O 11 de febreiro de 2009, ás portas da campaña electoral, Alberto Núñez Feijóo citou á prensa na lonxa do Hostal dos Reis Católicos, dende onde se albisca a residencia oficial de Monte Pío, para marcar perfil presidencial. Alí expuxo o que deu en chamar o seu Contrato con Galicia, un decálogo con dez compromisos de "rexeneración democrática" que, asegurou, aplicaría no caso de chegar a ser presidente da Xunta, o cal nese momento era cando menos dubidoso que chegase a suceder. Apenas dous meses e unha semana despois, Feijóo era investido presidente en virtude da maioría absoluta que o PP lograra naqueles comicios.
Cunha medida escenografía, a candidata do BNG augura que o país está "ás portas dun cambio histórico" que "require dun programa de goberno ambicioso"
Case década e media despois, este 24 de xaneiro o BNG fixou un punto de encontro con Ana Pontón a apenas cen metros daquel espazo no Hostal. Na propia Praza do Obradoiro, no inicio da avenida de Raxoi. Coa catedral ao fondo e un atril cunha única palabra, "presidenta", a portavoz nacional e candidata do Bloque á presidencia o 18F presentou os seus Dez compromisos de goberno para unha Galiza en grande. Un decálogo que, no seu caso, combina principios políticos xerais con promesas concretas a partir das que, di, a formación se propón impulsar "a maior transformación en 40 anos" se lidera o vindeiro Executivo.
Cunha escenografía medida, Pontón asegura que sintetiza deste xeito as "liñas mestras do programa de goberno" porque "Galiza está ás portas dun cambio histórico" que "require dun programa de goberno ambicioso". Porque do que se trata, mantén, é de "cambiar a historia" do país mediante esa mudanza política.
O "rescate da Atención Primaria" e "libros de texto gratuítos", o organismo científico Innogal ou o traspaso de competencias pendentes inclúense nos "compromisos de goberno" formulados por Pontón
O decálogo de Pontón está encabezado pola promesa de "reforzar os servizos públicos", que concreta en medidas específicas. Entre elas, un "plan de rescate da Atención Primaria" do Sergas e a aprobación, "no primeiro Consello da Xunta" dese eventual novo Goberno, da "gratuidade dos libros de texto" xa para o curso vindeiro. Neste eido, agrega que contempla tamén "duplicar o servizo de asistencia no fogar" e "mil novas prazas anuais nas escolas infantís".
O documento continúa coa intención de "poñer Galiza producir e xerar emprego de calidade" mediante proxectos como un "plan de fomento da actividade tecnolóxica e industrial" que, aseguran, contribuiría a "xerar 12.000 postos de traballo" ata 2030. Vinculado con isto, Pontón promete un "pacto galego pola ciencia" e a creación do Innogal, o organismo público para potenciar a investigación e dar estabilidade ao persoal que xa defendeu no Parlamento na lexislatura que remata.
A "loita contra a emerxencia climática e poñer a enerxía ao servizo da sociedade" con accións como crear "unha empresa pública de enerxía" ou impulsar a "transferencia de 35 competencias pendentes" destacan tamén nun decálogo no que o BNG compromete un "novo modelo de mobilidade e acceso á vivenda". Neste eido, aposta polo tren de proximidade "nas áreas urbanas máis poboadas", unha "tarifa plana de transporte intermodal por 30 euros ao mes e "un plan para mobilizar vivenda baleira e poñela no mercado a prezos limitados", ademais de "duplicar as axudas ao alugueiro".
O decálogo presentado polo Bloque inclúe a creación dunha empresa pública de enerxía, tren de proximidade e que "a dirección da CRTVG sexa nomeada mediante concurso público"
A creación dunha Valedora da Igualdade e o veto a que "ningunha empresa que discrimine as mulleres poida recibir fondos públicos", en materia de políticas feministas ou "máis apoio á lingua e á cultura" figuran tamén no decálogo formulado con Pontón. En política internacional prioriza "incementar a cooperación ao desenvolvemento" e "poñer en marcha unha estratexia de cooperación con Portugal".
Os "compromisos de goberno" bosquexados por Pontón conclúen co apartado de "rexeneración democrática e defensa dos dereitos e liberdades", área que "empeza" por "dar á cidadanía uns medios públicos independentes nos que a dirección da CRTVG sexa nomeada mediante concurso público", o que implicaría reformar a lei dos medios público. O seu goberno, asegura, tamén aplicaría un "reparto xusto dos recursos público, sen partidismos nin discriminacións".
Defende Pontón que estes "dez grandes eixos de actuación" servirán para "poñer en marcha un país forte, vivo, produtivo, moderno e orgulloso" no que "poder vivir e traballar". "Esa é a Galiza en grande que quero poñer en marcha" mediante un cambio político que, mantén, xa é "imparable".