A administración considera válidas para coidar dependentes en casos de emerxencia a persoas que non están capacitadas, pero ao tempo esgrime esa incapacidade para negar a prestación económica por coidado na casa
O último informe anual da Valedora do Pobo, feito público este luns, segue a poñer o foco, como en anos anteriores, nas demoras dos procesos de recoñecemento da dependencia e de asignación de recursos asistenciais ou económicos ás persoas xa recoñecidas. Pero nel faise fincapé no distinto trato que a Xunta dá a persoas maiores ou enfermas que son á súa vez coidadoras de persoas dependentes.
A Valedora censura que sexan consideradas válidas para coidar en situacións de emerxencia e así evitar unha actuación máis rápida da propia administración pero ao tempo que a súa incapacidade para coidar mellor sexa esgrimida como argumento para non recoñecerlles a prestación económica a que teñen dereito os coidadores de dependentes nos seus propios domicilios.
Entre as diversas demoras denunciadas pola Valedora en distintos trámites relacionados co recoñecemento da dependencia ou a asignación de recursos asistenciais o informe pon o foco nos casos en que a normativa esixe unha atención urxente da persoa dependente, por desamparo ou abandono, malos tratos físicos ou psíquicos, risco grave inminente para a súa integridade física ou psíquica ou no caso de menores de tres anos. Neses casos, di a Valedora, "non resulta infrecuente a interpretación restritiva" deses supostos por parte da Xunta, "en especial cando a persoa dependente vive cunha persoa coidadora que por razóns obxectivas de saúde, idade ou capacidade non pode atender as tarefas de coidado".
Neses casos, malia haber unha persoa dependente en risco inminente ou mesmo menores de tres anos, aínda que o coidador sexa unha persoa maior ou enferma "soe interpretarse que non existe desamparo, a pesar de que os coidados son moi precarios e a persoa coidadora sofre prexuízos de consideración".
Porén, di a Valedora, esa "interpretación restritiva" é formulada en sentido contrario cando a persoa maior ou enferma coidadora dunha persoa dependente pretende cobrar unha prestación polos seus coidados.
A Valedora lamenta que a interpretación restritiva que fai a Xunta da normativa en materia de dependencia "afecta especialmente ás mulleres, que son a maioría das que desenvolven esas tarefas de coidado"
"Cando se valoran as circunstancias das persoas candidatas a ser coidadoras na contorna familiar tense como circunstancia determinante para negar a prestación a incapacidade da persoa coidadora para realizar o coidado", salienta a Valedora. "Porén, cando tratamos a emerxencia social non se ten en conta a incapacidade da persoa coidadora", censura a defensora do pobo.
O informe anual salienta que esta situación de trato dispar a persoas coidadoras de persoas dependentes "afecta especialmente ás mulleres, que son a maioría das que desenvolven esas tarefas de coidado". "Este prexuízo é evitable e debería desbotarse", reclama a Valedora á Xunta.
A Valedora tamén puxo en cuestión a suposta "prioridade" que a Xunta dá no recoñecemento da discapacidade a vítimas de violencia de xénero
Estas críticas no informe anual da Valedora chegan despois de que esa institución veña de facer público hai unhas semanas unha situación semellante de interpretación restritiva dos criterios para axilizar o recoñecemento da discapacidade a vítimas de violencia de xénero. Malia que ese é un dos supostos que permite en teoría axilizar os demorados procesos de recoñecemento da discapacidade, a Valedora censura que o Goberno galego non só esixe ás solicitantes que acrediten a "existencia dun procedemento aberto, xudicial ou administrativo, relativo á violencia de xénero", senón tamén "que o referido proceso poida verse afectado polo recoñecemento e cualificación do grao de discapacidade".
Para a Valedora esa condición "deixa fóra da priorización que tratamos a gran parte das persoas que acreditan ser vítimas de violencia de xénero". Isto é, ao igual que coa dependencia a Valedora puña o foco en que os supostos previstos para acelerar trámites en determinados casos deixan na práctica fóra a parte desa poboación que en teoría se pretende priorizar.