Receptores de axudas sociais agradécenas entre bágoas á Xunta nun acto de balance de goberno

Rueda con receptores de axudas sociais no acto "Estilo Galicia" de balance dun ano de goberno CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Rueda asegura que as persoas participantes no acto denominado "Estilo Galicia", presentado como un programa de televisión de testemuñas, "podían dicir o que lles petara"

Un ano despois da toma de posesión do Goberno de Alfonso Rueda a Xunta organizou este martes na Cidade da Cultura un acto de balance titulado "Estilo Galicia". Durante o mesmo, con música épica e dirixido por unha presentadora con palabras grandilocuentes como un programa de televisión de testemuñas, varias persoas agradeceron, mesmo entre bágoas, as axudas sociais recibidas da Xunta. 

Rueda é recibido entre aplausos no acto de balance dun ano de goberno CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Polo escenario foron pasando un estudante de último ano de Medicina que asegurou que puido facer a carreira grazas á gratuidade das matrículas universitarias implantadas no último curso. Unha muller que acaba de recibir un piso de protección social. Outra muller que coida da súa nai e pode descansar algo "grazas" ao Bono Social que obtivo da Xunta. Ou un home que tras un accidente laboral sufriu un ictus e entre bágoas agradeceu tamén a axuda que recibe. Mentres, a presentadora salientaba que grazas á Xunta o home pode ser coidado na súa casa porque "non quería marchar a unha marabillosa residencia" como as que hai en Galicia.

Tras as testemuñas, a condutora do acto asegurou que todo isto en Galicia "conséguese en equipo", e presentou e invitou ao escenario aos conselleiros e conselleiras e o presidente Rueda, "o equipo", recibidos entre aplausos. Durante a súa intervención, que serviu de peche ao acto, o presidente eloxiou "o ben" que o fixo a presentadora e asegurou que todos os que participaran nel "podían dicir o que lles petara". A presentadora deu por rematado o acto informando aos invitados de que habería a continuación "un fabuloso petisco".

Rueda con receptores de axudas sociais no acto "Estilo Galicia" de balance dun ano de goberno CC-BY-SA David Cabezón - Xunta de Galicia

Á marxe deste acto, a axenda pública da Xunta deste martes laborable estivo dominada por actos relixiosos. Dos sete actos previstos, catro consistiron en asistir a procesións de Semana Santa.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.