O tamén conselleiro de Fraga, alcumado Diz Goebbels por Beiras, aspira a lograr para Ciudadanos a Corporación municipal máis fragmentada de Galicia
Por terceira vez e con tres siglas distintas intentará Juan Miguel Diz Guedes facerse coa alcaldía de Tui, vila da que xa foi rexedor entre 1987 e 1990 co PP. Conselleiro en varias áreas e etapas con Fraga, entre 1996 e 2000 foi delegado do Goberno de José María Aznar en Galicia, posto no que protagonizou varias polémicas, como unha carga policial que negou que fora tal e que optou por definir como “desprazamento da masa manifestante”. Agora, segundo adiantou La Voz de Galicia e el mesmo confirma a Europa Press, aspira novamente á alcaldía de Tui, desta volta por Ciudadanos, tarefa para a que terá que desprazar aos oito grupos municipais que no mandato que agora remata fixeron dela a Corporación máis fragmentada de Galicia.
Diz Guedes, que ascendeu no partido da man de Cuiña, deixou a Xunta e distanciouse do PP despois de que Fraga elixise a Feijóo como vicepresidente
Tras ser alcalde de Tui polo PP, Diz Guedes foi ascendendo no partido durante a etapa en que á súa fronte estivo Xosé Cuiña. Foi conselleiro de Xustiza e Interior, cargo do que en 1996, coa chegada do PP ao Executivo central, pasou á Delegación do Goberno na que protagonizaría diversas polémicas que lle valeron que Xosé Manuel Beiras, daquela portavoz do BNG, o alcumase Diz Goebbels. En 2000 volveu ser conselleiro, primeiro de Relacións Institucionais e despois, para intentar resolver o problema das vacas tolas, de Agricultura, posto que abandonou en 2004 pouco despois de que Fraga, tras desfacerse de Cuiña, nomease como vicepresidentes a Alberto Núñez Feijóo e José Manuel Barreiro.
Tras o estourido do caso Gürtel, o nome de Diz Guedes volveu á actualidade ao desvelar El País diversos contratos públicos coa empresa Special Events que estivo no cerne do financiamento ilegal do PP e na que traballaba Pablo Crespo, que previamente fora secretario de Organización dos populares galegos e co que o político tudense trabara amizade.
Varias das formacións existentes en Tui son produto de escisións do PP
Diz Guedes distanciouse dos populares e en 2007 concorreu novamente ás eleccións municipais de Tui cunha formación independente coa que só obtivo dous concelleiros. Esa Corporación municipal non fixo máis que fragmentarse e na actualidade está formada por oito grupos distintos que se reparten 17 postos de concelleiro. Ademais da Converxencia 21 do rexedor Carlos Vázquez Padín (2 concelleiros) que hai un ano se fixo coa alcaldía cunha moción de censura contra o PSdeG (3 concelleiros), están tamén representados PP (4), BNG (2), Ciudadanos Tudenses (2), Alternativa Tudense (2), Son de Tui (1) e Alternativa Popular de Tui (1). Varias desas formacións son produto de escisións do PP, dúas delas encabezadas tamén por ex-alcaldes, división da dereita que os populares veñen intentando reverter nos últimos tempos á que non axudará o movemento agora dado por Diz Guedes.