O PP di "non" a todas as propostas do BNG e só pacta unha do PSdeG

Paula Prado (PP), Olalla Rodil (BNG), Elena Espinosa (PSdeG) e Armando Ojea (DO), intervindo durante a sesión final do debate de política xeral, sobre unha imaxe xeral do pleno, este 25 de abril CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Imaxes: © Parlamento de Galicia

Os populares culminan o debate de política xeral no que caricaturizaron a nacionalistas e socialistas como a "Galicia do non a todo" rexeitando 79 das súas 80 propostas de resolución

"Os do non". O marco no que as dereitas en xeral e o PP en particular encadraron o BNG durante os seus ascensos electorais na década de 1990 rexurdiu con forza no argumentario popular durante o debate de política xeral que finalizou este venres, o primeiro da lexislatura e o primeiro, polo tanto, no que o Bloque conta con 25 escanos, o seu máximo histórico.

O "non" do PP foi o que atoparon, paradoxalmente, todas e cada unha das 40 propostas de resolución formuladas pola formación nacionalista no debate. Para os conservadores o grupo liderado por Ana Pontón son "os do non" e o Bloque canda o PSdeG representan a "Galicia do non a todo", en verbas da súa secretaria xeral e vicevoceira parlamentaria, Paula Prado. As propostas socialistas, non obstante, non tiveron moita mellor sorte, toda vez que o PP só aceptou parcialmente unha das 40 iniciativas dos de José Ramón Gómez Besteiro.

Ese acordo, unha transacción en torno á proposta na que o PSdeG propuña "redefinir" o plan de ensino dixital E-Dixgal -tamén retornar á gratuidade universal dos libros de texto mediante manuais públicos, aspecto rexeitado polo PP-, é a única achega dos grupos da esquerda que non bateu coa negativa do grupo que sustenta o Goberno e que, polo tanto, queda plasmado nos resultados finais do debate. 

Os conservadores sacan adiante todas as súas iniciativas modificando só unha delas de acordo co Grupo Socialista, aceptan íntegras 5 e parte doutras 7 de Democracia Ourensana

As 79 iniciativas restantes de BNG e PSdeG foron rexeitadas pola maioría absoluta do PP. Adicionalmente, os conservadores brindáronse a modificar parcialmente unha das súas propostas de resolución, sobre a redacción do novo Plan de Saúde Mental do Sergas, nun segundo acordo co Grupo Socialista.

Maior acollida relativa colleitou o único deputado de Democracia Ourensana na súa estrea nun debate de política xeral. O Grupo Popular accedeu a aprobar integramente cinco propostas de resolución de DO e a aceptar parcialmente outras sete, mediante transaccións en materias como cesión aos concellos de vías titularidade da Xunta, rehabilitacións de espazos urbanos, axudas aos regadíos da Limia ou un recoñecemento público a Isaac Alonso Estraviz.

Propostas de resolución rexistradas por PP, BNG, PSdeG e DO no debate de política xeral

Alén destes exiguos acordos e de sete votacións por unanimidade o PP sacou adiante todas as súas propostas de resolución, cinco delas por unanimidade. Ese mesmo acordo de toda a Cámara tamén a concitaron dous dos textos de DO, o pactado cos populares sobre A Limia e outro sobre seguridade viaria en contornas escolares.

As votacións deron lugar a sete unanimidades, cinco sobre propostas do PP e dúas sobre textos de DO

O PP aprobou as propostas que achegan máis ou menos concreción aos anuncios formulados polo presidente Rueda na xornada inaugural do debate. Tamén outras, como a reclamación de fondos ao Goberno de España para escolas infantís escasos meses despois de lle devolver 22 millóns de euros de fondos europeos nesta materia.

Segundo Prado, que dedicou boa parte da súa intervención sobre as propostas de resolución a defender o proxecto de Altri e censurar os grupos que se opoñen a el, o debate serviu para evidenciar dous modelos: "A Galicia que goberna" fronte á "Galicia que bloquea".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.