"A Xunta empeza a parecerse máis a un réxime personalista que a un goberno verdadeiramente democrático", asegura o socialista
Avellentamento ou dispersión dificultan en Galicia a prestación de servizos públicos, e esas realidades foron tidas en conta na condonación de 4.000 millóns da débeda galega ofrecida polo Goberno de España. Así o argumentou o líder do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, na súa réplica ao presidente Rueda no debate de política xeral, no que pediu que o Goberno galego acepte os cartos ofrecidos polo Estado para contribuír á modernización da economía galega. "España medra e é un referente no conxunto de Europa, pero Galicia apenas aproveita esa onda", lamentou Besteiro.
Na súa primeira reacción ao discurso de Rueda, pola mañá, o socialista xa o cualificara como "decepcionante" e "autobombo", asegurando que o presidente "está un pouco subidito". Pola tarde insistiu en que o presidente "dixo hai un ano que non ía caer na autocompracencia": "oe, pois non parou... festa pola investidura, festa polos 100 días, festa polo ano, só faltou unha verbena", lamentou Besteiro.
O socialista criticou especialmente o acto de balance dun ano de goberno celebrado hai uns días con receptores de axudas sociais que as agradeceron entre bágoas. "A Xunta empeza a parecerse máis a un réxime personalista que a un goberno verdadeiramente democrático", censurou Besteiro, quen pediu a Rueda que "non deixe que o Telexornal lle tape a realidade de Galicia".
A esa realidade dedicou o socialista boa parte da súa intervención, salientando que hai "20.660 galegos e galegas esperando por unha vivenda pública, sen contar as que xa nin se molestan en apuntarse", ou que "compre agardar dez días para unha cita no centro de saúde". E para axudar a paliar eses e outros problemas Besteiro propuxo que a Xunta acepte os 4.000 millóns de euros de quita da débeda ofrecidos polo Estado, "unha proposta que facemos os socialistas e que é moito máis ambiciosa da que fixo nunca calquera outro grupo político nesta Cámara ou nas Cortes Xerais".
Besteiro tamén se referiu na súa intervención ao proxecto de Altri, logo de que veña de coñecerse a primeira negativa do Estado a facilitarlle fondos públicos. "Díxenlle hai meses que se fose polo PSdeG ese proxecto recibiría cero euros", lembrou, para cualificalo como "gran erro" da Xunta. "Tócalle a vostede explicar por que avala persoalmente o proxecto de Altri", reclamou o socialista ao presidente. "O debate non é se industria si ou industria non, senón que industria si e que industria non", sentenciou.
Fronte ao que considera inacción ou políticas erradas da Xunta, Besteiro presentou actuacións socialistas a través do Goberno de España como as sucesivas rebaixas de peaxes na AP-9. Unhas medidas do executivo de Pedro Sánchez ao que defendeu fronte ás críticas reiteradas de Rueda. "Falou moito de Pedro Sánchez, quizais demasiado, tanto que xa non parece estratexia, parece unha verdadeira obsesión, súa e tamén do seu xefe Alberto Núñez Feijóo", dixo o socialista.
Besteiro aspira a "construír unha alternativa" coa premisa de que "a política útil non é fácil, pero a política fácil case nunca é útil"
Este é o primeiro debate de política xeral no que participa Besteiro. No último, en outubro de 2023 -non están previstos nos anos en que hai eleccións galegas, como ocorreu en 2024- o socialista fixo coincidir o discurso inaugural de Rueda co seu anuncio de que aspiraría a ser candidato do PSdeG á Xunta. Ano e medio despois Besteiro segue aspirando a "construír unha alternativa" ao PPdeG. "A política útil non é fácil, pero a política fácil case nunca é útil", concluíu o socialista.
Democracia Ourensana e PPdeG

Ademais de Pontón e Besteiro, no debate de política xeral tamén deu réplica a Rueda o deputado de Democracia Ouresana, Armando Ojea, que se queixou do trato insuficiente que a Xunta dá a Ourense. Ojea pediu maior financiamento municipal por parte do Goberno galego e salientou que a súa provincia é a máis afectada polo despoboamento, polo que reclamou un plan específico de industrialización.
O popular Pazos Couñago agradeceu a Rueda "o moito feito" e desexoulle "boa sorte e bo camiño"
Pola súa banda, polo grupo parlamentario do PPdeG interveu o seu portavoz, Alberto Pazos Couñago, quen lamentou que Rueda estea a ser criticado por "cumprir compromisos". "Un presidente libre, autónomo e sen máis tutela que a do pobo galego", dixo o popular, que rematou agradecéndolle "o moito feito" e desexándolle " boa sorte e bo camiño".