Oito grupos forman a actual Corporación de Tui, que goberna un cuatripartito de PSdeG, BNG, Son de Tui e o ex-alcalde popular Capón Rey
En 1998 quen era rexedor de Tui desde 1991, o popular Miguel Ángel Capón Rey, foi apartado da alcaldía por unha moción de censura promovida por un compañeiro de partido, Antonio Fernández Rocha. Aquel foi o inicio dunha progresiva división interna na dereita local, con sucesivas escisións do PP, e escisións das escisións, que remataron nas eleccións municipais de maio de 2015 dando lugar á Corporación máis fragmentada de Galicia, con 17 concelleiros repartidos en oito partidos, e cun goberno cuatripartito de PSdeG, BNG, Son de Tui e o propio Capón Rey coa súa Alternativa Tudense. Unha situación cuxa reversión vén de iniciar o PP coa vista posta nunha posible moción de censura a curto prazo e na recuperación dentro de dous anos dunha alcaldía clave para gobernar a Deputación de Pontevedra.
Logo da censura que en 1998 apartou a Capón Rey da alcaldía, o seu sucesor, Fernández Rocha, gobernou ata 2011 cando, asediado pola súa imputación por varios delitos urbanísticos, deixoulle a cabeza de lista do PP ao seu xenro, Moisés Rodríguez, que mantivo o poder. Porén, durante ese tempo a dereita non parou de dividirse e as eleccións de 2015 arroxaron o resultado de maior fragmentación de toda Galicia: O PP, encabezado novamente por Rocha, gañou malia obter só 4 dos 17 concelleiros da Corporación, seguido de PSdeG (3), a Converxencia 21 do liberal Carlos Vázquez Padín (2), BNG (2), Ciudadanos Tudenses (2), a Alternativa Tudense creada por Capón Rey (2), Son de Tui (1) e Alternativa Popular de Tui (1).
Foi investido alcalde o socialista Enrique Cabaleiro, co apoio de seis dos oito partidos e 11 dos 17 concelleiros: PSdeG (3), Converxencia 21 (2), BNG (2), Capón Rey (2), Son de Tui (1) e AP de Tui (1). Porén, nin Converxencia 21 nin AP de Tui forman parte do goberno. A correlación de forzas e a implicación ou non no goberno revela ata que punto os escindidos do PP querían castigar en maior ou menor medida o seu anterior partido.
Rueda admite que xa iniciou a operación para recuperar unha alcaldía clave para a Deputación
Con esta situación, a pasada semana, xusto despois de que o alcalde de Sanxenxo escindido do PP lle devolvese a alcaldía ao popular Telmo Martín, o presidente provincial do partido e vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, admitiu a súa intención de buscar unha reunificación similar da dereita en Tui. Fíxoo ao tempo que en Tui anunciaban a súa dimisión ata tres portavoces distintos da dereita: Rocha no PP, Manuel González en Ciudadanos Tudenses e José Manuel Sousa en AP de Tui (os dous últimos foran membros de gobernos previos de Rocha). A súa marcha, e a doutros varios concelleiros das súas listas, cumpre unha vella petición do líder de Converxencia 21, o liberal Padín, que vén reclamando hai anos unha renovación da política local e que ten na súa man, coa actual configuración da Corporación, decantar a balanza do goberno local cara a esquerda ou cara a dereita. Unha operación na que, de momento, quedaría fóra o veterano Capón Rey, membro do actual goberno de esquerda e que se presenta como o popular escindido con máis inimizade cara o seu vello partido. O congreso local do PP, convocado para este próximo sábado, preséntase como a primeira fase desa reunificación da dereita en Tui.