Pontón acusa de "absolutismo" a Rueda e pon Altri como exemplo da súa "deslealdade"

Ana Pontón, durante a súa intervención no debate de política xeral CC-BY-SA Parlamento de Galicia

"É o presidente máis desleal da historia", dixo en varias ocasións Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, sobre Alfonso Rueda durante a súa intervención no Parlamento no debate de política xeral. Insistiu nas críticas a un presidente da Xunta que considera "subordinado a Madrid" e ao que acusou de "confundir maioría absoluta con absolutismo". "O resultado das eleccións non é un cheque en branco", asegurou sobre un xefe do Executivo que, di, "non cre no autogoberno". 

Pontón acusa a Rueda de "desleal" e de "vender Galiza a prezo de saldo" nun discurso ateigado de alusións a Altri, "o paradigma da deslealdade"

A líder nacionalista insistiu na idea dun presidente da Xunta e dun goberno "antigalego e desleal", acusándoo de "vender Galiza a prezo de saldo" e "poñer os intereses duns poucos por riba dos demais", sinalando o conflito de Altri como "paradigma" e advertindo dun país "malvendido ao mellor ofertante". 

"Só trae para Galiza os proxectos industriais que ninguén quere", advertiu Pontón, que lembrou que apuntou tamén á mina de Doade para advertir de que "espoliará" o litio galego para que "a fábrica das baterías" feitas con ese mineral acabe en Zaragoza, onde "creará 4.000 empregos". "A empresa que tamén ten as oficinas en Zaragoza", lembrou, mentres reprochou a Rueda que non esixa que a produción destas baterías se faga no país. 

Ana Pontón, durante a súa intervención no debate de política xeral CC-BY-SA Parlamento de Galicia

Foi un exemplo máis, pero o proxecto de Altri pairou sobre case todo o discurso de Pontón. A portavoz nacional do Bloque veo como "o paradigma" da "deslealdade" da Xunta. Así, propuxo a Rueda que se una a ela para "desactivar esa bomba e traballar xuntos" para que os 250 millóns que a empresa reclama de axudas públicas se mobilicen "para sanear o río Ulla e a ría de Arousa, apoiar pemes e autónomos e os sectores produtivos". "Iso si que é un proxecto tractor", engadiu. 

Nova moratoria ao eucalipto

Así, Pontón propuxo tamén a creación dun fondo soberano para sectores estratéxicos de 1,2 millóns e unha empresa de enerxía pública. Tamén reclamou axudas para o sector o pesqueiro e agrogandeiro e aludiu ao bono de 50 euros para a compra de peixe anunciado por Rueda. "Que peixe? O conxelado desde a China en contedores cando termine de arruinar o noso mar coa contaminación de Altri?", preguntou. 

Ademais, demandou unha nova moratoria na plantación de eucaliptos, "ata 2030 como mínimo", e a recuperación de 100.000 hectáreas para terras de cultivo. Tamén activar a compra pública de produtos agroalimentarios "para que o 50% dos de comedores escolares, residencias e hospitais os teñan frescos e de proximidade". "Copie tamén estas medidas do BNG e acertará", pediulle tras asegurar que Rueda vén de imitar a aposta por un tícket rural que xa fixera o Bloque. Ademais, lembrou que as papeleiras portuguesas veñen agora a Galicia a polo eucalipto "que non poden producir" no seu país. 

Respecto da sanidade e dos servizos sociais, animou a Rueda a "corrixir" todas as deficiencias do Sergas que "é a maior ETT de Galiza", dixo. "Hai que poñer en marcha un plan de choque para reducir as listas de espera", engadiu, tras defender tamén un plan para rescatar a Atención Primaria e denunciar o incremento nos concertos coa sanidade privada. "Só con 10 dos 242 millóns destinados a iso poderían contratarse os psicólogos que precisa a sanidade pública", engadiu. 

Pontón considera o acto de Rueda con beneficiarios de axudas sociais "máis propio dun ególatra que dun servidor público": "Un bochorno para maior gloria súa"

Ademais, fixo referencia tamén á "autodemolición" do hospital materno de Ourense ou ao "colapso" do Servizo de Axuda no Fogar, para logo criticar con dureza o polémico acto do presidente da Xunta con beneficiarios de axudas sociais. "Foi bochornoso, para maior gloria súa, máis propio dun ególatra que dun servidor público", dixo. 

"Nunca pensei que poderiamos asistir a un acto de tal indignidade, xa non polo dispendio, senón polo uso da dor das persoas para facer propaganda. Hai un límite para case todo na vida e neste caso chámase decencia", dixo quen advertiu do Ruedafeudalismo. "Onde a xente ten que irlle dar as grazas ao gran líder polos favores que reparte; non quere dereitos, quere caridade, non quere cidadanía, quere servos", insistiu. 

Tamén reprochou Pontón as que, segundo dixo, son promesas da Xunta aínda incumpridas neste ámbito, como o desenvolvemento da lei de accesibilidade, o rexistro de familias monoparentais, a estratexia para combater a soidade ou un novo modelo de residencias públicas, así como a privatización de centros de crise 24 horas contra a violencia machista. "A súa palabra non vale nada", espetoulle. 

Límite ás vivendas turísticas

Por outra banda, reclamou a gratuidade dos libros de texto e unha "explicación" de por que se opón a Xunta, ademais de poñer en dúbida o anuncio da creación de 24 residencias para maiores. "Nos últimos 16 anos non se creou unha soa praza pública". "Acumula un feixe de propostas que levan á nada", advertiu. 

En canto á política de vivenda, Pontón acusou a Rueda de "dinamitala" e ir "fracaso" tras fracaso. Ante a grave situación, propuxo "retirar todas as vivendas turísticas ilegais que hai no rexistro da Xunta", fixar un "límite máximo" deste tipo de vivendas por habitante ou mobilizar vivendas baleiras para vivendas sociais.

Tamén tratou a situación de "emerxencia lingüística" e, ante isto, pediulle a Rueda "pactar prazos e orzamentos para aplicar o grande acordo entorno á lingua: o Plan Xeral de Normalización". "Cumpran o pactado e derroguen o decreto da vergoña", reclamou, tras criticar tamén unha CRTVG convertida "no NO-DO do PP" e reclamar máis autogoberno e "un novo estatuto de nación". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.