A promoción turística do país pasará a empregar tamén a marca creada por Fraga para publicitar seis tipos de produtos galegos e que despois Feijóo identificou coa súa propia política económica
En 1990, tras a chegada de Manuel Fraga á presidencia da Xunta, o seu conselleiro de Industria, Juan Fernández, creou a marca Galicia Calidade para publicitar seis tipos de produtos galegos: téxtiles, peleteiros, do mar, pedra ornamental, xoiaría e viños. Uns anos despois creouse unha sociedade anónima específica para facer estable a promoción e xestionar esa marca, Galicia Calidade, que os gobernos de Feijóo e Rueda veñen estirando para todo tipo de obxectivos, desde publicitar as súas propias políticas industriais ata o seu xeito de gobernar.
Agora a marca será empregada tamén para a promoción turística do país e as próximas campañas publicitarias deberán "incorporar a identidade de Galicia Calidade, reforzando a súa vinculación co destino como símbolo de calidade e garantía".
A primeira aparición de Galicia Calidade produciuse en 1991, nunha campaña publicitaria da Xunta para promover os anteditos seis tipos de produtos galegos. "Italiana?", preguntábase o anuncio televisivo sobre a moda que amosaban os actores, para responderse: "Gallega". O mesmo pasaba co viño, que non era francés; a pel, que non era canadense; ou as xoias, que non eran holandesas. Todos eses produtos eran galegos, como o marisco. "Productos gallegos, el desafío de Galicia", dicía o anuncio, que proclamaba que "algo se mueve en Galicia que rompe tópicos".
O éxito das campañas publicitarias que comparaban produtos galegos con italianos, franceses ou canadenses fixo que en 1995 se crease unha sociedade que xa certificou máis de 850 produtos e 170 empresas
O éxito daquela campaña fixo que en 1995 se crease a sociedade anónima pública Galicia Calidade para xestionar e autorizar o uso da marca ante a "grande demanda para o uso do slogan e logotipo". Desde aquela a empresa pública certificou "máis de 170 empresas e 850 produtos dos sectores máis representativos da economía galega"
Pero coa chegada de Feijóo á Xunta o Goberno galego decidiu tirar de Galicia Calidade para máis obxectivos. En 2011 a Consellería de Industria pasou a publicitar as súas propias políticas con esa mesma marca, "ata agora centrada nunha sociedade certificadora", para aproveitar "o coñecemento xeneralizado e a valoración positiva que os cidadáns teñen da marca Galicia Calidade" e "ampliar a todos os departamentos da Consellería esa percepción conceptual". Queríase transmitir que "a pesar da crise, na Xunta de Galicia estanse poñendo as bases para que Galicia recupere a senda do crecemento" e que "Galicia é fiable económica e xuridicamente".
Esa aposta por Galicia Calidade como identificador políticas económicas da Xunta foi aínda máis alá cando en 2014 o Goberno galego acordou converter ese selo "na marca paraugas da economía galega para impulsar a súa competitividade nos mercados exteriores", pasando a crear "novos criterios para que os produtos xa certificados por outros selos de orixe poidan utilizar o emblema de Galicia Calidade.
Tras proclamar Rueda no seu discurso do debate de política xeral que "o mundo aínda non sabe ata que punto Galicia é calidade", agora Turismo de Galicia incluirá a marca na súa próxima campaña de promoción turística do país
Agora o Goberno de Alfonso Rueda dá máis pasos na senda xa iniciada. O pasado 23 de abril, no debate de política xeral, o presidente pechou o seu discurso inicial tirando da marca: "O mundo aínda non sabe ata que punto Galicia é calidade. Demostrémosllo xuntos", rematou aquela intervención. Nun sentido semellante, tamén empregou a marca para pechar a súa intervención no acto institucional polo Día das Letras Galegas, este 17 de maio en Malpica.
Tres semanas despois Turismo de Galicia vén de sacar a concurso a creatividade e produción dunha nova campaña de promoción do país. Entre as súas condicións establécese que a estratexia de promoción turística de Galicia en 2025 deberá "garantir a incorporación da identidade de Galicia Calidade, reforzando a súa vinculación co destino como símbolo de calidade e garantía".
"Neste marco estratéxico, a integración da marca Galicia Calidade convértese nun elemento crave para reforzar a coherencia visual e conceptual da mensaxe", incide a Xunta nos seus pregos de condicións, para reclamar que "a campaña debe garantir a presenza desta marca en todas as pezas creativas, promovendo o seu valor como selo distintivo da calidade turística galega, xa que a asociación con Galicia Calidade permite diferenciar a oferta turística galega e reforzar o seu recoñecemento". Así, "en todas as pezas e accións que se desenvolvan polo adxudicatario deberán respectarse as normas sobre o uso dos elementos básicos de identidade corporativa" tanto da Xunta como "os referidos á identidade de Galicia Calidade".