PP e Ciudadanos non teñen maioría absoluta no Congreso dos Deputados. Suman 166 dos 350 escanos da Cámara Baixa e nin sequera engadindo as organizacións aliadas dos populares, como UPN ou Foro Asturias, superan a metade de membros do pleno do lexislativo español. Dado o actual xogo de maiorías e as posicións explicitadas por cada forza política, se a lei para o traspaso da AP-9 a Galicia que transita dende hai meses pola tramitación parlamentaria chegase a ese pleno, tería moitas posibilidades de saír aprobada. No entanto, a alianza das formacións que encabezan Mariano Rajoy e Albert Rivera si foi quen de vetar de vez esta iniciativa cunha última manobra nun órgano que si controlan: a Mesa do Congreso.
A comezos da presente lexislatura estatal PP e C's chegaron a un acordo que implicou que ocupasen cinco das nove cadeiras no organismo reitor do Congreso e que na súa presidencia sentase Ana Pastor, que concorreu ás eleccións por Pontevedra. A mediados de setembro foi a propia Pastor quen, coa súa sinatura, deu o visto e prace ao veto a que a lei galega seguise tramitándose. Esta aceptación implica que a ex-ministra de Fomento formalizou a súa conformidade, no nome da Mesa, cos informes presentados polo Goberno de Mariano Rajoy, documentos inzados de erros nos que se argumenta que a petición aprobada por unanimidade no Parlamento de Galicia non pode seguir adiante porque, defendía, a transferencia afectaría aos Orzamentos Xerais do Estado.
As formacións de Rajoy e Rivera non teñen maioría no Congreso, pero si controlan o órgano que permite bloquear leis coma esta, aprobada por unanimidade en Galicia
Pero este segundo veto á reclamación galega aínda tivo que pasar por un trámite máis. Os cinco representantes de En Marea no Congreso activaron o mecanismo regulamentario que obriga a Mesa a reconsiderar a decisión despois de consultar coa Xunta de Portavoces, organo que si reflicte o equilibrio de forzas da Cámara. No seu escrito En Marea resaltaba que as razóns argumentadas polo Goberno central para tombar a iniciativa non se axustaban á lei, toda vez que nin sequera "identifica" a que parte do seu orzamento afectaría e que empregaba esa explicación económica para practicar un "uso indiscriminado da facultade de veto" que establece a Constitución. Ao tempo, engadían, se Pastor aceptaba o bloqueo estaba a lesionar os dereitos dos propios membros do Congreso ao "impedirlles a posibilidade de debater a proposición de lei remitida polo Parlamento de Galicia".
Contra o criterio da Xunta de Portavoces
Fontes parlamentarias consultadas por Praza.gal confirman que, como era previsible, a maioría da Xunta de Portavoces si apoiou que a solicitude galega seguise adiante. No entanto, PP e Ciudadanos deron en manter o bloqueo cando, este martes, tiveron que emitir o seu ditame final na Mesa. Deste xeito, a lei para facer realidade a transferencia que o propio Alberto Núñez Feijóo prometeu en campaña e que todas as forzas parlamentarias galegas defenden queda aparcada de vez.
En Marea asegura estar a estudar novas accións contar o veto porque supón "unha vulneración do texto constitucional"
A xuízo da actual voceira de En Marea no Congerso, Yolanda Díaz, esta decisión supón que PP e C's "non respectan a maioría da Cámara" e, pola contra, "deciden humillar o pobo de Galicia". Ao seu xuízo, vén de ficar tamén demostrado que "unha maioría absoluta do PP en Galicia non defende os intereses da cidadanía", toda vez que o criterio do PPdeG "foi derrotado polo seu propio partido", que "di unha cousa en Galicia e outra, en Madrid". "Seguiremos traballando por todas as vías e tomaremos medidas para combater o veto" porque é "unha fraude, unha vulneración do texto constitucional", defende Díaz.
Este mecanismo de veto das leis para evitar que cheguen a debaterse e, daquela, non expoñerse a que sexan aprobadas, está a ser recorrente por parte do Goberno do PP dende que carece de maioría absoluta. Faino malia ás advertencias dos letrados do Congreso, que nun duro informe advertiron ao gabinete de Rajoy de que non ten "poder ilimitado" para condicionar o Parlamento. Neste sentido, este mesmo martes o grupo de Unidos Podemos, no que se integra En Marea, defende na propia Cámara Baixa unha reforma do Regulamento para que o Executivo perda a capacidade de bloquear deste xeito o lexislativo.