de Medio Ambiente en Mesía, que asegura que a "indignación" foi froito, "sobre todo, do engano". "O Concello tiña un fax no que a Xunta avisaba dos enterramentos e tardou días en recoñecelo tras dicir primeiro que alí tampouco se enteraran", di. 

"Foi unha protesta pacífica, cívica e responsable; quixéronnos disolver pero non había razóns para facelo"

"Enganaron dicindo primeiro que alí non pasaba nada cando o estabamos vendo todo, e logo dicíndolles aos medios que os soterramentos seguían con normalidade cando os veciños estabamos na zona impedíndoos", lembra Lino Bermúdez sobre unhas protestas que define como "exemplares" por "pacíficas". 

"Foi un exercicio de civismo do que nos sentimos orgullosos; puidemos peder a razón polas formas, pero non ocorreu", asegura García Lesta, que coincide con Bermúdez ao lembrar como as primeiras intencións por disolver as mobilizacións con antidisturbios quedaron en nada porque non había disturbio que deter. "Foi unha protesta pacífica, cívica e responsable; quixéronnos disolver pero non había razóns para facelo e todo aquilo axudou a que a xente comparase a nosa reacción coa das autoridades", insiste. 

Vacas soterradas entre cal, en Mesía en 2001, nunhas imaxes da TVG © CRTVG

A crise en Mesía provocou a dimisión como conselleiro de Agricultura de Cástor Gago; cargos do PP recoñecían en privado a súa indignación polo acontecido

Pasados os anos, Juan Miguel Diz Guedes, conselleiro de Agricultura, recoñeceu que a decisión "non foi acertada". Accedera ao cargo en substitución de Cástor Gago, que dimitira días despois dos enterramentos polo escándalo provocado en Mesía. "Había que tomar as decisións máis axeitadas naquel momento", defendíase tamén tempo despois. 

Logo de que o PSOE anunciase a presentación dunha moción de censura contra Manuel Fraga, Gago presentoulle a súa dimisión ao daquela presidente da Xunta. "Vostede decide se as portadas falan da moción ou da dimisión do conselleiro", di que lle dixo a Fraga. E marchou entre discrepancias internas no Executivo e as imaxes das vacas soterradas abrindo informativos. Rexedores e cargos do PP, como lembran os veciños de Mesía, manifestáronlles en privado a súa indignación polo proceder do Goberno galego. 

O caso acabou nos tribunais pero foi arquivado anos despois. Con todo, aquel episodio foi, para moitos, o principio da fin da era Fraga. En Mesía, onde a dereita gobernara ininterrompidamente con maioría absoluta desde 1979, tamén supuxo unha viraxe política e social que aínda dura. 

"Aquilo ao pobo espabilouno un pouco; vimos cousas que nunca pensamos que puidesen pasar". A dereita, no poder desde 1979, non volveu gobernar en Mesía

"Aquilo ao pobo espabilouno un pouco; vimos cousas que nunca imaxinabamos que puidesen pasar e aprendemos moito", di José Lino Bermúdez. "Houbo unha frase dun dirixente do PP local que me deixou marcado: 'Isto non tiña que ter pasado e o peor é que o fixeron os nosos'. Aquilo foi unha labazada que me espabilou", di Fernando García. 

Impulsados por aquela "indignación" xeral, un grupo de veciños decidiu "facer algo". García Lesta participou na creación dunha agrupación de electores que, nas seguintes eleccións municipais, en 2003, gañou as eleccións e acabou coa supremacía do PP nunha comarca onde os populares --coa actual ou anteriores marcas-- eran e son predominantes. 

A crise impulsou en Mesía un partido independente que gañou as seguintes municipais e que, xa nas listas do PSOE, goberna con maioría absoluta desde 2007

Anos despois, os integrantes de Mesía Nova --así se chama a formación-- chegaron a un acordo para presentarse como independentes nas listas do PSdeG na localidade. Desde entón, a lista socialista gañou sempre as eleccións municipais por maioría absoluta. Nas últimas, en 2019, obtivo máis do 72% dos votos. 

"En moitos sitios fai falta un acontecemento forte e impactante, como o que aconteceu en Mesía hai vinte anos, para que a xente abra os ollos", di García Lesta, agora no goberno municipal. "Foi duro, pero logo de 16 anos, a xente decatouse de que se non goberna o PP tampouco pasa nada...", reflexiona entre risas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.