Rueda afonda na autoemenda con anuncios sociais e de autogoberno

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, amosando a capa do seu discurso no inicio do debate de política xeral, este 23 de abril no Parlamento CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O presidente abre o seu duodécimo debate de política xeral, o segundo á fronte do Goberno, prometendo 24 residencias de maiores "da man co sector" ou a reclamación de novas competencias

Alfonso Rueda acumula doce debates de política xeral como membro do Consello da Xunta. O iniciado este 23 de abril no Parlamento é o seu segundo como presidente, tras a súa estrea no de 2023, ano e medio despois de herdar o cargo tras a dimisión de Alberto Núñez Feijóo. Pero é o primeiro politicamente con plenos poderes tras ser referendado polas urnas como candidato do PP á presidencia en 2024.

O discurso co que o xefe do Executivo abriu o que, xunto ao orzamentario, é o debate parlamentario máis relevante, estivo marcado pola liña que vén mantendo dende os comicios do pasado ano. Unha liña de autoemenda que, sen afastarse -nin moito menos renegar- dos gobernos de Feijóo que vicepresidiu, incide en anuncios en materia social e de autogoberno nos que o seu xefe de filas fraqueou ou estivo directamente ausente.

Un intre do discurso do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no debate de política xeral CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

No eido social, en sentido amplo, o gabinete do PP enfocou como un dos anuncios estrela da primeira intervención de Rueda no debate un "plan de construción de residencias" da terceira idade que, asegura, implicará abrir "24 centros con 1.800 novas prazas" en concellos de menos de 50.000 habitantes. Á espera de máis detalles, todo apunta non obstante a que eses centros non serán integramente públicos, xa que o propio presidente bosquexa que lanzará o plan "da man co sector". Actualmente, máis da metade das prazas de residencias de maiores en Galicia teñen xestión con ánimo de lucro.

Rueda envolve promesas coma un "equipo específico" para afrontar a guerra comercial ou unha viraxe cara á "seguridade e a defensa" do polo aeroespacial de Rozas na vontade de pensar "Galicia en grande", internándose outra volta en marcos retóricos clave para o BNG nos últimos anos

Unha nova desgravación na declaración da renda para mercar libros de texto -no canto dos libros de texto públicos suprimidos en 2009- ou un bono de 50 euros para mercar peixe son outras das promesas principais dun discurso no que o presidente da Xunta asegurou tamén que, tras lograr o traspaso das competencias de xestión do litoral -as primeiras en 17 anos- apostará por obter outras novas. Así, Rueda incide na peticións das competencias en alertas meteorolóxicas, permisos de traballo de persoas estranxeiras e do Ingreso Mínimo Vital, ademais do traspaso da AP-9 que segue bloqueado no Congreso. 

Outra autoemenda no autogoberno, de facto, tras as cero competencias obtidas por Feijóo. Unha escaseza que o actual Goberno di pretender inverter tamén en materia de vivenda porque, asegura admitir, a situación é "mala" e "non é normal" o panorama de actuais dificultades. De aí, reitera, a aposta por "duplicar o parque público de vivendas".

Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro, con membros dos grupos do BNG e do PSdeG no inicio do debate de política xeral CC-BY-NC-SA Praza.gal

Alfonso Rueda envolveu anuncios coma estes nun marco retórico que, como non poucos dos seus anuncios e intervencións no primeiro ano de lexislatura, se interna nalgunhas das lindes, conceptos e liñas argumentais nas que o BNG apoiou o seu forte crecemento electoral de 2024. Así, afirma que as devanditas promesas, a creación dun "equipo específico" para analizar as consecuencias da guerra comercial, a defensa da implantación de Altri en Galicia ou unha viraxe no polo aeroespacial de Rozas con 180 millóns para unha iniciativa "reorientada á seguridade e á defensa" forman parte do seu plan para pensar "Galicia en grande".

O xefe do Executivo contrapón o seu "sentidiño" co Bloque, ao que volve caricaturizar coma "os do non"

"Seguir proxectando unha Galicia en grande", "pensar Galicia en grande", "nunha Galicia calidade" que "significa sacudirnos os complexos e os medios e confiar en que os nosos fillos e netos poden vivir mellor do que nós vivimos", proclamou o presidente. Salferido, non obstante, con apelacións ao proverbial "sentidiño" e da caricaturización do Bloque coma "os do non" en varios puntos do discurso.

No derradeiro debate de política xeral da pasada lexislatura, o primeiro de Rueda na presidencia, Ana Pontón erixiu a alternativa política do BNG como a vía para "construír a Galiza en grande que queremos e merecemos". Ese mesmo marco acompañou o Bloque na carreira electoral do ano pasado e así o lembrou a formación soberanista durante o propio discurso de Rueda. 

Vista xeral do hemiciclo do Parlamento durante o discurso inicial de Rueda no debate CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Tras a intervención inicial do presidente, o debate de política xeral continúa na tarde coa intervención dos grupos parlamentarios. Será, como é costume, por orde crecente de representación, comezando polo deputado de Democracia Ourensana, Armando Ojea, continuando polo socialista José Ramón Gómez Besteiro, a nacionalista Ana Pontón e o voceiro do PP, Alberto Pazos.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.